Ínaco
Na mitoloxía grega, Ínaco foi un deus río da Argólide. Era fillo de Océano e a titánide Tetis. Casou con Melia, filla de Océano e tivo dous fillos: Foroneo e Exialeo; outras fontes engaden tamén a Ío [1], Fegeo e Micena.
Nacera en Argos antes da existencia da raza humana [2], aínda que outras tradicións din que foi contemporáneo de Erictonio e Eumolpo. Tamén se asegura que foi el quen reuniu ós homes tralo diluvio de Deucalión e levounos a vivir xunto a un río ó que chamaron Ínaco no seu honor.
Xunto ós deuses fluviais Cefiso e Asterión, foi nomeado árbitro na disputa entre Hera e Poseidón pola posesión da Argólide, e sentenciaron que se adxudicase a Hera. En vinganza, Poseidón deixounos sen auga salvo na época das chuvias [3].
A súa filla Ío, que era sacerdotisa de Hera, foi seducida ou raptada por Zeus. Ínaco indignouse e perseguiu a Zeus pero este mandou contra el a erinia Tisífone, que o atormentou ata provocarlle a loucura. Ínaco terminou botándose ó río que ata entón se chamara Haliacmón e que desde aquela pasou a chamarse Ínaco. Outras fontes din que Zeus lanzoulle un raio e desde entón o río secou.
"Viuna Xúpiter de volta do río do pai e díxolle: 'Doncela digna de Xúpiter que no teu leito
farías feliz a calquera, diríxete ás sombras destes bosques profundos...
Non fuxas de min' (pois estaba fuxindo) . Xa deixara
os pastos de Lerna e os campos de Lirceo plantados con árbores
cando o deus estendeu a escuridade para ocultar a terra,
detivo a súa fuxida e quitoulle a súa honra".(Ovidio: Metamorfosis I, 590-601)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Outras fontes, como Pseudo-Apolodoro, fana filla de Iaso (Biblioteca mitológica II, 1, 3).
- ↑ O seu fillo Foroneo foi o primeiro home sobre a terra.
- ↑ Tiña prohibido volver a manifestar o seu desacordo mediante inundacións, como xa fixera nunha situación semellante en Atenas, que perdera fronte a Atenea.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)