A perla
A perla | |
---|---|
Título orixinal | The Pearl |
Autor/a | John Steinbeck |
Ilustrador/a | José Clemente Orozco |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | The Viking Press Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1947 1990 |
Tradución | Benigno Fernández Salgado |
[ editar datos en Wikidata ] |
A perla é unha novela en lingua inglesa de John Steinbeck, publicada en 1947 por The Viking Press co título de The Pearl. Foi traducida ao galego por Benigno Fernández Salgado, e publicado en 1990 pola Editorial Galaxia con ilustracións de Teresa Cámara.
Conta a historia de Kino, un indio do golfo de México que atopa unha perla dun valor incalculable coa que espera poder mellorar a vida da súa familia. A pesar das ilusións que o achado suscita, Kino descubrirá que a nova riqueza só o leva ó encontro da corrupción do mundo civilizado. Coma moitas das obras de Steinbeck, a novela desenvolve os temas da pobreza e da riqueza, concentrándose no poder malversador da riqueza e nas súas relacións e conexións coa felicidade.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Kino e a súa muller Juana acababan de espertar cando ven a un escorpión esvarando pola corda do barrelo de Coyotito, o seu meniño. Kino non consegue libralo da picadura e Juana tenta succionar o veleno. Lévano ó médico, que non accede a atender o bebé pois Kino e Juana non son máis ca dous pobres indios. Coma outros días, Kino faise ó mar na súa canoa e a sorte quere que ese día atope "a perla do mundo". O médico sabe do achado da perla e intenta aproveitarse de Kino, o mesmo ca un descoñecido que entre as sombras da noite tenta roubarlla da súa choza pero é obrigado por Kino a saír fuxindo. Ó día seguinte, a familia acompañada por unha multitude, tenta vender a perla sen éxito pois os compradores, que se puxeron de acordo, ofrécenlle moito menos do que realmente vale. Kino decide ir á cidade vender a perla, pero Juana, que entrevé os perigos a que a perla os expón, esperta cedo e está decidida a desfacerse dela. Kino chega a tempo de agarrarlla cando a vai tirar, reacciona con violencia, e golpea a Juana. A partir de aquí, todo o mundo se confabula para arrebatarlles a perla. Quéimanlles a casa, desfanlles a canoa e vense obrigados a saír fuxindo se queren salvar as vidas. Escóndense na casa de Juan Tomás -irmán de Kino- e da súa muller Apolonia e pola mañá marchan á capital. No camiño uns rastreadores atácanos e a pesar de que Kino consegue matalos a todos, un disparo perdido fere de morte a Coyotito. Kino e Juana, derrotados, regresan a súa aldea avanzando entre a multitude que lles abre o camiño ó seu paso. A perla trouxera a desgraza as súas vidas pero un triste atisbo de esperanza brilla cando Kino a arrebola volvéndoa ó mar.
Eséxese crítica
[editar | editar a fonte]A historia que se nos conta responde aparentemente a un conto da tradición oral que John Steinbeck reelabora a modo de parábola do ben e do mal para preguntarse sobre os efectos dos nosos plans e das nosas decisións. Con isto en mente, Steinbeck foi capaz de crear unha pequena xoia da literatura universal. En 1962, cando recibía o Premio Nobel de Literatura, Steinbeck describía no seu discurso a obriga que se impuña como escritor para tentar "sacar á luz os soños escuros e perigosos da humanidade co propósito de melloralos".
Nesta breve novela, Kino, o pescador pobre que encontra o tesouro, proxecta sobre a Perla o soño da súa liberación. Coida que na súa superficie se entrevé a posibilidade da educación para o seu fillo e a salvación da súa xente. Steinbeck, porén, mostraranos a ambivalencia dos obxectos máis preciosos sobre os seres humanos: primeiro, amósanos o mundo que precedeu o descubrimento da gran Perla; logo, os cambios que se precipitan. Na primeira escena, o lector asiste á escena case mística do amencer sobre o golfo e o día a día dos labores calados e rutineiros de Juana. Na cabeza de Kino, a luz reverbera sinestesicamente na canción tranquila, entrañable e ancestral da familia. Mais algo tan real como o espertar da mañá non tardará en ceder o paso á ilusión doutros posibles mundos. "Neste golfo de luz incerta, poida que houbese máis ilusións ca realidades". Será a Perla, coa súa rutilante aparición, a que desencadeará, ademais dos pensamentos máis elevados -a ansia de mellorar e a esperanza de poder liberarse da opresión secular do home branco-, os instintos máis primarios e os desexos máis escuros a cantos se acheguen a ela. O mundo mellor que parece prometer fai aflorar asemade a maldade que xace agochada nos corazóns de tódolos seres humanos sen distinción.
Cando o soño se escurece ó se negar o doutor a curar o seu fillo Coyotito, cando a envexa e a cobiza se apoderan dos que lla queren roubar, Kino non dubidará en responder coa mesma violencia e caoas mesmas armas con que é atacado, matando a varios dos seus perseguidores e provocando indirectamente a morte do seu propio fillo. Steinbeck nunca falou de se habería outras posibilidades para os seus protagonistas. Eses, di no preámbulo, foron os feitos que se contan da historia de Kino, de Juana e de Coyotito, e é así como, a través da traxedia final, aboca ós lectores nunha especie de catarse a que se acaben preguntando sobre os paradoxos que supoñen as accións e reaccións con que obran os personaxes das súas novelas.
Como recurso retórico que é de natureza fundamentalmente moral, Steinbeck consegue, a través da parábola que nos ofrece, reenviarnos a cuestión que el mesmo se puxo cando recolleu o conto das bocas indíxenas: é suficiente o pensamento exclusivamente racional para a comprensión dos misterios da existencia e da ambición humanas?
Adaptación cinematográfica
[editar | editar a fonte]A película, La perla, unha produción mexicana de Águila Films, segue de cerca o argumento da novela de Steinbeck. Foi adaptada por Emilio Fernández, John Steinbeck e Jack Wagner, dirixida por Emilio Fernández e protagonizada por Pedro Armendáriz e María Elena Marqués.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Frecuencia léxica da versión inglesa[Ligazón morta] (en inglés).
- Etiquetario morfosintáctico na versión galega (en castelán).
- Guías de lectura da Penguin (en inglés).
- A Perla, ficha na web de Editorial Galaxia.