Saltar ao contido

Aldaolado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAldaolado

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Grupogrupo musical Editar o valor en Wikidata
Lucía Aldao (A Coruña, 20 de febreiro de 1982 - ). Poetisa
María Lado (Cee, 14 de abril de 1979 - ). Escritora Editar o valor en Wikidata
María Lado e Lucía Aldao no Liceo Mutante, 2015.

Aldaolado é un dúo poético-musical formado en 2005 e composto por Lucía Aldao e María Lado.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Aldaolado realiza unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor, nun exercicio de comunicación directa co espectador. Naceu en 2005 da unión das poetisas Lucía Aldao e María Lado, coa intención de participar no proxecto chamado Translítera, dirixido por Rafa Xaneiro e producido polo Consello da Cultura Galega. Presentaron nel o espectáculo Onde estea un cubata que se quite un soneto[1]. A súa intención foi dende ese momento ofrecer poesía dun xeito amable e divertido á vez que elas desfrutaban recitando. Dende entón o grupo foi aumentando a audiencia, destacando a súa presenza no Luar en dúas ocasións[2].

Natureza dos textos

[editar | editar a fonte]

Os textos son normalmente propios, mais tamén realizan versións. Ambas son autoras dunha ampla obra. As pezas que van introducindo sempre varían en función do día e a situación en concreto, polo que os espectáculos nunca teñen os números fixados e van introducindo pezas novas deixándose levar pola improvisación.

A temática dos textos, a pesar de ser presentados dun xeito ameno, son na súa maioría serios. Poden atoparse narracións de historias e anécdotas divertidas antes do poema, ou a entoación dos mesmos cun afán máis chistoso. A pesar disto, os poemas son na súa maioría serios, de ton melancólico ou escuro. A risa está reducida ao exterior do poema.

Lucía e María fan os directos xuntas, mais non interveñen na escrita da outra. Cada unha ten o seu estilo e tipo de textos, uns máis narrativos, e outros máis subxectivos.

O programa de Aldaolado conta cun espectáculo dinámico, no que se persegue participación do público[3]. Pretenden provocar a gargallada mediante xogos de “eu nunca”, creando poemas colectivos ou concursos. Esta interacción vai na liña de demostrar que de calquera cousa se pode facer poesía e que calquera pode facela. Dese xeito falan da lingua, da muller ou das súas propias experiencias nunha celebración da poesía, a alegría e a vida, tentando demostrar que un poema pode cambiar a realidade.

Natureza do espectáculo

[editar | editar a fonte]
Día das Letras Galegas 2023.

Teoricamente fan recitais, pero na práctica os seus espectáculos convértense nunha mestura entre recital, concerto e narración de contos e historias, centrándose nas aventuras e desventuras dos poetas. Os seus recitais unen lectura de poemas propios, humor e música en directo, dun xeito fresco e cunha importante dose de participación do público. Pretenden que o espectador se transforme nun autor dadaísta a través xogos. Mais tamén, a parte de recitar poemas, abondan os acompañamentos de música en directo, mesmo nalgunha ocasión versionando cancións orixinalmente en castelán. Deste xeito, achegan a poesía á xente dunha forma máis chamativa, pretendendo eliminar prexuízos sobre a idea da rixidez da poesía[4]. Adoitan actuar en festivais, festas, centros escolares, teatros, bares e outros eventos.

Recitan en galego, mais cando actúan fóra de Galicia só o empregan se non compromete a comprensión coa lingua do público, como co castelán ou o portugués. Cando saen fóra do territorio peninsular, como en Irlanda, adoitan traducir textos á lingua do país.

En canto á súa crítica acerca da situación do idioma galego, nos seus espectáculos denuncian que nas cidades apenas se emprega, mentres que nos arrabaldes —especialmente en centros de ensino pequenos— é moi alto o número de falantes. Por fin, animan a eliminar complexos como o autoodio por falar o galego.

Espectáculos

[editar | editar a fonte]
  • Onde estea un cubata que se quite un soneto (2005)
  • Poeta de mierda (2006)
  • Moita poesía, pouca diversión (2011)[5][6]
  • Con dez poemas por barba (2013)[7]
  • After (2014)[8]
  • Somos Nós (2014)[9]
  • Sempre en Ibiza (2015)[10]
  • Pendanca e Oso (2015)[11]
  • Cría fama e bótate a correr (2017)[12]
  • Porque si (2018)[13]
  • Furia necesaria (2019)[14]
  • Casa! (2021). Temas: "Froita ofrecida, Por que non hai flores?, Tirámonos en bomba, O amor prehistórico, Prohibido pintar, Atractivas e talentosas".[15]
  • Forestal (2023).[16] Coa compañía musical de Violeta Mosquera (batería), Macarena Montesinos (baixo) e Rubén Abad (guitarra), nun traballo de Mig Seoane.[17]. Temas: "Odias a poesía, Nancy Mourín Varela, Furia necesaria, Por que non nos volvemos bicar, Forestal, Donas e señoras da escuridade e da risa".
  1. "Aldaolado, poetas". Arquivo DIDAC. Consultado o 29-11-2019. 
  2. Vidal, Carme (23-7-2015). "Aldaolado: “Como chegamos a Luar? Todo son especulacións”". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 28-08-2015. Consultado o 29-11-2019. 
  3. "Aldaolado". Festival Ribeira Sacra. 27-7-2019. Arquivado dende o orixinal o 08-06-2020. Consultado o 23-04-2020. 
  4. "“Aldaolado" sacudirá Ourense con su propuesta poética transgresora". La Región (en castelán) (Ourense). 20-8-2019. Consultado o 29-11-2019. 
  5. "Aldao y Lado, en el Fórum con su «Moita poesía, pouca diversión»". La Voz de Galicia. 8-2-2011. Consultado o 29-11-2019. 
  6. "Aldaolado: Moita poesía, pouca diversión". Lingua de Montes (blog). 23-4-2015. Consultado o 29-11-2019. 
  7. "“Con dez poemas por barba” para abrir a Feira do Libro de Lugo". Sermos Galiza. 13-5-2013. Arquivado dende o orixinal o 27-05-2020. Consultado o 29-11-2019. 
  8. "Espectáculo de poesía y música en directo en La Vela". Atlántico Diario (en castelán). 19-8-2014. Consultado o 29-11-2019. 
  9. "Recitais de poesía e música Somos nós, con Lucía Aldao e María Lado". Axenda Cultural AELG. 10-10-2014. Consultado o 29-11-2019. 
  10. "Aldaolado con "Sempre en Ibiza"". Colectivo Terra (blog). 21-5-2015. Consultado o 29-11-2019. 
  11. "AldaoLado: «É importante que a poesía vaia gañando novos espazos e que conviva cos contadores»". La Voz de Galicia (en castelán). 4-12-2015. Consultado o 29-11-2019. 
  12. "AldaoLado este xoves nas Crechas". Lindeiros (Santiago). 21-3-2018. Arquivado dende o orixinal o 27-05-2020. Consultado o 29-11-2019. 
  13. "Bibliotecas en el Mercado: Porque sí, con Aldaolado". Ayuntamiento de A Coruña. Bibliotecas (en castelán). 24-10-2018. Consultado o 29-11-2019. 
  14. "Furia necesaria". La Opinión A Coruña (en castelán). 7-9-2019. Consultado o 29-11-2019. 
  15. "‘Casa!’ O lugar seguro de Aldaolado". Vinte. Consultado o 2023-04-01. 
  16. "Las gallegas Aldaolado publican nuevo disco: "Mazar é político, deixádevos de papar e mazade!"". Quincemil. Consultado o 2023-04-01. 
  17. "Las poetas publican disco". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-03-03. Consultado o 2023-04-01. 
  18. Diario, Nós (2020-10-23). "Aldaolado: "O noso humor non é o chiste polo chiste. Hai un fondo crítico"". Nós Diario. Consultado o 2023-04-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]