Aerobio obrigado
Un aerobio obrigado é un organismo que necesita oxíxeno para crecer e sen el morrería.[1] Por medio da respiración celular estes organismos utilizan o oxíxeno para metabolizar substancias, xeralmente azucres e graxas, para obter enerxía.[1][2] Neste tipo de respiración o oxíxeno funciona como aceptor final de electróns da cadea de transporte de electróns respiratoria.[1] Na respiración aerobia o rendemento enerxético (produción de ATP) é maior que na fermentación ou na respiración anaerobia, que son ambos procesos anaerobios,[3] Os aerobios obrigados están sometidos a altos niveis de estrés oxidativo, pero teñen mecanismos metabólicos para evitar os danos que este produce.[2]
Os organismos anaerobios facultativos poden tamén vivir en ambientes con oxíxeno e utilizalo, pero, a diferenza dos aerobios obrigados, poden vivir tamén en anaerobiose.
Grupo | Ambiente | Efecto do O2 | |
---|---|---|---|
Aerobio | Anaerobio | ||
Aerobio obrigado | Crecemento | Non hai crecemento | Necesario (usado para a respiración aerobia) |
Anaerobio obrigado | Non hai crecemento | Crecemento | Tóxico |
Anaerobio facultativo (tamén se lle podería chamar aerobio facultativo) | Crecemento | Crecemento | Non necesario para o crecemento pero utilizado cando está dispoñible |
Microaerófilo | Crecemento se o nivel non é demasiado alto | Non hai crecemento | Necesario pero só a niveis por debaixo de 0,2 atm |
Anaerobio aerotolerante | Crecemento | Crecemento | Non necesario e non utilizado |
Exemplos
[editar | editar a fonte]Entre os organismos, case todos os animais, as plantas e a maioría dos fungos e protistas, así como moitas bacterias son aerobios obrigados.[2] Exemplos de bacterias aerobias obrigadas son Mycobacterium tuberculosis (ácidorresistente),[2][5] Pseudomonas aeruginosa (gramnegativa),[2] Bacillus (grampositiva),[2] e Nocardia asteroides (grampositiva).[2][6] Coa excepción dos lévedos, a maioría dos fungos son aerobios obrigdos.[1] Ademais, case todas as algas son aerobios obrigados.[1]
Un aerobio obrigado moi particular é Streptomyces coelicolor, que é unha bacteria grampositiva que vive no solo e pertence ao filo Actinobacteria.[7] É peculiar porque o xenoma deste aerobio obrigado codifica numerosos encimas con funcións que se adoitan atribuír ao metabolismo anaerobio de bacterias anaerobias facultativas e estritas.[7]
Estratexias de supervivencia
[editar | editar a fonte]Cando os aerobios obrigados son privados temporalmente de oxíxeno no seu ambiente, necesitan estratexias para sobrevivir para evitar a morte.[8] Nesas condicións, por exemplo, Mycobacterium smegmatis pode cambiar rapidamente entre a produción de hidróxeno fermentativa e a oxidación do hidróxeno usando oxíxeno ou a redución do fumarato dependendo da dispoñibilidade de aceptor de electróns.[8] Este exemplo é a primeira vez na que se observou produción de hidróxeno nun aerobio obrigado.[8] Isto tamén confirma a fermentación nunha micobacteria e é unha proba de que o hidróxeno xoga un papel na supervivencia e crecemento dalgunhas bacterias.[8]
Os ambientes ricos en oxíxeno poden orixinar tamén poblemas para os organismos, normalmente atribuídos ao estrés oxidativo. Isto ocorre cando hai un desequilibrio de radicais libres e antioxidantes nas células do organismo, principalmente debido á contaminación e radiación no medio ambiente. A estratexia que utilizan os aerobios obrigados para sobrevivir a este fenómeno é utilizar certos encimas e (en vertebrados) o sistema inmunitario do organismo para corrixir este desequilibrio.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Prescott LM, Harley JP, Klein DA (1996). Microbiology (3rd ed.). Wm. C. Brown Publishers. pp. 130–131. ISBN 0-697-29390-4.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Obligate aerobe - definition from Biology-Online.org." Biology Online. Biology-Online, n.d. Web. 12 Dec 2009. <http://www.biology-online.org/dictionary/Obligate_aerobe>
- ↑ Hogg, S. (2005). Essential Microbiology (1st ed.). Wiley. pp. 99–100, 118–148. ISBN 0-471-49754-1.
- ↑ WI, Kenneth Todar, Madison. "Nutrition and Growth of Bacteria". textbookofbacteriology.net. Consultado o 2021-04-20.
- ↑ Levinson, W. (2010). Review of Medical Microbiology and Immunology (11th ed.). McGraw-Hill. pp. 150–157. ISBN 978-0-07-174268-9.
- ↑ Ryan KJ; Ray CG, eds. (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. pp. 460–462. ISBN 0-8385-8529-9.
- ↑ 7,0 7,1 Fischer, Marco; Alderson, Jesse; van Keulen, Geertje; White, Janet; Sawers, R. GaryYR 2010 (2010). "The obligate aerobe Streptomyces coelicolor A3(2) synthesizes three active respiratory nitrate reductases". Microbiology 156 (10): 3166–3179. ISSN 1465-2080. PMID 20595262. doi:10.1099/mic.0.042572-0.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Berney, Michael; Greening, Chris; Conrad, Ralf; Jacobs, William R.; Cook, Gregory M. (2014-08-05). "An obligately aerobic soil bacterium activates fermentative hydrogen production to survive reductive stress during hypoxia". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 111 (31): 11479–11484. Bibcode:2014PNAS..11111479B. ISSN 0027-8424. PMC 4128101. PMID 25049411. doi:10.1073/pnas.1407034111.
- ↑ "What is oxidative stress? Effects on the body and how to reduce". www.medicalnewstoday.com (en inglés). 2019-04-03. Consultado o 2021-05-08.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Respiración aerobia
- Respiración anaerobia
- Fermentación
- Anaerobio obrigado
- Anaerobio facultativo
- Microaerófilo
Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |