André Leroi-Gourhan
André Leroi-Gourhan, nado o 25 de agosto 1911 en París e finado o 19 de febreiro de 1986 na mesma cidade, foi un etnólogo, arqueólogo e historiador francés, especialista na prehistoria. Foi tamén un pescudador da tecnoloxía e da cultura, que soubo unir precisión científica e conceptualidade filosófica.
Biografía
[editar | editar a fonte]Aínda neno devecía polos corredores do Museo Nacional de Historia Natural e lía Les Hommes fossiles (Os homes fósiles) de Marcellin Boule que lle regalara a súa madriña. Alumno de Marcel Granet, logo de Marcel Mauss, que dirixiu a súa tese de doutoramento en letras dedicado a A Arqueoloxía do Pacífico Norte; ademais estudou ruso e chinés. Desde 1933 traballou nos departamentos de etnoloxía de diferentes museos, como o British Museum e o Musée de l'Homme. Deseguido foi nomeado chargé de mission, durante dous anos, no Xapón, para o Musée de l'Homme e mais os Museos nacionais. De regreso en Francia, foi nomeado conservador adxunto do Museo Guimet entre 1940 e 1944. Neste mesmo ano (non esquecer que son os anos da segunda guerra mundial), foi enviado ao castelo de Valençay para velar por algunhas obras evacuadas do Louvre, como a Venus de Milo ou a Vitoria de Samotracia. Colaborou nas actividades da Resistencia, o que lle valeu en 1945 ser recompensado coa medalla da Resistencia, a cruz de Guerra e mais a cruz da Lexión de Honor. En 1946, converteuse en subdirector do Musée de l'Homme.
Comezou unha segunda tese doutoral, en ciencias, dedicada a Trazas de equilibrios mecánicos en cranio de vertebrados terrestres (1954). En 1956, sucedeu a Marcel Griaule na Sorbona, na cátedra de Etnoloxía xeral e Prehistoria, logo foi profesor no Colexio de Francia desde 1969 a 1982 e membro do Instituto de Francia. En 1973, recibiu a medalla de ouro do CNRS (Centro nacional de investigación científica).
Leroi-Gourhan e a arte prehistórica
[editar | editar a fonte]André Leroi-Gourhan propuxo unha visión radicalmente nova sobre a interpretación da arte rupestre, baseada simultaneamente nos mesmos documentos, na análise das relacións de proximidade das obras e na súa posición respecto da topografía das covas. Procedeu a un tratamento estatístico das representacións e chegou a unha lectura simbólica das figuras, interpretadas como símbolos masculinos ou femininos.
Leroi-Gourhan e os métodos de escavación arqueolóxica
[editar | editar a fonte]No transcurso das escavacións que dirixiu na gruta dos Furtins en 1945, nas cavernas de Arcy-sur-Cure entre 1946 e 1963, e sobre todo no asentamento magdaleniense de Pincevent a partir de 1964, André Leroi-Gourhan contribuíu a renovar os métodos de escavación arqueolóxica. O sitio, excepcionalmente conservado, de Pincevent permitiulle desenvolver unha análise espacial dos hábitats prehistóricos, grazas á escavación por capas.
Citas
[editar | editar a fonte]- «A partir do intre no que o home non pode falar, porque está ausente ou morto, onde os arquivos non existen, dúas testemuñas subsisten: a arte e as técnicas» (L'Homme et la matière, Introduction)
- «Non se fai mellor Prehistoria amoreando machados puídos, como non se fai Botánica apañando leitugas no horto. »
Principais publicacións
[editar | editar a fonte]- L'Homme et la matière, París, Albin Michel, 1943
- Milieu et techniques, París, Albin Michel, 1945
- Le geste et la parole, París, Albin Michel, 1964-65
- Les religions de la Préhistoire, París, PUF, 1964
- Préhistoire de l'art occidental, París, Mazenod, 1965
- Dictionnaire de la Préhistoire, París, Presses Universitaires de France
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brigitte et Gilles Delluc, « Hommage à André Leroi-Gourhan », Archéologia, n° 212, 1986.
- Marc Groenen, Pour une histoire de la préhistoire, Éd. J. Millon , 1994, ISBN 2-905614-93-5
- Michel Lorblanchet, Les grottes ornées de la Préhistoire, Errance, 1995, ISBN 2-87772-112-4