Antonio Pérez Prado
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de novembro de 1926 ![]() Buenos Aires, Arxentina ![]() |
Morte | 7 de setembro de 2009 ![]() Buenos Aires, Arxentina ![]() |
Educación | Facultade de Medicina da Universidade de Bos Aires ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritor, médico ![]() |
![]() |
Antonio Pérez Prado, nado o 19 de novembro de 1926 en Buenos Aires e finado na mesma cidade o 7 de setembro de 2009, foi un médico e intelectual galego-arxentino.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no barrio de Montserrat de Buenos Aires, sendo fillo dos inmigrantes galegos Francisco e Fe, natural el de Baamonde e ela de Parga.[1] Tras realizar o servizo militar emigrou aos Estados Unidos, onde foi soldador e cronista de boxeo, ademais de boxeador.[2] Ao seu regreso á Arxentina traballou como tradutor e estudou Medicina, entrando logo no Hospital Municipal de Buenos Aires e no sanatorio do Centro Galego.
Sen participar activamente en ningunha organización galeguista, a finais dos anos 50 entrou en contacto coa colonia galega e recuperou os lazos con Galicia da man de intelectuais como Neira Vilas e Luís Seoane. Participou activamente na creación da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, entidade conformada polos fillos de emigrantes galegos que compartían inquietudes nacionalistas.
Articulista na prensa arxentina e autor de varios tratados de divulgación científica, en 1973 publicou un clásico da literatura da emigración: Los Gallegos y Buenos Aires. Foi guionista do documental Castelao (Biografía de un ilustre gallego) (1980), do arxentino Jorge Prelorán.[2] En 1993 denunciou á Editorial Planeta pola publicación dun libro de chistes de galegos, conseguindo que a editorial non volvese publicar máis libros do estilo.[2][3]
Os seus restos foron enterrados no Panteón do Centro Galego.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pérez Prado, Antonio (1999). "Memorias de cando era pibe". Grial: revista galega de cultura 37 (144): 669–674. ISSN 0017-4181.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Antón Reixa (1980). Filmando a Castelao (CRTVG).
- ↑ "Antonio Pérez Prado: El hombre que luchó contra los chistes de gallegos en Argentina". Faro de Vigo (en castelán). 9 de abril de 2014. Consultado o 13 de novembro de 2024.