Saltar ao contido

Semana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A semana é un período de tempo de sete días consecutivos. Este período correspóndese coa cuarta parte dun ciclo lunar, de 28 días, que desde antigo serviu como base para o calendario lunar.

Nomenclatura

[editar | editar a fonte]

En lingua galega hai dúas formas para denominar os sete días da semana. Dunha banda consérvase a asociación de cada día cun dos planetas (que eran deuses pagáns), agás o domingo (Domenicus dies, día do Señor, de orixe cristiá) e mais o sábado, (Sabbatum, “día do sabá”, que ten orixe xudaica) e coincide coa nomenclatura noutras linguas romances. Doutra banda consérvase a nomenclatura imposta a partir do século VI pola Igrexa católica cun papel destacado de S. Martiño de Dumio, nomenclatura que combateu os nomes pagáns, mais a campaña só tivo éxito no continente europeo en Portugal e Galiza, onde se adoptaron as formas baseadas na forma feira (día de festa, "día santo" en latín).

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Nos países tradicionalmente cristáns obsérvase o descanso laboral no domingo, nos musulmáns no venres e nos xudeus (e polo tanto en Israel) no sábado. En case todos os países do mundo a semana comeza o luns/ na segunda feira, agás en Portugal e nalgúns países anglosaxóns (como os Estados Unidos), onde a semana comeza o domingo.