Agustín Díaz Blanco
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de setembro de 1945 Pol, España |
Morte | 21 de marzo de 2008 (62 anos) Santiago de Compostela, España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista |
Agustín Díaz Blanco, nado en Silva (Pol) o 23 de setembro de 1945 e finado o 21 de marzo de 2008 en Santiago de Compostela, foi un xornalista e profesor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Cuarto fillo dunha familia labrega, orientouse nun primeiro tempo cara a unha carreira eclesiástica. O seu padriño e párroco de Silva sufragou os seus estudos no Seminario. Estudou primeiro en Lugo e despois en Comillas Teoloxía e Filosofía. Renunciou a ordenarse sacerdote e proseguiu estudos de Socioloxía en Lovaina (Bélxica), onde se licenciou.
Regreso a Galiza
[editar | editar a fonte]De volta en Galiza en 1971 iniciou a súa carreira como xornalista en La Voz de Galicia e despois en El Ideal Gallego, traballando na súa delegación de Santiago de Compostela até 1981. Simultaneou a súa actividade profesional cos estudos de xornalismo en Madrid, de filoloxía románica en Santiago de Compostela e co seu cargo como concelleiro en Santiago de Compostela -tras ser elixido polas listas de Unidade Galega nas primeiras eleccións democráticas de 1979-.
Do ensino ao xornalismo
[editar | editar a fonte]En 1982 aprobou oposicións e foi nomeado profesor de francés no Instituto de Bacharelato de Monforte de Lemos, onde en realidade deu clases de galego. En 1983 aprobou a Cátedra de Galego e exerceu a docencia dous anos máis, esta vez no Instituto de Bacharelato de Ordes. En 1985 foi nomeado Inspector de Ensino Medio, pero aos poucos meses a súa paixón polo xornalismo levouno a concursar para un posto de redactor para a Delegación Territorial de Galicia de TVE, traballo que exerceu até a súa prexubilación en 2007.
Colaborou na revista galega de pensamento cristián Encrucillada até a súa morte.