Saltar ao contido

Antigo alto alemán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Alto alemán antigo»)
Primeira páxina do cantar de Hildebrando.

O termo antigo alto alemán (en alemán: Althochdeutsch) refírese á fase máis temperá da lingua alemá e convencionalmente cobre o período desde preto do 500 ata o 1050. Textos escritos non aparecen ata a segunda metade do século VIII, aínda que algunhas palabras e nomes atopáronse en textos en latín antes de dita data. Por esta razón, algúns tratan o período anterior a 750 como 'prehistórico', e datan o principio do antigo alto alemán propiamente desde o 750.

A principal diferenza entre o antigo alto alemán e os dialectos xermánicos occidentais dos que se desenvolveu, é que sufriu o segundo cambio consonántico ou zweite Lautverschiebung. Isto adoita datarse moi aproximadamente desde finais do século V e principios do século VI, por tanto datando o comezo do antigo alto alemán ao redor do 500. O resultado desta evolución dos sons é que o sistema de consoantes alemán permaneceu diferente de todas as outras linguas xermánicas occidentais, incluíndo o inglés e o baixo alemán.[1] Gramaticalmente, con todo, o antigo alto alemán permaneceu moi similar ao inglés antigo e ao saxón antigo.

Cara á metade do século XI, as numerosas vogais diferentes que se atopaban en sílabas sen énfase reducíronse todas a 'e'. Xa que estas vogais eran parte das terminacións gramaticais nos substantivos e verbos, a súa perda levou a unha radical simplificación da gramática flexional do alemán. Por conseguinte, o ano 1050 considérase como o principio do período do alto alemán medio, aínda que case non houbo textos en alemán durante os seguinte cen anos. Exemplo de redución de vogais en sílabas sen énfase:

    antigo alto alemán     alto alemán medio     inglés
    machôn     machen     make
    taga     tage     days
    demu     dem     to the

(As formas en alemán moderno destas palabras son, en termos xerais, as mesmas que no alto alemán medio.)

Dialectos

[editar | editar a fonte]
Área onde se falou o antigo alto alemán no Sacro Imperio Romano Xermánico arredor do 950.

Non había un estándar ou unha variedade suprarrexional do antigo alto alemán. Cada texto está escrito nun dialecto en particular, ou nalgúns casos nunha mestura deles. En xeral, as principais divisións dos dialectos do antigo alto alemán parecen ser similares ás dos períodos posteriores e están baseadas en grupos territoriais establecidos e nos efectos da zweite Lautverschiebung, que permaneceron ata o día de hoxe. Pero debido a que a evidencia directa sobre o antigo alto alemán consiste soamente en manuscritos producidos nalgúns poucos importantes centros eclesiásticos, non hai información de isoglosas do tipo no que se basean os mapas dialectais modernos. Por esta razón, os dialectos do antigo alto alemán poden cualificarse como dialectos de mosteiro. Os principais dialectos do antigo alto alemán, coas súas respectivas dioceses e mosteiros:

Hai algunhas diferenzas importantes entre a extensión xeográfica dos dialectos do antigo alto alemán e a do alemán moderno:

  • Ningún dialecto do alemán era falado ao leste do río Elba; no período do antigo alto alemá a área estaba ocupada por pobos eslavos, e non houbo asentamentos de pobos xermanos ata o século XII.
  • O dialecto longobárdico, dos lombardos, que invadiron o norte de Italia no século VI, pode ser un dialecto do alto alemán, aínda que queda pouca evidencia.
  • Os francos conquistaron o norte da Galia, así como o sur do Loira; a fronteira lingüística estableceuse logo aproximadamente ao longo do curso do Mosa e o Mosela, con francofalantes francos máis ao oeste, que foron romanizados.

Coa vitoria de Carlomagno sobre os lombardos en 776, toda a xente que falaba alto alemán fora incorporada ao Imperio Franco. Os saxóns e os frisóns tamén foron dominados por Carlomagno, co que todos os falantes de xermánico occidental do continente quedaron baixo o goberno dos francos. Con todo, xa que a linguaxe da administración e da igrexa era o latín, está unificación non levou a ningún desenvolvemento de variedade suprarrexional ningunha do alemán ata que naceu o alto alemán recente.

A fase temperá do período rexistrou unha considerábel actividade misioneira, e para o 800, todo o Imperio Franco fora cristianizado en principio. Todos os manuscritos que conteñen textos en antigo alto alemán foron escritos por escribas eclesiásticos, cuxa principal tarefa era escribir en latín máis que en alemán. Consecuentemente, a maioría dos textos en antigo alto alemán eran de natureza relixiosa e mostraban unha forte influencia do latín eclesiástico no vocabulario. De feito, a maioría dos textos en prosa sobreviventes son traducións de orixinais en latín. Mesmo traballos seculares, tales como o Hildebrandslied, preserváronse xeralmente porque foron escritos en follas sobrantes de códices relixiosos. Dise xeralmente que o texto en antigo alto alemán máis antigo é o Códice Abrogans, un glosario latín - antigo alto alemán datado entre 750 e o 780, probabelmente de Reichenau. Os Encantamentos de Merseburg do século VIII son os únicos vestixios da literatura xermana precristiá. Os textos máis temperáns non dependentes de orixinais en latín parecen ser o Hildebrandslied e a Pregaria de Wessobrunn, ambos escritos en manuscritos de principios do século IX, aínda que se asume que os textos se derivaban de copias anteriores. O bávaro Muspilli é o único sobrevivente do que debeu ser unha vasta tradición oral. Outros traballos importantes son os Evangelienbuch de Otfried von Weissenburg, o curto pero espléndido Ludwigslied e o Georgslied do século IX. A fronteira co alto alemán medio temperán (desde aprox. 1050) non está clara. O exemplo máis impresionante de literatura en alto alemán medio temperán é o Annolied.

Exemplos de textos

[editar | editar a fonte]

O Nosopai en tres dialectos do antigo alto alemán. Debido a que estas son traducións dun texto litúrxico, é mellor non consideralas como exemplos da linguaxe idiomático, pero mostran claramente a variación dialectal.

Alemánico, século VIII Franco do Sur do Rin, século IX Franco do leste, c. 830 Bávaro, inicios do século IX
O Paternoster de St Gall Catequese de Weissenburg Taciano en antigo alto alemán O Paternoster de Freising

Fater unser, thu bist in himile
uuihi namu dinan
qhueme rihhi diin
uuerde uuillo diin,
so in himile, sosa in erdu
prooth unseer emezzihic kip uns hiutu
oblaz uns sculdi unsero
so uuir oblazem uns skuldikem
enti ni unsih firleit in khorunka
uzzer losi unsih fona ubile

Fater unser, thu in himilom bist,
giuuihit si namo thin
quaeme richi thin
uuerdhe uuillo thin
samam so in himile end in erthu
Brooth unseraz emezzigaz gib uns hiutu
end farlaz uns sculdhi unsero
same so uuir farlazzem scolom unserem
endi ni geleidi unsih in costunga
auh arlosi unsih forn ubile

Fater unser, thu thar bist in himile
si geheilagot thin namo
queme thin rihhi
si thin uuilo
so her in himile ist, so si her in erdu
unsar brot tagalihhaz gib uns hiutu
inti furlaz uns unsara sculdi
so uuir furlazemes unsaren sculdigon
inti ni gileitest unsih in costunga
uzouh arlosi unsih fon ubile

Fater unser, du pist in himilum.
Kauuihit si namo din.
Piqhueme rihhi din,
Uuesa din uuillo,
sama so in himile est, sama in erdu.
Pilipi unsraz emizzigaz kip uns eogauuanna.
Enti flaz uns unsro sculdi,
sama so uuir flazzames unsrem scolom.
Enti ni princ unsih in chorunka.
Uzzan kaneri unsih fona allem sunton.

Fonte: Braune/Ebbinghaus, Althochdeutsches Lesebuch, 15ª edn (Niemeyer, 1969)

  1. Fausto Cercignani, The Consonants of German: Synchrony and Diachrony, Milán, Cisalpino, 1979.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Althochdeutches Lesebuch, ed. W.Braune, K.Helm, E.A.Ebbinghaus, 17.ª ed., Tubinga, 1994. ISBN 3-484-10707-3
  • J. Knight Bostock, A Handbook on Old High German Literature, 2.ª ed., revisada por K.C.King e D.R.McLintock, Oxford, 1976. ISBN 0-19-815392-9
  • Fausto Cercignani, The Consonants of German: Synchrony and Diachrony, Milano, Cisalpino, 1979. ISBN 8-820-50185-6
  • R. E. Keller, The German Language, Londres, 1978. ISBN 0-571-11159-9
  • Lexikon der Germanistischen Linguistik, ed. Hans Peter Althaus, Helmut Henne, Herbert Ernst Weigand, 2.ª ed. revisada, Tubinga, 1980. ISBN 3-484-10396-5
  • S. Sonderegger, Althochdeutsche Sprache und Literatur, de Gruyter 1974 ISBN 3-11-004559-1
  • C. J. Wells, German. A Linguistic History to 1945, Oxford, 1987. ISBN 0-19-815809-2

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]