Antón e os inocentes
Antón e os inocentes | |
---|---|
Autor/a | Xosé Luís Méndez Ferrín |
Orixe | España |
Lingua | galego |
Xénero(s) | novela |
Editorial | Xistral |
Data de pub. | 1976 |
ISBN | ISBN 84-85271-03-3 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Antón e os inocentes é unha novela de Xosé Luís Méndez Ferrín escrita en 1970 e publicada en 1976 por Edicións Xistral co título de Antón e os iñocentes.
Características
[editar | editar a fonte]Finalista do Premio de Novela de Galaxia de 1975 e do Premio da Crítica española, fora acollida con frialdade por certos críticos galegos, que a consideraron no seu día das menos brillantes producións do autor ourensán.
Escrita no Penal de El Dueso (onde estivo recluído entre 1969 e 1971),[1] forma parte dunha triloxía xunto con No ventre do silencio e a inédita Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, a obra que provocou a condena do autor aínda que non fora publicada.[2]
O tempo confirmou que se trata dun dos textos emblemáticos de Méndez Ferrín, segundo o propio candidato a Nobel, enlazado coa moi posterior No ventre do silencio cara a unha presumible triloxía narrativa sobre a posguerra. A elaborada estrutura de Antón e os inocentes entretece ambientacións e feitos históricos (os anos cincuenta en Vigo, a batalla de Dien Bien Phu no Vietnam) co percorrido vital dunhas personaxes que aboian entre a realidade opresora e o éxodo onírico.
Segundo a propia editora: Unha escrita hábil e desbordante é a responsable de encher as que, segundo Ferrín, son as súas «páxinas máis exactas, duras e esixentes». Narda e Berto conflúen no Vigo proletario e convulso da década de 1950. Desprégase sobre eles unha tormenta; Antón e a ferida impronunciable dun conflito latente. Este libro é a historia de dous mozos que emprenden unha viaxe cara ás sombras da que é imposible regresar.[3]
Segundo Antón Blanco: o salto que dá o proletariado galego na obra de Méndez Ferrín, en concreto en Antón e os inocentes, para pasar de ser un recurso case costumista na literatura galega a ser o suxeito político e literario central, en quen recae a responsabilidade histórica de avanzar cara a un mundo mellor.[4] A narración agocha “tras o envoltorio do Bildungsroman todo un tratado histórico e ideolóxico sobre os conflitos derivados da loita de clases aos que se ve sometida a Galiza contemporánea”.[1]
Edicións
[editar | editar a fonte]A segunda edición saíu do prelo en 1986 na editorial Sotelo Blanco, cun limiar do autor escrito dez anos despois.[5] En 1992 foi incluído na Biblioteca de Autores Galegos de Diario 16 de Galicia. En 2019 Xerais publicou unha nova edición na colección Xerais Clásicos, que correu a cargo de Antón Blanco Casás en canto á fixación textual e un breve prólogo e unha fotografía extraordinaria na cuberta a cargo de Manuel G. Vicente.[6][7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Salgado, Daniel. "Xerais recupera 'Antón e os inocentes', novela que Ferrín escribiu na cadea". Nós Diario. Consultado o 2020-01-19.
- ↑ "Recuperan a mítica novela sobre a guerrilla galega pola que Xosé Luís Méndez Ferrín foi enviado a prisión" CCG, 22/4/2020.
- ↑ "Ficha do libro. Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2020-01-19.
- ↑ "Antón e os inocentes, de Méndez Ferrín: o proletariado galego como suxeito literario e político". minerva.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 27/05/2020. Consultado o 19/01/2019.
- ↑ Méndez Ferrín, Xosé Luís (1986). Antón e os inocentes. Sotelo Blanco. ISBN 978-8478240111.
- ↑ Méndez Ferrín, Xosé Luís (2019). Antón e os inocentes. Xerais. p. 171. ISBN 978-84-9121-507-3.
- ↑ Nicolás, Ramón (2019-07-12). "Novidade (193): Antón e os inocentes, de X.L. Méndez Ferrín". Caderno da crítica. Consultado o 2020-01-19.