Saltar ao contido

Anxo da garda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anxo da garda (1656), óleo de Pietro da Cortona.

Un anxo da garda[1] ou anxo custodio[2] é, segundo a crenza de varias relixións, un tipo de anxo asignado para protexer, gardar e guiar unha persoa, grupo ou nación en particular durante a súa existencia na terra. A crenza en seres tutelares pódese rastrexar ao longo de toda a Antigüidade. A idea de anxos protexendo ás persoas xogou un papel importante no xudaísmo antigo. No cristianismo, a xerarquía dos anxos foi amplamente desenvolvida no século V por Pseudo Dionisio Areopagita. A teoloxía dos anxos e os espíritos tutelares sufriu moitos cambios dende o século V. A crenza é que os anxos gardiáns serven para protexer a calquera persoa á que Deus os asigna.

A idea dun anxo gardián é central no libro do século XV "O libro da maxia sacra de Abramelin o mago" (The Book of the Sacred Magic of Abramelin the Mage), de Abraham de Worms, un cabalista alemán. En 1897, este libro foi traducido ao inglés por Samuel Liddell MacGregor Mathers (1854-1918), cofundador da Orde Hermética da Aurora Dourada, quen chamou ao anxo da garda o Santo Anxo Gardián.

No zoroastrismo

[editar | editar a fonte]
Unha representación gráfica dun faravahar similar a un tallado en Persépole.

No zoroastrismo existe a figura do fravashi (en avéstico: fravaṣ̌i), tamén coñecido como Arda Fravaš ("Santos Anxos Gardiáns"). O fravashi é o termo avéstico para o concepto zoroástrico de espírito persoal dun individuo, xa sexa morto, vivo ou aínda non nado. O fravashi dun individuo envía o urvan (a miúdo traducido como "alma") ao mundo material para librar a batalla do ben contra o mal. Na mañá do cuarto día despois da morte, o urvan regresa ao seu fravashi, onde se recompilan as súas experiencias no mundo material para axudar á próxima xeración na súa loita entre o ben e o mal. Cada persoa está acompañada dun anxo da garda,[3] que actúa como guía durante toda a vida. Orixinalmente patrullaban os límites das murallas do ceo,[4] mais ofrécense como voluntarios para descender á terra e apoiar ás persoas até o final dos seus días. Aínda que non hai unha descrición física dun fravashi no Avesta, comunmente crese que o faravahar, un dos símbolos máis coñecidos do zoroastrismo, é a representación dun.

No xudaísmo

[editar | editar a fonte]

No xudaísmo, cada crente tería un anxo da garda.[5]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para anxo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para anxo custodio.
  3. Yasna 26.4, 55.1
  4. Bundahišn 6.3, Zatspram 5.2
  5. Maxine Grossman, The Oxford Dictionary of the Jewish Religion, Oxford University Press, USA, 2011, p. 52