Saltar ao contido

Alfons Åberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alfons Åberg
Información editorial
EditorialRabén & Sjögren
Primeira apariciónGodnatt, Alfons Åberg (1972)
CreadoresGunilla Bergström

Alfons Åberg é unha figura literaria e o protagonista dunha serie de libros infantís escritos e ilustrados pola autora sueca Gunilla Bergström. Dende 1972 os libros traducíronse a 40 linguas e dialectos distintos,[1] e a personaxe tamén apareceu en forma de serie de televisión e película de animación. En Suecia Alfons Åberg deulle nome a un premio de cultura infantil e a un centro cultural.[2]

A través dos libros pódese ver como Alfons medra e os distintos acontecementos da súa infancia. Os libros non foron publicados seguindo unha orde cronolóxica; por exemplo no libro 1 ten Alfons catro anos, no 9 ten sete anos e despois no 15 ten cinco anos.

Bok-Makaren AB xestiona os dereitos de Alfons Åberg. É propiedade do fillo da autora Pål Andersson, da sobriña Sofia Torell e do cuñado Michael Treschow.[3]

Personaxe

[editar | editar a fonte]

Alfons Åberg é un pequeno rapaz normal que vive en Suecia co seu pai Bertil, e a meirande parte dos libros teñen lugar no edificio onde viven e nunha contorna urbana. Cando é máis pequeno ten un amigo imaxinario chamado Mållgan, que só el pode ver. Máis tarde, ten amigos reais, como Milla e Viktor. Alfons ten tamén un gato que se chama Pussel.[4]

Nos libros Alfons vive unha gran variedade de acontecementos cotiás que un neno é capaz de recoñecer con facilidade. Na súa procura por medrar e facerse grande adoita competir co seu pai para afrontar eses eventos do mellor xeito posible. O paciente pai é un modelo masculino positivo para Alfons, e as mulleres aparecen con moita menos frecuencia nas historias, aínda que o neno ten unha tía (Fiffi) e unha avoa paterna (Sally). Alfons e o pai teñen unha moi boa relación e nos libros non se menciona a ningunha nai ou esposa e tampouco semella que o rapaz bote de menos a unha figura materna.

Outras personaxes que aparecen no libro son os seus curmáns Bing e Benny, que son maiores que el, o seu veciño Hamdi, que ten a mesma idade que Alfons, ou o pequeno Småtting.[4]

Alfons Åberg en distintos medios

[editar | editar a fonte]

O primeiro libro de Alfons, God natt, Alfons Åberg, editouse en 1972.[1] Dende entón publicáronse 26 libros da serie,[1] ademais de varios libros ilustrados para nenos máis pequenos e un libro de cancións. Os seus libros traducíronse a 40 linguas e dialectos.[5] Gunilla Bergström, nada en 1942 e finada en 2021, encargouse tanto de escribilos como de ilustralos. As ilustracións consisten en técnicas mixtas tanto de debuxo como de colaxe.

Ata o ano 2023 publicáranse en sueco máis de 5 millóns e medio de exemplares dos libros de Alfons, e máis de 4 millóns e medio nas outras linguas. Nas bibliotecas suecas préstanse ao redor dun millón de libros de Alfons Åberg cada ano.[6]

Televisión e cine

[editar | editar a fonte]

Alfons Åberg tamén apareceu en dúas series animadas de televisión. A primeira foi dirixida polo director sueco Per Åhlin con guión de Gunilla Bergström, e ten ao actor sueco Björn Gustafson como narrador. Desta serie producíronse 16 capítulos de 10 minutos de duración cada un entre 1979 e 1994.[7]

A segunda serie é unha coprodución dinamarquesa-norueguesa aparecida en 2012 con 13 capítulos de 13 minutos de duración. Tora Berg encargouse do guión, baseandose nos libros, e Liller Møller e Karsten Kiilerich encargáronse da dirección.[8]

En 2013 a serie dinamarquesa-norueguesa foi seguida pola longametraxe Hokus pokus Alfons Åberg.[9]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Gunilla Bergström - Uppslagsverk - NE.se". www.ne.se. Consultado o 2024-10-10. 
  2. "Från fröhandel till hus för busfrön". Alfons Åbergs Kulturhus (en sueco). Consultado o 2024-10-10. 
  3. "Bok-Makaren". Alfons Åberg (en sueco). Consultado o 2024-10-10. 
  4. 4,0 4,1 "Karaktärer arkiv". Alfons Åberg (en sueco). Consultado o 2024-10-10. 
  5. "Alfons utomlands". Alfons Åberg (en sueco). Consultado o 2024-10-10. 
  6. "Vem är Alfons Åberg". Alfons Åberg (en sueco). Consultado o 2024-10-10. 
  7. "Alfons Åberg". 1979-12-31. Consultado o 2024-10-10. 
  8. "Albert Åberg". 2012-12-26. Consultado o 2024-10-10. 
  9. Kove, Torill (2013-09-13). "Hokus pokus Albert Åberg". Consultado o 2024-10-10.