Saltar ao contido

Adiós, María

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Adiós, María
Edición na Biblioteca Galega 120 en 2001
Título orixinalAdiós, María
Autor/aXohana Torres
Linguagalega
Xénero(s)narrativa
Data de pub.1971
editar datos en Wikidata ]

Adiós, María é a única novela de Xohana Torres, publicada por primeira vez en 1971 por Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires.

Trama e estrutura

[editar | editar a fonte]

Xohana Torres ofrece unha vista do mundo desde os ollos de María, unha rapaza de quince anos que actúa como protagonista-narradora. A novela presenta o mundo interior da rapaza e a súa interacción co mundo exterior. Ela é forzada a madurar prematuramente debido á perda de traballo do seu pai, debido á supresión dos tranvías na cidade de Vigo e mentres conta a súa historia en forma de monólogo cumpre quince anos. Durante a lectura aparecen un gran número de descricións que parecen intranscendentes pero reflicten o ámbito doméstico e da vila onde ocorre a narración reflectindo a clase social traballadora. O emprego do tempo está suxeito á percepción da protagonista polo que acaba con partes longas e con moito detalle e tamén con algunhas que se reducen a pequenas impresións. Os feitos seguen unha orde cronolóxica pois a novela comeza cos pais xa emigrados a Francia e é despois cando se volve atrás no tempo para compartir cos lectores acontecementos da memoria da narradora.

A estrutura externa está formada por capítulos pero tamén se pode falar doutras coma a de Manuel Forcadela, no seu libro sobre a Nova Narrativa Galega[1] distingue dúas partes: antes da marcha dos pais (p. 59) e despois da marcha dos pais. Dentro da segunda parte Maxa fai unha subdivisión (p. 131): antes do pote do Petrigrí e despois do pote do Petigrí.

Publicacións

[editar | editar a fonte]

A primeira edición foi feita por Ediciones Galicia en Buenos Aires en 1971. En 1976 foi reeditada por Edicións Castrelos. En 1989 foi editada por Galaxia, e un ano despois publicouse outra edición na mesma editorial. En 2001 La Voz de Galicia vendeu Adiós, María na Biblioteca Galega 120.

Personaxes

[editar | editar a fonte]
  • Inés María “Maxa” Briz: unha nena de quince anos que soña con ser secretaria ata que é forzada a deixar os estudos e coidar da súa familia.
  • Xermán Briz (irmán máis vello): un adolescente inmerso na vida urbana que non fai caso a súa familia.
  • Bruno “Kaiser” Briz (avó): aparece como o patriarca que resolve problemas e sabe de todo.
  • Inés Briz (avoa): unha muller con ideoloxía anticuada, simple, pouco xusta e difícil de soportar.
  • Pai (Román) e nai (Inés) de Maxa: teñen un papel secundario debido a que emigran a Francia.

O título describe o proceso polo cal pasa a protagonista ao longo do libro, en que perde o seu nome, “María”, para ser referida como “Maxa”, como explica Ana Garrido González[2] na súa interpretación da obra.[3]

Neste libro nada é arbitrario, e así se demostra na elección do nome “María”. Na tradición cristiá todas as mulleres son Marías e sobre todo na ditadura franquista eran comúns nomes como María Luísa ou María Dolores, que reafirmaban o poder da Igrexa, institución que prescribía pautas para o comportamento social das mulleres. Estes patróns de conduta estaban proporcionados por asociacións como a Sección Femenina e Acción Católica.

Maxa é a “María Dolorosa” que vive para os demais, deixa de lado o seu futuro, amizades e aspiracións para axudar a súa familia e nas cartas aos seus pais, que están en Francia, usa escusas para que non se preocupen. A vida dunha nena estase pouco a pouco a converter no modelo da viúva franquista que vive encerrada en catro paredes, vai comprar, vai a misa ou visita o cemiterio.

A protagonista cando fala de si mesma como virxe e muda utiliza o nome Maxa, non María. Esta duplicidade é interesante porque “María Briz” é limitado para o uso público e social mentres que “Maxa” é para o ámbito íntimo e privado; este último é o nome que se utiliza na maioría da novela. O uso do nome “María” é significado porque aparece en momentos relevantes como cando a súa profesora, Márgara, vai á casa dos Briz para dicirlles que é moi lista e debería continuar estudando abríndolle a porta ao ámbito social e laboral que non se lle permite debido á situación familiar. O título pódese referir á perda do ámbito social que converte a Maxa nunha viúva despois da emigración dos pais.

O bildungsroman feminino

[editar | editar a fonte]

A novela presenta un bildungsroman feminino. Bildungsroman feminino é definido como novela que conta a experiencia dunha protagonista na adolescencia (ou incluso antes) ata lograr a madurez. No caso de Adiós María a protagonista, Maxa, é forzada a madurar debido a súa situación.

O status social da protagonista é o que a leva a sufrir unha dobre emigración (a marcha dos pais de Galicia a Francia despois do paso da familia do rural á cidade). O resto da familia non axuda a Maxa, pois o avó ve a situación na que se encontra a súa neta, pero decide non intervir. O irmán máis vello, Román, é privilexiado por ser home e decide que non se vai facer cargo da familia e mentres tanto a avoa Inés dille a Maxa que debe quedar na casa, abandonar os seus soños, amigas, felicidade para limpar a casa, criar o seu irmán máis novo e tamén os seus avós. Maxa describe o mundo con moito realismo aínda que, coa marcha dos pais, deixa de asistir á escola e só sae da casa por obrigacións, polo que ese mundo descrito por ela, cada vez o coñece menos. Outro punto moi importante é a idade da protagonista. É unha adolescente, e o que a diferencia doutras adolescentes é que o seu conflito interno está na ausencia dos pais e, sobre todo, da nai.

Recepción

[editar | editar a fonte]

En xeral, esta novela conta cunha boa recepción e crítica. Algúns autores destacan que a novela reflicte perfectamente a traxedia da emigración, que é o punto principal da novela[4]. Tamén, que a autora, Xohana Torres, se diferencia do estereotipo de escritora galega poeta, intimista e bilingüe, para ser considerada un modelo innovador coa súa novela Adiós María, que marca o nacemento da novela feminista monolingüe en lingua galega. Cabe destacar tamén que esta novela é unha crítica ao franquismo e trata temas como a relixión.[5]

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

En 1970 recibiu o Premio Galicia de novela, outorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires.

Outras novelas que acudiron ao certame foron O silencio redimido (de Silvio Santiago), O mesón do birollo (de Fariña Jamardo) e Xente ao lonxe de Blanco Amor que non foi aceptada.

O tema da emigración, desde Rosalía de Castro ata Xohana Torres

[editar | editar a fonte]

O tema da emigración contado desde unha voz feminina xa sucedeu con Rosalía de Castro e agora sucede de novo con Adiós María. Cómpre facer unha lectura comparada destas dúas autoras como innovadoras e senlleiras do relato da emigración explicado desde unha voz e experiencias femininas e que constitúen o imaxinario de nación. Ambas as dúas tratan este tema como unha inxustiza, algo que tamén considerou o pensamento galeguista. Outro tema tratado é a vontade da muller de ser un suxeito, rompendo así co papel da muller doméstica e carente de desexos.

  1. Forcadela, Manuel (1993). Manual e escolma da nova narrativa galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. ISBN 8478241760. 
  2. "dr Ana Garrido | Instituto de Estudios Ibéricos e Iberoamericanos". www.iberystyka.uw.edu.pl. Consultado o 2020-06-06. 
  3. Garrido González, Ana (2015). "Las chicas raras no tienen voz: una interpretación de Adiós María de Xohana Torres" (PDF). Revista de estudios lingüísticos, literarios, históricos y antropológicos (21): 183–198. 
  4. Francisco., Fernández del Riego, (D.L. 1975). Manual de historia da literatura galega (3a. ed ed.). Vigo: Galaxia. ISBN 8471542293. 
  5. Marisol., Rodríguez Rodríguez, (2013). Feminismo e innovación en la narrativa gallega de autoría femenina : Xohana Torres, María Xosé Queizán, Carmen Blanco y Teresa Moure. Lewiston, N.Y.: Edwin Mellen Press. ISBN 0773430695. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]