A morte na literatura popular galega
Aparencia
Locucións
[editar | editar a fonte]- Á morte: estar a piques de morrer.
- A vida ou morte: facer algo con evidente perigo de morrer.
- Aire de morto: crenza supersticiosa segundo a cal as persoas que vían un cadáver cando o levaban ó cemiterio, non tardaban en morrer tamén.
- Aire dun defunto: denominación inespecífica para algúns defectos físicos ou taras
- Antes a morte: expresión de rexeitamento de algo que se estima intolerable.
- Arrincar a un dos brazos da morte: salvarlle a vida cando estaba a morrer.
- Ata a morte: firmemente resolto, pase o que pase.
- Axudar a ben morrer: auxiliar ó moribundo coas oracións apropiadas.
- Batallar coa morte: estar morrendo, agoniar.
- Busca-la morte: facer voluntariamente certas cousas que poden representar grave perigo.
- Caer na cova: recibir sepultura, ser enterrado.
- Caer redondo: caer repentinamente ó chan, morto.
- Caerlle a facha a alguén: dise de quen está a piques de morrer.
- Calado (caladiño) coma un morto, coma un defunto, coma un defuntiño: estar moi calado, sen dar fala.
- Chamar Deus a un: morrer. Tamén, chamouno Deus pra si.
- Como quen fala cun morto: frase de resignación ante non contesta ou non fai caso ningún.
- Dar morte: matar a alguén.
- De mala morte: loc. adxectiva que expresa un valor mínimo, desprezable.
- De morte: implacablemente, con ferocidade.
- Deus te aparte do día das gabanzas: aplícase ó día da morte, momento no que só se reciben loanzas.
- Estar á morte: estar un enfermo en estado crítico.
- Estar baixo os terróns": estar morto.
- Estar comendo pedra.
- Estar comendo terra: dise da persoa que morreu e está enterrada.
- Estar entre a vida e a morte: estar en inminente risco de morrer.
- Estar gozando de Deus: estar xa morto e, supostamente, no ceo.
- Estar ó pé da morte: estar un enfermo en estado crítico.
- Estar pensando na morte da becerra: non estar atento ó que se di ou se fai, estar absorto noutros pensamentos. Tamén, estar pensando na morte da burra.
- Estar tan morto coma a miña avoa: frase despectiva ante algo pasado de moda e xa sen valor. Tamén ten o sentido directo, co que se asegura que unha persoa está morta.
- Este ovo asado vai: aplícase a quen, por vello ou enfermo, está próximo a morrer.
- Feito de mala morte: feito mal, de calquera forma, sen nincún coidado.
- Feo coma a morte: extremadamente feo. Tamén Máis feo cá morte.
- Frío coma a morte
- Guerra a morte: sen dar cuartel.
- Ir pra baixo do chan coma as teupas: frase que anuncia a inminente morte de alguén.
- Ir pró ceo das teupas
- Ir soltando o ferro: frase coa que se indica a decadencia física dun vello. Procede do feito de que cando unha roda do carro vai vella, perde os cravos e as lamias.
- Ir garda-los pitos ó abade: morrer. Refírese á práctica de enterra-los mortos no adro da igrexa, próximo á casa reitoral.
- Loitar coa morte: estar durante longo tempo en agonía.
- Máis morto que vivo
- ¡Máis valera morrer!: expresión ante unha desgraza irremediable e de graves consecuencias.
- Morra o conto: frase para cortar unha discusión, forzando o paso a outro tema. Tamén se usa para pechar un trato.
- Morrer á miñoca: morrer na máis absoluta miseria, de fame; tamén morrer á mioca. Aplícase tamén en vida, co significado de estar na maior pobreza, vivindo de pedir esmola polas portas, e corre tamén nas formas andar, vivir ou casar á miñoca ou á mioca.
- Morrer adoecendo coma un can: morrer desesperado, padecendo moita dor.
- Morrer coma un can: morrer un só e abandonado de familiares e amigos, sen que ninguén coide dun ou se compadeza del.
- Morre-lo fogo: apagarse o lume.
- Morrer vestido: morrer violentamente.
- Morte en fóra: frase coa que se garante que se vai cumpri-lo compromiso adquirido, poñendo como única excepción a propia morte.
- Non ha de morrer de cornada de burro: aplícase a quen toma excesivas precaucións, mesmo ante perigos inexistentes.
- Non ser de morte: frase irónica ante un accidente ou enfermidade que non representa realmente ningún perigo grave.
- Non ser morte de home: ser menor o dano do que se esperaba, non ser tan prexudicial como se temía.
- Non ter aínda a tega chea: non ser aínda a hora de morrer.
- Ó pé da morte: a punto de morrer.
- Pan da morte: denominación xenérica de calquera cogomelo velenoso. Tamén pan da zorra e pan do demo.
- Paxaro da morte: denominación xenérica de calquera ave rapaz nocturna. Adoita usarse, por se-las máis comúns, ó moucho ou á curuxa.
- Pena de morte: a pena capital.
- Pola morte que debo a Dios: expresión coa que se reafirma a veracidade do que se asegura.
- Ser bo para [ir] busca-la morte: frase irónica que se aplica a quen tarda demasiado en facer un encargo que implica certa dilixencia.
- Ser tan certo como que temos que morrer: frase coa que se acredita que o que se di é absolutamente verídico.
- Sofrir morte e pasión: sentirse moi contrariado, atormentado, violento.
- Subir ó ceo: morrer, aplicado especialmente ós meniños.
- Tardarlle a un a brosa: dise do vello acabado próximo á morte. A brosa é a machada.
- Ver a morte ós ollos: atoparse nunha situación de extremo perigo.
- Ver a morte preto
- Volver un da morte á vida: recuperarse con ben dunha grave enfermidade.
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A morte a ninguén perdoa.
- A morte a todos iguala.
- A morte a uns dá boa e a outros mala sorte.
- A morte bárreo todo.
- A morte é boa cando certamente é mala.
- A morte é fonte da vida: morren uns pra que outros vivan.
- A morte é tan certa como a vida é incerta.
- A morte, nin buscala nin temela.
- A morte non veña, que achaque non faltará.
- A morte por todo morde.
- A morte sempre ten desculpa.
- A morte tódalas cousas iguala.
- A morte todo o atalla.
- A morte todo o descompón.
- A mortos e a idos non hai amigos.
- Á muller que ruín sexa, dúas tundas: unha para que Deus vaia vela, outra para que a ver a Deus vaia ela.
- A pena do morto chega ó horto.
- A quen morte allea desexa, a súa lle chega.
- A raíz de anciana todo sanda, menos o mal da morte que é moi forte.[1]
- A Santo André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.
- Achaque quer a morte.
- Achaque quer a morte, non sabe de que sorte.
- Alifaces quere a morte, mais chegar chega sen sorte .
- Amor e morte, nada máis forte.
- Andade a dicir verdades e morreredes nos hospitais.
- Antes morrer que deixarse matar.
- Antes morte que vergonza.
- Ata a morte, pé forte.
- Ata a morte ten vicio.
- Ata a morte, tente forte.
- Ata a morte, todo é vida.
- Ata morrer, todo é vivir.
- Ata a sepultura, a carne dura non é segura.
- Ben veñas, morte, se vés soa.
- Cabalo á carreira, sepultura aberta.
- Cada pobre enterra o seu pai como pode.
- Cada un enterra a seu pai como pode.
- Cando a ver un enfermo moitos médicos van alporízase o sancristán, porque é sinal de ¡din! ¡dan!.
- Cando menos se pensa, a morte chega.
- Cando morras, acabouse.
- Cando o neno endenta, a morte tenta.
- Cando o vello empeza a inchar e o novo a fraquear, sinal de logo marchar.
- Cando o vello non poida beber, pódenlle a cova facer.
- Cando se chama á morte e non vén, é que a súa razón ten.
- Casa nova, dono morto.
- Casar e morrer, á última hora.
- Casar e morrer, todo á vez.
- Casar e morrer, unha vez.
- Catarro, casamento, cagarreira e caída, catro ces que quitan ó vello a vida.
- Catro cousas levan ó vello á sepultura: cunha caída, unha pulmonía, casar cunha muller nova e unha cagarría.
- Ceas, penas e soles, matan ós homes.
- Cen anos hai que morreu, e aínda hoxe a vella chora.
- Coa morte todo se acaba.
- Coa morte todo se esquece.
- Coa morte todo se vai.
- Comamos, bebamos e runfemos, que ó cabo de morrer temos.
- Con aceitonas e pan quente, mórrese a xente.
- Con pan ou sen pan, o que non morra vivirá por san Xoán.
- Contigo me enterren, que ben me entendes.
- Contra a morte non hai casa forte.
- Contra a morte non hai home forte.
- Contra a morte non hai medio, pero a morte é un remedio.
- Corazón forte, ó seu dono leva á morte.
- Da fame non morre ninguén, de moito comer, máis de cen.
- Da morte non se escapa nin o rico nin o pobre, nin o rei nin o Papa.
- Dálle tres figas á morte se mexas claro, cagas duro e peideas forte.
- Dálle verzas en agosto se queres ver ó teu home morto.
- Das grandes ceas están as sepulturas cheas.
- De fame non morre ninguén; de moito comer, máis de cen.
- De morrer ninguén se escapa, nin o rei nin o Papa.
- De morte é sinal o non querer sandar.
- Déanos Dios pacencia, e morte sin penitencia.
- De facer testamento, faino a tempo.
- Despois de morrer, campanas por gaitas.
- ¡Deus dea que facer!... Dicía o enterramortos.
- Deus nos libre do día das alabanzas.
- Deus perdoe ós mortos e con saúde ós enterremos.
- Duro é non ter que comer, pero máis duro é ter que morrer.
- Ende morrendo, acabouse todo.
- Engordar, pra morrer.
- Enterro sin choros e romaría sin gaita, non teñen gracia.
- Espantouse a morte da aforcada cando a viu tan esguedellada.
- Está a vella morrendo e está deprendendo.
- Está un morrendo e está deprendendo.
- Estase a vella a morrer e aínda está por deprender.
- Este labor feito vai, dixo o que enterraba á muller.
- Fidalgo probe, na palla morre.
- Gori, gori, enterremos a este pobre, e se non ten diñeiro, enterrémolo no palleiro.
- Hai que saber con quen se gastan os cartos, moita cera cun ruín defunto é un atraso.
- Home honrado, antes morto que aforcado.
- Home morto, non come pan.
- Home morto, non dá fala.
- Home morto, non fai guerra.
- Home morto, non fala.
- Home morto, non gana soldo.
- Home morto, non pide rezos e responsos.
- Home vello e muller nova, deica a cova.
- Leite de cabra e leite de burra danse camiño da sepultura.
- Maio me molla, maio me enxuga, maio me leva á sepultura.
- Máis matan ceas que guerras.
- Máis val morrer que mal vivir.
- Máis vale cheirar de vivo a merda que de morto a incenso e cera.
- Máis vale de vivo cheirar a touro, que de morto a ouro.
- Mal alongado, morte no cabo.
- Mal de morte ó meu home lle cae en sorte.
- Mala morte mate á morte.
- Mordedura de alacrán: busca viño e busca pan, que mañá te enterrarán.
- Morra Marta, morra farta.
- Morran outros e vivamos, e con saúde os enterremos.
- Morre o rei e morre o Papa; e de morrer ninguén escapa.
- Morrer por morrer, morra meu pai que é máis vello
- Morte de pai, casa non desfai, pero si morte de nai.
- Morte de sogra e dor de nora, máis por dentro que por fóra.
- Morte duns é vida de outros.
- Morte duns, esterco doutros.
- Morte e venda desfai renda.
- Morte non veña que achaque non teña.
- Morto o burro, cebada ó rabo.
- Muller morta, sete á porta.
- Mulleres e malas noites matan ós homes.
- Na sepultura amolece a carne máis dura.
- Nin morte sin pranto, nin voda sin canto.
- Ninguén morre ata que Deus quer.
- Ninguén morre tan probe, que máis probe non nacese.
- No enterro, os achegados, e nas honras, os convidados.
- No nacer e no morrer todos iguais temos que ser.
- Non é mala morte cando fai o que debe o que morre.
- Non é o mesmo morrer, que ver morrer.
- Non hai como morrer pra coñecer a morte.
- Non hai como morrer pra que gaben a un.
- Non hai morte que veña, que achaque non teña.
- Non hai ninguén tan pobre que ó morrer non lle sobre.
- Non hai voda pobre nin mortuorio rico.
- Non se me dá nada, que en morrendo en todo se acaba.
- Non veña a morte, que achaque non ha faltar.
- Novo que morres, ¡vello que esperas!
- Nun ano morre a vella ou quen a leva.
- Nunca mellor morre o home que cando máis quer vivir.
- Ó cabo morrer, e a chave na porta.
- O caldo de galiña, ós mortos resucita.
- O día que te cases, ou te curas ou te matas.
- Ó enfermo purgádeo, sangrádeo, acochádeo, e se morre, enterrádeo.
- O erro do médico, a terra o tapa, o do avogado, o diñeiro o sanda.
- Ó escudeiro rico mórreselle a muller como a calquera veciño.
- O home que incha, se é mozo sanda, e se é vello, na cova rincha.
- O home que inchar, se for vello para morrer, se mozo para sandar.
- O loito do morto non chega ó suarego do horto.
- O mal da morte ninguén o entende.
- O mal da morte non ten cura.
- O mozo logo pode morrer, pero o vello pouco pode vivir.
- O mozo mirrar e o vello engordar é pouco durar.
- O mozo pode morrer, mais o vello non pode vivir.
- O que a ferro mata, a ferro morre.
- O que cede o seu antes que morra, merece na cabeza unha porra.
- O que dá o que ten antes de que morra, merece que lle dean cunha cachiporra.
- O que dá o que ten antes de que morra, que lle dean cachiporra.
- O que enferma para morrer, ningún remedio lle pode valer.
- Ó que ha morrer ás escuras, non lle importa ser cereiro.
- O que ha morrer ás escuras, pra nada quer candil.
- O que ha ser pobre, nunca rico morre.
- O que mal nos queira que no ceo nos vexa.
- Ó que morre, entérrano.
- O que no leite se mama, na mortalla se derrama.
- O que non mata, engorda.
- O que non se alaba, de ruín morre.
- Ó que por consello do demo se dá morte, Santiago a vida lle devolve.
- O que ten quen o chore, tódolos días morre.
- O que vive de recordos, vive entre os mortos.
- O que vive pobre e morre rico, é ben borrico.
- O vello que incha, na cova rincha.
- Onde hai morte, hai mala sorte.
- Onde hai morte, non hai boa sorte.
- Onde hai morte, non hai mala sorte.
- Onte morreu el, e xa ela casarse quer; ¡ai do que ten que morrer!
- Os enfermos cúranse nos libros e mórrense nas camas.
- Pagar e morrer, á última hora.
- Pai morto, fillo herdeiro.
- Pan quente e viño forte, ó vello danlle morte.
- Para o amor e a morte non hai cousa forte.
- Paxel que moito se lava e home que moito se cura, pouco duran.
- Picadura de alacrán, chama cura e sancristán.
- Picadura de denociña, busca cura e campaíña.
- Por eso morreu Pepiño, por beber auga en vez de viño.
- Por unha vella que morreu, cen anos de pestilencia
- Pra a morte non hai casa forte.
- Pra a morte non hai home forte.
- Pra a morte non hai remedio cando veña, senón estarricar a perna.
- Purgádeo, sangrádeo, coidádeo, e se morre, enterrádeo.
- Que morrer hemos, ben o sabemos.
- Que non morran as vacas, que os homes hainos a manadas.
- Queiramos ou non queiramos, pra morrer nacemos.
- Quen a morte de outro agarda, longa corda desata.
- Quen do alacrán está picado, cóidase medio enterrado.
- Quen en maio non merenda, ós mortos se encomenda.
- Quen está a pucheiro, anda a tratos co sepultureiro.
- Quen máis non pode morrer se deixa.
- ¿Quen morreu? Quen pan comeu e viño bebeu.
- Quen non teme á morte non é home forte.
- ¡Quen te desfai casa forte!, a morte.
- Quen teme á morte non desfruta da vida.
- Quen vive de recordos, vive entre mortos.
- Rapaz que vela e vello que dorme, sinal é de morte.
- Sabemos da morte, máis non sabemos de que sorte.
- Se a morte non nos para o carro, todos teremos un camiño andado.
- Se a pizma de liñaza non cura, ¡chama ao cura!.
- Se en xaneiro tose o neno, non teñas medo; se tose no mes da sega, pode ir pra terra.
- Se han de morrer dous que morra un.
- Se morremos, pra eso nacemos.
- Se ó vello lle quitan a pinguiña e mais a cociña, que o enterren axiña.
- Se os dores non matasen, ningún dor sería grave.
- Se queres facer testamento, faino antes de estar enfermo.
- Se queres ó teu marido matar, dálle verzas por san Xoán.
- Se queres ver á túa muller morta, dálle a comer samborga.
- Se te morde a donicela, busca camisa para a terra.
- Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañá che darán terra.
- Se te morde a salamántiga, que che fagan logo a cama.
- Se te morde o alacrán, busca cura e sancristán, que mañá te enterrarán.
- Se te morde un alacrán, busca viño e busca pan, sacerdote e sancristán, quen mañá te enterrarán.
- Se te morde un alacrán, garda viño e garda pan, que mañá te enterrarán.
- Se te morde un alacrán, tres días comerás pan.
- Se te morde un alacrán, xa non comerás máis pan.
- Se te pica un alacrán, chama crego e sancristán.
- Se te pica un alacrán, tres días comerás pan.
- Se te roe un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roe a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.
- Se te roe un alacrán, busca viño e busca pan, e mais crego e sancristán, antes hoxe que mañá, pois logo te enterrarán.
- Se tiveras a túa casa a arder, a túa muller a morrer, e no teu cu un abilleiro, ¿a quen acudirías primeiro?
- Saiba o home: morre o rico e morre o pobre.
- Tanto morre o Papa como o que non ten capa.
- Tanto ó rico coma ó pobre, dándolle a da morte, morre.
- Terás moita sorte se Deus cha dá, e morrerás de vello se chegas alá.
- Testamento non é enterramento, pero é presentimento.
- Todo está ben se a morte non vén.
- Todo ten remedio menos a morte.
- Todo vai ben, se a morte non vén.
- Unha boa morte é a mellor sorte.
- Unha hora pra morrer non ha faltar.
- Vai a vella morrendo e vai deprendendo.
- Val máis deixar na morte ó inimigo, que pedir na vida ó amigo.
- Val máis morte calada, que pública desventura.
- Vale máis que digan Aquí correu ca Aquí morreu.
- Vello que fai voda, cava sen querer a súa cova.
- Vello que incha, logo rincha.
- Vello que incha, na cova desincha.
- Vén a morte e non se sabe de que sorte.
- Vida sen amigos, morte sen testigos.
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Casarei convosco vello,/ ha de ser con tal partido/ que ou habés de morrer logo/ ou vos han d'enterrar vivo.
- Eu ben vin estar a morte/ comendo unha piña de uvas;/ vaite de aí, morte negra,/ desamparo das viudas.
- Eu ben vin estar a morte/ no monte comendo abrulas/ ¡Vai de aí, morte pelada!/ ¡Desamparo de viudas!
- Eu ben vir estar o moucho/ comendo un racimo de uvas;/ marcha de ehí, morte negra,/ desamparo das viudas.
- Entón era eu, que andaba na danza;/ non sei que me deu, non sei que me deu,/ nin que me daría,/ que dispois do baile coidei que morría.
- Indo para Santiago,/ doume a morte no camiño;/ deixo dito que me enterren/ na cama do meu veciño.
- Indo para Santiago,/ doume a morte nunha eira;/ deixo dito que me enterren/ na cama da costureira.
- Miña sogra morreu onte,/ deixoume o caldo na ola,/ vámonos comendo o caldo/ quen se morreu, que se morra.
- Sabe Dios d’hoxe nun ano/ donde estará o meu corpo,/ ou eiquí ou noutro lado,/ ou na sepultura morto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A anciana é a xenciana, afamada herba medicinal.