Angolares
Os angolares son un pobo ou grupo étnico de San Tomé e Príncipe.
Son o segundo maior grupo étnico do país por detrás dos forros.[1] O censo de 1950 revelou a existencia de 4.490 angolares, mais hoxe son sobre 10.000.[2] Son os únicos africanos non mesturados do arquipélago.[3] Viven xeralmente da pesca e están establecidos ao longo do litoral ao nordés e sur da illa de San Tomé, entre São João dos Angolares e Porto Alegre. Viviron moito tempo separados doutras poboacións e a súa identidade cultural (angolaridade) é forte, marcada pola historia que lles da unha imaxe de valentes, resistentes e incluso temibles.
Historia
[editar | editar a fonte]Son os descendentes directos de escravos orixinarios de Angola, pero as circunstancias da súa chegada seguen sendo incertas. Segundo a versión difundida polas autoridades coloniais, os primeiros en chegar foron os superviventes dun naufraxio entre 1540 e 1550 dun barco que transportaba uns 800 escravos con destino ao Brasil.[4]
Establecidos nunha rexión montañosa, non se falará dos superviventes até 1574. A continuación levaron a cabo unha serie de accións violentas contra os colonos, sobre todo baixo a influencia dun líder carismático, Amador, que se proclamou "rei dos Angolares", durante a revolta dos Angolares. Os angolares fixéronse amos efectivos da illa entre 1595 e 1596, pero os portugueses conseguiron capturar a Amador. Os seus partidarios continuaron a loita até o século XIX.
Outra versión sostén que os angolares eran escravos que fuxiron dos seus donos sobre o ano 1470, cando os portugueses descubriron as illas de San Tomé e Príncipe, e que crearon o seu propio país libre nas illas, chamado Quilombo ou Kilombo. Este nome deriva de kimbundo (unha das linguas bantús máis faladas de Angola) e pode significar asentamento, reino, poboación e unión. Un Kilombo era unha nación independente, creada por escravos africanos que loitaron contra a escravitude e se liberaron dela. Estaban localizados, xeralmente, en zonas de densa vexetación, lonxe das plantacións.
Unha terceira versión é a de que os angolares eran africanos que migraron dende o continente cara a San Tomé e Príncipe moito antes de que os portugueses chegaran ás illas. Así con todo, o máis aceptado é que a historia dos angolares e o seu reinado sobre San Tomé e Príncipe son parte dunha historia de autodeterminación e independencia liderada polo rei Amador.
Cultura
[editar | editar a fonte]A cultura dos angolares é rica en contos,[5][6] e cantos tradicionais, que se cre que foron influenciados pola tradición bantú.[7] Falan angolar (ou ngola), unha lingua crioula, baseada no portugués.
A pesca xoga un papel central. Os angolares sérvense de dongos, caiucos tallados de madeira da árbore do algodón vermello ou de moreira.[3] As mulleres son as encargadas da transformación e comercialización dos produtos da pesca. Tamén crían cabras e venden teas e outros artigos.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Yakan 1999, p. 176.
- ↑ Havik 2007, p. 109.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Gallet 2008, pp. 51-52.
- ↑ Ajavon 2008, pp. 113-114.
- ↑ de Almeida 1957, pp. 319-325.
- ↑ de Castro 1957, pp. 187-192.
- ↑ Schang 2000, p. 19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Yakan, Mohamad Z. (1999). Almanac of African Peoples & Nations (en inglés). New Brunswick: Transaction Publishers. ISBN 9780955392269.
- Havik, Philip J.; Newitt, Malyn (2007). Creole societies in the Portuguese colonial empire (en inglés). Bristol: University of Bristol, Department of Hispanic, Portuguese & Latin American Studies. ISBN 9781560004332.
- Gallet, Dominique (2008). Sao Tomé et Principe : les îles du milieu du monde (en francés). París: Karthala.
- Ajavon, Lawoetey-Pierre (2005). Traite et esclavage des Noirs : quelle responsabilité africaine? (en francés). París: Éditions Menaibuc. ISBN 2-911372-71-9.
- de Almeida, Antonio; de Castro, Maria Cecília (1957). Egoismo castigado: Fábula angolar. García de Orta (en portugués) 5.
- de Almeida, Antonio; de Castro, Maria Cecília (1957). O galo, a galinha e o falcão: Fabula angolar. García de Orta (en portugués) 7.
- Schang, Emmanuel (2000). L'émergence des créoles portugais du golfe de Guinée (en francés). Université Nancy 2.