Saltar ao contido

Annona x atemoya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Annona x atemoya

Annona x atemoya
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermas
(sen clasif.): Magnoliidae
Orde: Magnoliales
Familia: Annonaceae
Xénero: Annona
Especie: ''A. × atemoya''
Nome binomial
'Annona × atemoya'
Mabb.

A Annona x atemoya é unha especie de arboriña híbrida obtida do cruzamento da Annona squamosa e da chirimoia (Annona cherimola Mill.), ambas pertencentes á familia das annonáceas e nativas do neotrópico.[1]

O primeiro cruzamento para crear esta planta fíxoo en 1908 P.J. Wester, un horticultor do Laboratorio Subtropical do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos en Miami.

Os froitos resultantes eran dunha calidade superior aos da Annona squamosa e déuselles en inglés o nome de "atemoya", unha combinación de "ate", do antigo nome mexicano da Annona squamosa e "moya", do castelán "chirimoya".

Posteriormente, en 1917, Edward Simmons na Estación de Introdución de Plantas de Miami conseguiu cultivar con éxito híbridos que sobreviviron a un descenso da temperatura de 26,5 °C, mostrando a resistencia da Annona x atemoya, que provén dun dos seus proxenitores, a chirimoia.

Atopáronse híbridos naturais en Venezuela e observáronse híbridos fortuítos nas plantacións adxacentes de Annona squamosa e chirimoia en Israel durante a década de 1930 e 1940.[2]

O seu froito ten normalmente forma de corazón ou arredondado, cunha casca verde pálido, rugosa e chea de vultos. Preto do caule, a casca é rugosa como na Annona squamosa, no entanto, tórnase máis suave na parte inferior, como na chirimoia. A polpa non está segmentada como na Annona squamosa, sendo neste aspecto máis similar á chirimoia. É moi zumarenta e suave, sabe lixeiramente doce e un pouco agre, recordando a piña colada. O sabor tamén pode lembrar a vainilla, pola parte que lle vén da Annona squamosa.[3] Nesta polpa branca encóntranse moitas sementes negras, que son tóxicas.[4] Cando está madura, pódese sacar o froito da casca e comelo frío[3]

Froito da Annona x atemoya

Nesta planta, como noutras annonáceas, a autopolinización é rara. A flor da Annona x atemoya, na súa etapa feminina, ábrese entre as 14:00 e as 16:00; a tarde seguinte, entre as 15:00 e as 17:00 a flor pasa á súa etapa masculina. Ás veces os froitos son deformes, subdesenvolvidos nun lado, como resultado dunha polinización inadecuada. Por iso prefírese a polinización artificial, que garante case sempre unha froita de calidade superior. Con todo, a variedade Geffner prodúcese ben sen a polinización manual, igual que a Bradley, aínda que neste último caso a froita ten o costume de partir na árbore.[5]

  1. Boning, Charles R. (2006). Florida's Best Fruiting Plants: Native and Exotic Trees, Shrubs, and Vines. Sarasota, Florida: Pineapple Press, Inc. p. 26. 
  2. Jonathan H. Crane (1993). "Commercialization of Carambola, Atemoya, and Other Tropical Fruits in South Florida." (en inglés). Consultado o 13-04-2019. 
  3. 3,0 3,1 Clarke, Joan (1998). "Hawai’i". En Feierabend, Peter; Chassman, Gary; Danforth, Randi. Culinaria: The United States: A Culinary Discovery. Köln, Germany: Könemann. pp. 476. ISBN 3-8290-0259-9. 
  4. Purdue New Crops Profile
  5. Boning, Charles R. (2006). Florida's Best Fruiting Plants: Native and Exotic Trees, Shrubs, and Vines. Sarasota, Florida: Pineapple Press, Inc. p. 27. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]