Anfiteatro de Mérida
Tipo | anfiteatro romano monumento | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Roman Theatre, Amphitheatre, the Amphitheatre House (en) Emerita Augusta | |||
Localización | ||||
División administrativa | Mérida, España | |||
| ||||
Características | ||||
Ben de interese cultural | ||||
Data | 13 de decembro de 1912 | |||
Identificador | RI-51-0000108 | |||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | ||||
Data | ? | |||
Identificador | 664-005 | |||
O anfiteatro de Mérida é un antigo recinto para espectáculos de loitas de gladiadores que foi construído polo Imperio Romano na colonia de Emerita Augusta, actual Mérida, a finais do século I aC. A súa construción planificouse xunto á do adxacente e famoso teatro romano, co que conformaba a grande área pública de espectáculos da capital da Lusitania. Foi abandonado cara ao século IV e ata principios do século XX permaneceu parcialmente enterrado. En 1912 foi nomeado Ben de Interese Cultural[1] e desde 1993 é Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como parte do Conxunto arqueolóxico de Mérida.
Historia
[editar | editar a fonte]A construción do anfiteatro planificouse xunto coa do teatro e levantouse moi pouco despois. Segundo dedúcese das inscricións achadas no seu interior, foi inaugurado no ano 8 a.C. Con esta obra completábase o proxecto de dotar á colonia Emerita Augusta, xa entón capital da provincia Lusitania, dunha grande área pública para espectáculos, acorde coa súa categoría política e administrativa. Este edificio estaba destinado ás loitas entre gladiadores, entre feras ou entre homes e feras, as denominadas venatio, que xunto ás carreiras no circo eran as preferidas polo pobo romano.[2]
Tralo seu abandono, ligado á oficialización do cristianismo no século IV, parte da súa estrutura foise ocultando baixo terra e a que quedou descuberta, sobre todo a summa cavea, serviu como canteira de extracción de materiais para outras obras.[3] Desde o século XVI algúns autores chamaron ao edificio naumaquia coa crenza errónea de que era o lugar de celebración de simulacros de batallas navais, para o que se baseaban na profundidade do seu foso central e a proximidade dalgúns tramos do acueduto. As escavacións a partir de 1919 emendaron o erro e devolvéronlle a súa verdadeira identidade.[3]
Descrición
[editar | editar a fonte]O anfiteatro ten forma elíptica, cun eixe principal de 126 metros e un menor de 102 metros, mentres que a area mide 64 metros por 41 metros. As bancadas ou cáveas do seu lado leste construíronse sobre o cerro de San Albín, do mesmo xeito que as do teatro adxacente. Dezaseis portas ábrense ao exterior na fachada, a principal das cales é a que se atopa no extremo do eixe occidental. Dous das portas situadas ao nordeste están pechadas pola muralla e non hai opinión unánime do por que diso.[3]
Como en case todos os edificios romanos deste tipo, as súas bancadas divídense en tres sectores: ima, media e summa cavea inferior, media e superior. Da superior non quedan apenas restos e na ima cavea pódense observar as restauracións que efectuou José Menéndez Pidal a mediados do século XX.[3]
Sobre as primeiras bancadas construíronse dúas tribunas, unha en cada extremo do eixe menor do anfiteatro. Á do oeste, reservada para as autoridades, accédese por dúas escaleirillas que parten da galería que vén da porta principal. A do leste, que conta con dúas escaleiras que a comunican directamente coa area, era ocupada pola persoa que financiaba o espectáculo. Nas frontes de ambas estiveron colocadas as inscricións que permitiron coñecer a data de inauguración do edificio e que hoxe se achan no próximo Museo Nacional de Arte Romana (MNAR).[4] Algúns restos atopados fan supoñer a existencia doutros dous palcos de honra sobre as portas de acceso á area que se abren nos extremos do eixe maior.[4]
A area, de forma elíptica, era onde se desenvolvían os espectáculos. Está separada da cávea por un alto podio para protexer ao público. Na antigüidade este murete estivo recuberto de mármore, rematado por unha cornixa e decorado coas pinturas murais que hoxe se custodian no MNAR e que representan os espectáculos que se desenvolvían no anfiteatro. No centro da area cavouse unha gran fosa en forma de cruz sobre a que se verteron numerosas opinións. Case sen ningunha dúbida estivo recuberta por un entarimado que a facía invisible e o seu interior serviu para almacenar as gaiolas das feras e o material escénico.[5]
Dúas longas galerías nos extremos do eixe maior permitían, ademais do acceso ás bancadas, a entrada dos gladiadores á area. A ambos os dous lados de cada unha delas, xunto á area, ábrense habitacións reservadas para os gladiadores ou para as feras. Segundo dedúcese dunha inscrición atopada na galería sur, é probable que algunhas destas estancias estivesen dedicadas ao culto da deusa Némese, á que se encomendaban os participantes nos xogos.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Base de datos de Bienes inmuebles de Interés Cultural. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España.
- ↑ Barroso & Morgado 1996, p. 17.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Barroso & Morgado 1996, p. 18.
- ↑ 4,0 4,1 Barroso & Morgado 1996, p. 19.
- ↑ 5,0 5,1 Barroso & Morgado 1996, p. 20.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barroso, Yolanda; Morgado, Francisco (1996). Mérida, Patrimonio de la Humanidad. Conjunto monumental. Mérida: Consorcio de la Ciudad Monumental Histórico-Artística y Arqueológica de Mérida (Depósito legal: BA-335-1996).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Anfiteatro
- Anfiteatro de Tarraco
- Anfiteatro de Itálica
- Emerita Augusta
- Circo romano de Mérida
- Teatro romano de Mérida
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anfiteatro de Mérida |
- Anfiteatro Romano, Turismo de Mérida.
- Anfiteatro romano, Consorcio Ciudad Monumental de Mérida.