Ananismo insular
O ananismo insular é un proceso evolutivo que tenden a sufrir as especies animais en contornas pechadas de pequeno tamaño, como as illas, e polo que tenden a desenvolver unha diminución de tamaño para se adaptar á limitación de recursos. O tamaño é unha característica moi variable, que cunha selección de carácter estrita pode aumentar ou diminuír a gran velocidade en comparación cos cambios exercidos por outros procesos evolutivos. O proceso inverso ó ananismo insular é o xigantismo insular, característico dos animais (roedores, lagartos, tartarugas, insectos etc.) que polo xeral son pequenos no continente.
Os exemplos máis clásicos deste efecto son restos de especies extintas de elefantes ananos atopados nalgunhas illas do mar Mediterráneo e da Illa de Flores, en Indonesia; tamén destaca o caso dos mamuts ananos da illa de Wrangel.
Actualmente o caso máis famoso é o dunha nova especie (Homo floresiensis) atopada tamén na illa de Flores, que medía aproximadamente 1 metro de estatura e que parece ter evolucionado de poboacións de Homo erectus que chegaron á illa hai 800.000 anos.
O ananismo insular foi estudado en hipopótamos e bóvidos, aínda que se dá en multitude de especies animais, incluídos carnívoros como o lobo xaponés (Canis lupus hodophilax), o tigre de Balí (Panthera tigris balica) ou o crocodilo cubano (Crocodylus rhombifer). O rexistro fósil amosa, ademais, que o ananismo en condicións insulares afectou mesmo a algunhas especies de dinosauros durante o período Cretáceo.