Saltar ao contido

Tesmóteta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Arconte tesmóteta»)
Recinto das ruínas do tribunal da Heliea. Stoá de Átalo ao fondo. Ágora de Atenas.

Os tesmótetas foron uns maxistrados da Antiga Grecia. En Atenas era unha maxistratura colexiada de seis membros. Reuníanse no Tesmoteteo[1].

As atribucións dos tesmótetas de Atenas son descritas por Aristóteles:[2]

  • Incoación das acusacións de ilegalidade (grafaí paranomoi) e de alta traizón (eisangelía)[3] e a súa presentación ante a Ekklesía (Asemblea do pobo).
  • Establecemento do número de xurados e dos tribunais necesarios.
  • Convocatoria e presidencia de tribunais.
  • Inscrición das audiencias preliminares que lles remitían os maxistrados no calendario dos tribunais[4][5].
  • Instrución das accións de corrupción suborno interpostas a iniciativa de calquera cidadán. Tamén as acusacións de sicofantía, usurpación de cidadanía, firma falsa en citacións, inscricións falsas ou indebidas, ou de non inscrición.
  • Vista dos casos de adulterio.
  • Instrución das accións interpostas contra os xefes e presidentes dos prítanes.
  • Presidencia dos xuízos sobre a rendición de contas dos maxistrados e estrategos.
  • Instrución de procesos públicos incoados pola comisión dos interventores (éuthynoi)[6].
  • Remisión aos tribunais das penas ditadas pola Bulé (Consello dos Cincocentos)[7].

O colexio dos tesmótetas exercía as súas funcións no tribunal chamado Heliea[8].

Decidían se o día debía ser dedicado a asuntos privados menores, con xurados de 201 cidadáns, ou máis importantes con 401 xurados, ou ás accións públicas con polo menos 501 xurados[5]. O secretario dos tesmótetas elixía por sorteo ao décimo tribunal composto por representantes das dez tribos atenienses.  Os outros nove tribunais asignábanos os nove arcontes[9].

  1. Aristóteles, Constitución dos atenienses 3.5.
  2. Aristóteles, op. cit. 59.
  3. Hansen p. 252
  4. Supplementum Epigraphicum Graecum 26 72.26-28.
  5. Hansen p. 233
  6. Aristóteles, op. cit. 48.4.
  7. Aristóteles, op. cit. 45.1.
  8. Hansen p. 226.
  9. Aristóteles, op. cit. 63

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]