Saltar ao contido

Abdala Qarali

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Abdala bin Mikhail Qarali, O.L.M. (en árabe: عبد الله بن ميخائيل قراءلي), nado o 8 de setembro de 1672 en Alepo e finado o 6 de xaneiro de 1742, foi un relixioso católico maronita, bispo de Beirut dende 1716 até o seu pasamento.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu o 8 de setembro de 1672 en Alepo.[1][2] Desexou facer vida monástica, pero o seu pai Mikhail non estivo de acordo, ao non haber mosteiros maronitas na súa rexión.[2] Finalmente o seu pai aceptou, e en 1694 finalmente marchou cara a Xerusalén en peregrinación xunto co tamén alepino Yusif al-Batin, e posteriormente os dos se dirixiron ao Monte Líbano, onde se reuniron en Srarta (preto de Trípoli) con Xibrail Hawa.[3] Os tres visitaron o patriarca Estevo II al-Duaihi no mosteiro de Qanubin, e o acompañaron a visitar algúns mosteiros.[3] Posteriormente, o bispo de Alepo Xibrail al-Blausani convidounos a visitar o mosteiro de Tamix, no Kisruan, onde Qarali e al-Batin estiveron arredor de 3 meses,[4] logo dos cales Qarali volveu a Qanubin; dende alí, e xunto con Xibrail, acompañou ao patriarca pola rexión de Batrun e Xubail.[5]

En 1695 o patriarca tivo que se agochar do paxá de Trípoli, e Qarali e os seus compañeiros volveron ao mosteiro de Qanubin.[5] Cando o patriarca se uniu a eles, obtiveron permiso para pasar o estío no mosteiro de San Serxio en Ihdin. En setembro, coa aprobación do bispo de Ihdin, se estabeleceron no mosteiro de Santa Maura en Ihdin.[6] No verán do mesmo ano foi ordenado diácono polo patriarca Estevo II,[6] e finalmente os tres compañeiros tomaron o hábito ante o patriarca, o 10 de novembro de 1695.[7] Os monxes elixiron como superior a Xibrail Hawa, e a comezos de 1696 pasaron o inverno no convento dos xesuítas de Trípoli, volvendo en primavera a Santa Maura e completando a restauración do mosteiro no verán do mesmo ano.[8]

En 1696 foron convidados polos habitantes de Bixari a tomar posesión do mosteiro de santo Eliseo, e alí enviaron a algúns monxes que decidiran comezar a vida monástica con eles.[8] No estío, Qarali foi elixido polo superior (Hawa) para ser ordenado sacerdote, e recibiu a ordenación de mans do bispo de Ihdin; comezou tamén a dar clase na escola local.[9]

O 17 de setembro de 1716 foi ordenado bispo polo patriarca Xacobe IV, para a sé de Beirut. Finou no cargo o 6 de xaneiro de 1742.[1]

  1. 1,0 1,1 Khalifé, Ignace-Abdo (1964). Université Saint-Joseph, ed. "Catalogue Raisonné des Manuscrits de la Bibliothèque Orientale de l'Université Saint Joseph". Mélanges de l'Université Saint-Joseph (Beirut: Imprimerie Catholique) 39: 77. Abdallah QARA'ALI (Archevêque maronite de Beyrouth, né à Alep le 8 Septembre 1672, mort le 6 janvier 1742) 
  2. 2,0 2,1 Qaraali 2007, p. 14.
  3. 3,0 3,1 Qaraali 2007, p. 16.
  4. Qaraali 2007, p. 18.
  5. 5,0 5,1 Qaraali 2007, p. 22.
  6. 6,0 6,1 Qaraali 2007, p. 24.
  7. Qaraali 2007, p. 26.
  8. 8,0 8,1 Qaraali 2007, p. 28.
  9. Qaraali 2007, p. 30.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Qaraali, ‘Abdallah (2007). Mahfouz, Joseph, ed. Memoires de ‘Abdallah Qaraali (en francés e árabe (edición bilingüe)). Jounieh: Publications de l'Université Saint-Esprit de Kaslik.