Saltar ao contido

A fonte do xuramento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A fonte do xuramento
Portada da primeira edición.
Autor/aFrancisco María de la Iglesia
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
Xénero(s)Teatro
Data de pub.1882
editar datos en Wikidata ]

A fonte do xuramento é unha peza teatral de Francisco María de la Iglesia, considerada a primeira obra representada en galego, en 1882.

Factores que rodean o seu nacemento

[editar | editar a fonte]

Antes do ano 1882, o teatro realizado en lingua galega era unha dramática de corte popular, incapaz de atraer para si as elites intelectuais ou socioeconómicas de Galiza. Por este motivo, Francisco María de la Iglesia, rexionalista comprometido e mestre de profesión, viu a necesidade de crear un teatro galego para minorías. O escritor, nado en Santiago de Compostela mais que daquela residía na Coruña, tentou convencer os seus correlixionarios para crearen unha dramática galega culta. Porén, non tivo éxito nesta súa tentativa. Incluso o resto dos rexionalistas coruñeses chegárono a bautizar co nome de Capitán Araña. Por este motivo, Francisco María de la Iglesia colleu azos e decidiu alpeirar el só coa súa causa. De feito, chegou a escribirlle en carta a Uxío Carré Aldao que non lle importaba iniciar el este tipo de dramática, a pesar de ser consciente de que os méritos recaerían no conxunto dos rexionalistas coruñeses. Foi así como naceu A fonte do xuramento.

A representación

[editar | editar a fonte]

Unha vez escrita A fonte do xuramento, non foi doada a súa estrea. E é que os prexuízos lingüísticos e sociais imperantes na Galiza da época dificultaban a consecución de actores e, especialmente, de actrices. De feito, o papel de Minia foi interpretado por unha rapaza de orixe francesa. Despois da estrea, unha parte importante dos rexionalistas non lle perdoaron ao escritor compostelán que presentase unha Galiza desconfiada e violenta, movida por baixas paixóns como o desexo carnal ou os celos, xa que esta visión se afastaba bastante da Galiza bucólica e idílica que o Rexionalismo pretendía fomentar.

A peza foi estreada o 13 de agosto de 1882 no Liceo Brigantino da Coruña, a cargo da sección de declamación do Liceo, dirixida polo actor Francisco Lumbreras. Tivo boa acollida entre o público e volveuse representar o 27 dese mes no mesmo lugar, e o 23 de outubro no Teatro Principal da Coruña. O 13 de xuño de 1884 foi representada de novo polo Liceo Brigantino.

Francisco María de la Iglesia.

A obra conta cunha trama realmente simple. Nela nárrase en verso romance a historia dunha rapaza, Minia, que "anda en amores" cun home dunha parroquia distinta á dela. Á parte da desconfianza que este home lles provoca a todos os habitantes da poboación de Minia, os mozos da parroquia séntense ofendidos por que un home de fóra "gañase" a súa moza máis prezada. Alén disto, e por se fose pouco, Alonso (personaxe que encarna os valores do perfecto rexionalista) leva tempo namorado de Minia.

Canda as festas do lugar, chega onda Minia unha muller que afirma que está a buscar o pai de seu fillo (o cal leva no colo). Precisamente, este resulta ser a mesma persoa de quen Minia está namorada. Por este motivo, a protagonista négase a crer as palabras da nai abandonada, mais un tráxico suceso ábrelle os ollos. E é que a súa parella, unha vez o encontrara a muller que o andaba a buscar, foi quen de tirar no chan o seu propio fillo (aínda un bebé), provocándolle a morte.

A obra finaliza cunha pelexa a mocazos entre os rapaces das parroquias rivais (o cal foi durante séculos unha tradición popular en moitos puntos do rural galego). Alonso e os seus deciden aproveitar a ocasión para vingarse do forasteiro. Mais a pelexa remata coa morte de todos os personaxes agás Alonso, quen é finalmente aceptado por Minia.

Outros apuntamentos de interese

[editar | editar a fonte]

Segundo Manuel Lourenzo e Francisco Pillado,[1] A fonte do xuramento encádrase dentro da corrente do realismo costumista. Está escrita en versos octosílabos. O seu autor, a pesar do que a obra suxire, furta da vista do espectador todo o que poida ser considerado desagradábel. Esta obra supuxo o inicio do teatro galego moderno.

  1. Lourenzo et al. 1979.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]