A galega da moeda
A galega da moeda | |
---|---|
Artista | Bartolomé Esteban Murillo ou un seguidor seu. |
Data | Ca. 1645-1659 |
Técnica | Óleo sobre lenzo |
Movemento | Barroco |
Dimensións | 63 cm × 43 cm |
Localización | Museo do Prado (Madrid) |
A galega da moeda é unha pintura barroca de Bartolomé Esteban Murillo ou, máis probablemente, de autoría anónima atribuíble a un seguidor seu. O cadro consérvase no Museo do Prado de Madrid.
Descrición
[editar | editar a fonte]Trátase dun óleo sobre lenzo pintado cara a mediados do século XVII, presumiblemente entre 1645 e 1659, cunhas medidas de 63 x 43 cm.[1]
A pintura presenta a figura dunha rapaza de medio corpo e inclinada, coa cabeza cuberta por un pano branco, que olla cara ao espectador cun sorriso, como ofrecéndolle unha moeda que leva na súa man dereita. A imaxe está iluminada intensamente por unha luz proveniente do lateral esquerdo.[1]
A técnica é suave e delicada, cunha grande atención ao detalle tanto na roupa como na expresión facial da rapaza. O artista utilizou unha paleta de cores suaves e cálidas, que acentúan a beleza natural da modelo.[2]
Algúns autores, como Jonathan Brown, atribúenlle a esta obra e a outras pinturas costumistas de Murillo un certo contido erótico,[3] e mesmo se chegou a identificar o tema d'A galega da moeda co d'A cortesá, de Jacob Adriaensz (1608-1651),[4] no que se amosa unha rapaza cos peitos descubertos amosando unha moeda, como indicativo do prezo dos seus servizos. Con todo, o estudoso da obra de Murillo e a súa época Enrique Valdivieso nega tal interprteación.[5][6]
O cadro pertence aos fondos do Museo do Prado, de Madrid, aínda que non se amosa na súa exposición permanente.[1] O mesmo museo alberga tamén unha copia litográfica d'A galega da moeda creada por Enrique Blanco entre 1826 e 1837, coa intención de ilustrar o terceiro volume da Colección litográfica de cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, aínda que finalmente non formou parte dela.[5][7]
Autoría
[editar | editar a fonte]Anteriormente este cadro foi adquirido como obra de Bartolomé Esteban Murillo por Isabel de Farnesio,[6] e nos inventarios posteriores a súa atribución alternou entre Murillo e un autor anónimo.[8]
Algúns autores sosteñen que foi pintado polo propio Murillo na década de 1670, durante a súa estadía en Madrid.[2] Angulo Íñiguez suxire, pola contra, unha probable autoría francesa ou italiana.[9] Pola súa banda, Valdivieso, no seu estudo sobre os discípulos e os seguidores de Murillo, adscribe a autoría da obra a este grupo de pintores,[10] que cultivaron unha pintura de xénero.[1][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "La gallega de la moneda". Museo del Prado (Museodelprado.es).
- ↑ 2,0 2,1 "La Chica con una Moneda (Niña de Galicia)". Kuadros.com
- ↑ Brown, J. (1982). "Murillo, pintor de temas eróticos. Una faceta inadvertida de su obra". En Goya. Revista de Arte. Nº 169-171. Páxinas 35-43
- ↑ "Cortesã. Museu Nacional de Arte Antiga". Matriznet.dgpc.pt
- ↑ 5,0 5,1 Valdivieso, E. (2002).
- ↑ 6,0 6,1 Pastoriza, F. R. (2017).
- ↑ "La gallega de la moneda. 1826-1837. Aguatinta litográfica". Museo del Prado (Museodelprado.es).
- ↑ 8,0 8,1 Orihuela, M. (1996). Páxina 100.
- ↑ Angulo Íñiguez, D. (1981). Vol. II. Páxina 557.
- ↑ Valdivieso, E. (2018). Páxinas 386-387.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Angulo Íñiguez, D. (1981). Murillo. Espasa-Calpe, Madrid, 1981. ISBN 84-239-4280-5
- Gaya Nuño, J. A. (1978). La obra pictórica completa de Murillo. Noguer, Barcelona.
- Orihuela, M. (1996). Pintores del reinado de Carlos II. Fundación Vidal Kutxa, Vitoria. ISBN 9788460620792
- Pastoriza, F. R. (2017). "La misteriosa gallega de Murillo". En Faro de Vigo. 3 de decembro.
- Valdivieso, E. (2002). "A propósito de las interpretaciones eróticas en pinturas de Murillo de asunto popular". En Archivo Español de Arte. LXXV. 300. Páxinas 353-359.
- Valdivieso, E. (2018). La Escuela de Murillo: Aportaciones al conocimiento de sus discípulos y seguidores. Universidad de Sevilla / Ayuntamiento de Sevilla.