Anisáquidos
Anisáquidos (Anisakidae) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Larva de Anisakis simplex | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||
|
A dos anisáquidos (Anisakidae) é unha familia de vermes nematodos da clase dos secernénteos e orde dos ascarídidos que parasitan, en estado adulto, mamíferos mariños, peixes e outros animais que viven no mar. No home son causa da enfermidade denominada anisaquíase, producida pola inxestión de larvas vivas presentes no peixe, cando o consome cru ou insuficientemente cociñado.
As especies máis frecuentemente involucradas nesta parasitación son as seguintes:
- Anisakis simplex e A. physeteris
- Pseudoterranova decipiens
- Contracaecum spp
O Anisakis simplex é, con moito, a especie máis característica. Estímase que o 97 % dos casos de anisaquíase se debe a esta especie e o 3 % restante ao Pseudoterranova (Martínez Ubeira). Os últimos estudos consideran que Anisakis simplex é un complexo formado polo A. simplex sensu stricto (ou A. simplex B), o A. pegreffi (A. simplex A) e o A. simplex C. Das tres especies, a primeira é a máis abundante.
Descrición
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5a/Nematoda_Gadus_Morhua_Fish_MArket_Atlantic_Canada.jpg/200px-Nematoda_Gadus_Morhua_Fish_MArket_Atlantic_Canada.jpg)
Os ovos do Anisakis son ovalados, dunhas 45-50 micrómetros, e coa casca fina e transparente. Cando son depositados no medio mariño non están embrionados.
As larvas L3, xa infestantes, son filiformes, de 2–3 cm de lonxitude e de cor abrancazada. A do xénero Pseudoterranova é maior (de ata 45 mm) e de cor marrón ou avermellada. No terzo anterior do corpo mostran unha mancha branca que corresponde co ventrículo. No extremo cefálico mostran un dente único (dente de penetración), a boca (provista de pequenos dentículos) e o poro excretor. No extremo caudal mostran un avultamento (o mucrón), propio dos nematodos e que desparece ao mudar a larva 4.
Ciclo biolóxico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Anisaquíase.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/8f/Anisakiasis_01.svg/290px-Anisakiasis_01.svg.png)
Nos Anisakis, o ciclo biolóxico é complexo e interveñen varios hospedadores.
O verme adulto parasita o aparato dixestivo de mamíferos mariños (grandes e pequenos cetáceos e mais focas), provocando fortes úlceras na parede do estómago. Pon os ovos na luz intestinal e estes son expulsados coas feces ao medio mariño. Na auga prodúcese o desenvolvemento embrionario que atravesa por tres fases larvarias (L1, L2 e L3). Eclosionan ao cabo de 4-8 días, se a auga está a temperaturas de 15 a 18 °C.
A larva L3 é de vida libre e nada no medio mariño, formando parte do plancto, co que son inxeridas polos hospedadores intermedios (normalmente copépodos e outros pequenos crustáceos). No interior destes migran cara ao hemocele e rematan a maduración, converténdose en larvas infestantes. Estes crustáceos son, á súa vez, presa de diferentes especies de peixes e cefalópodos [1] e a larva pasa neles á cavidade corporal, tras atravesar a parede gastrointestinal.
Nos peixes, as larvas localízanse principalmente sobre o fígado (baixo o tecido conectivo que o rodea) ou nas ovas, pero son quen de desprazarse activamente para encapsularse na musculatura, especialmente nos músculos que rodean a cavidade abdominal aínda que poden chegar á carne inmediata á espiña; nos cefalópodos adoitan fixarse na parede externa do estómado e só raramente na musculatura do manto.
No hospedador intermediario as larvas aparecen soltas, móbiles, sobre as vísceras ou fixadas a estas ou ao peritoneo do peixe. Cando se localizan na musculatura aparecen inmóbiles, enroladas en espiral, formando un disco abrancazado duns 2–3 mm de diámetro.
Cando un mamífero mariño come o peixe parasitado péchase o ciclo. A larva penetra na parede do estómago, muda outra vez (L4) e alcanza a madurez sexual. Normalmente os vermes adultos aparecen agrupados, 50-100 exemplares, en úlceras de ata 6 cm de diámetro.
No caso do Pseudoterranova decipiens, os hospedadores definitivos adoitan ser unicamente pinnípedes e os intermediarios son crustáceos mísidos.
A intervención do home neste ciclo biolóxico é accidental e rompe o ciclo: constitúe un hospedador paraténico [2]
Aínda que no home as larvas provoquen a enfermidade da anisaquíase, nunca chegan ao estado adulto, pero non resulta infrecuente atopar no tracto gastrointestinal humano fases intermedias entre L3 e L4 e mesmo estas últimas xa desenvolvidas.
Xéneros
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/91/Anisaquis_04012009b_07.jpg/250px-Anisaquis_04012009b_07.jpg)
A familia comprende varis xéneros, entre eles:
- Anisakis Dujardin, 1845
- Contracaecum Railliet & Henry, 1912
- Goezia Zeder, 1800
- Heterotyphlum Spaul, 1927
- Paranisakis Baylis, 1923
- Pseudoterranova Layman & Borovkova, 1926
- Phocascaris Höst, 1932
- Raphidascaroides Yamaguti, 1941
- Rhaphidascaris Railiet & Henry, 1915
- Terranova Leiper et Atkinson, 1914
- Thynnascaris Dollfus, 1933
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A infestación tamén se pode producir se predan noutros peixes ou cefalópodos infestados.
- ↑ Denomínase hospedador paraténico ou de transporte aquel ser vivo que actúa como vehículo ou refuxio temporal do parasito para acceder ao hospedador definitivo, non sendo imprescindibles para completar o ciclo vital, aínda que aumenta as posibilidades de supervivencia e transmisión.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Anisáquidos |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Anisáquidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martínez Ubeira, Florencio (director): "Anisaquiosis y alergia. Un estudio seroepidemiológico en la Comunidad Autónoma Gallega". Documentos Técnicos de Saúde Pública nº B24, Xunta de Galicia 2000.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Anisakiasis no CDC. (en inglés) Consultada o 24/01/2013.
- B. Gómez, E. Lasa, E. Arroabarren, S. Garrido, M. Andan e A. I. Tabar:"Alergia a Anisakis simplex" Arquivado 30 de maio de 2009 en Wayback Machine. en Anales CFNavarra, vol. 26, suplemento 2, 2003. (en castelán) Consultada o 24/01/2013.
- Anisakidae Skrjabin & Karokhin, 1945 en World Register of Marine Species. Lista de especies (en inglés) Consultadas o 24/01/2013.
- Anisakidae en SIIT. (en inglés)
- Anisakidae Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Fauna Europaea. (en inglés) Consultada o 24/01/2013.
- Anisakidae en Animal Diversity Web. (en inglés) Consultada o 24/01/2013.
- Anisakidae en NCBI. (en inglés) Consultada o 24/01/2013.