Saltar ao contido

Aprendizaxe cultural

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A aprendizaxe cultural, tamén chamada transmisión cultural, é a forma que ten un grupo de persoas ou animais dentro dunha sociedade ou cultura de aprender e transmitir información. Os estilos de aprendizaxe están altamente influenciados por como a cultura integra socialmente os seus nenos e nenas e xente nova. Nos últimos cincuenta anos publicáronse estudos transculturais que se centraban principalmente nas diferenzas entre as culturas orientais e as occidentais (Chang, et al., 2010). Estas diferenzas ambientais inclúen o clima, os patróns de migracións, as guerras, a sustentabilidade agrícola e os patóxenos endémicos. Crese que a evolución cultural, sobre a cal se constrúe a aprendizaxe cultural, é un produto dos últimos 10 000 anos e que garda pouca relación coa xenética (Chang, et al., 2010).

A aprendizaxe cultural permite aos individuos adquirir habilidades que serían incapaces de conseguir de xeito independente durante as súas vidas (Van Schaik & Burkart, 2011). Crese que a aprendizaxe cultural é especialmente importante en humanos. Os seres humanos son destetados a unha idade máis temperá en comparación coa aparición da dentición adulta (MacDonald, 2007). A inmadurez da dentadura e do sistema dixestivo, o tempo requirido para o desenvolvemento do cerebro, a rapidez de crecemento do esqueleto que necesita o cativo para chegar á altura e forza do adulto, significan que os meniños teñen necesidades dixestivas especiais e son dependentes dos adultos durante longos períodos de tempo (MacDonald, 2007). Este tempo de dependencia constitúe tamén o tempo necesario para a aprendizaxe cultural, que acontece antes da transición á idade adulta.

En base á aprendizaxe cultural, a xente crea, recorda e afronta ideas. Entenden e aplican sistemas específicos con significados simbólicos. As culturas son comparadas con mecanismos de control, plans, receitas, normas ou instrucións. Hai diferenzas culturais nas motivacións académicas, nos logros, nos estilos de aprendizaxe e de conformidade (Chang, et al., 2010). A aprendizaxe cultural depende da innovación ou da habilidade de crear novas respostas ao ambiente e da habilidade de comunicar ou imitar o comportamento doutros (Lehmann, Feldman & Kaeuffer, 2010). Os animais capaces de resolver problemas e de imitar o comportamento doutros son capaces, polo tanto, de transmitir información durante xeracións.