Ano cero
O ano cero é inexistente tanto no calendario gregoriano coma no xuliano, dado que o ano 1 a.C. precede inmediatamente ao 1 d.C.[1]
Orixe da situación actual
[editar | editar a fonte]Os historiadores adoptaron esta convención, que fora proposta por Beda no ano 731 na Historia ecclesiastica gentis Anglorum ("Historia eclesiastica do pobo inglés"). Beda non usou o cero porque os anos non se contan desde 0 senón a partir do 1. Coñecía ben o número cero, porque foi a primeira epacta do ciclo de 19 anos utilizada para calcular a data da Pascua, tal e como explicou no seu De temporum ratione ("Acerca do cálculo do tempo", 725). A palabra latina nullae, que significa 'nada', utilizouse para nomear esta epacta, mentres que o resto foron numeradas con números romanos.
O ano cero é un concepto delimitador, non aglutinador.
Uso ordinal nas unidades de tempo
[editar | editar a fonte]O sistema de numeración das unidades de tempo é ordinal, non cardinal. Cando contamos as horas, os días, as semanas ou os séculos, estamos a usar ordinais. En efecto, cal sería o día cero da semana ou a semana cero do mes? Nunha lista ordenada, non hai cero; hai primeiro, segundo, terceiro etc. O tempo é un concepto esencialmente secuencial e, por tanto, ordenado. Cando falamos da hora 0, entendemos que é o momento no que empeza a primeira hora do día (mais non dura 60 minutos). Do mesmo xeito, o día 0 é o momento en que empeza o primeiro día dun período (mais non dura 24 horas) e o ano 0 é o momento en que empeza o primeiro ano dunha época (mais non dura 365 días).
Calendario xuliano proléptico: pros e contras
[editar | editar a fonte]O ano cero foi introducido polos astrónomos para normalizar a cronoloxía atendendo aos seus propios criterios e o calendario que o emprega denomínase Calendario xuliano proléptico. Esta decisión implicou un desfase no anos anteriores: de modo que o ano 0 sería o ano actual 1 a.C., o ano 1 a.C. sería o ano actual 2 a.C. etc. Porén existen diversas razóns a favor ou en contra para o seu uso.
Razóns a prol
[editar | editar a fonte]A razón pola que se defende o uso do ano 0 é que facilita os cálculos do mesmo xeito que en calquera sistema de medida como o sistema métrico. Unha persoa nada no ano 3, tivo 1 ano no 4; pode calcularse cunha simple resta: 4 - 3 = 1 (ano maior menos ano menor). Do mesmo xeito, unha persoa nada no ano 3 a.C., tivo 1 ano no 2 a.C.; pode calcularse tamén cunha simple resta considerando os anos AEC como números negativos (neste caso, debe terse en conta que -2 > -3): -2 - (-3) = 1. Co actual sistema de numeración, unha persoa nada no ano 1 a.C., tivo 1 ano no 1; mais non pode calcularse cunha simple resta: 1 - (-1) = 2.
Razóns en contra
[editar | editar a fonte]As razóns polas que se defende a conservación do sistema actual son evitar a posíbel confusión coas datas históricas a.C. nas numerosas obras publicadas até hoxe así como a incoherencia que provocaría coas outras unidades temporais antes citadas que obrigaría a ter tamén a hora 0, o día 0 da semana, o século 0 etc. Resulta máis fácil considerar que estamos a empregar un sistema ordinal de numeración. De feito, ao dicir "no século V" (no século quinto), estamos a utilizar o ordinal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nunes Marques, Manuel. "Origem e evolução do nosso calendário" (en portugués). Consultado o 26 de febreiro de 2017.