Saltar ao contido

Arquivo Xeral Territorial da Xunta de Galicia en Lugo


O Arquivo Xeral Territorial da Xunta de Galicia en Lugo é o primeiro arquivo da Administración autonómica de Galicia creado para recoller os documentos da Administración periférica. Depende organicamente da Delegación Territorial de Lugo, Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, funcionalmente, da Subdireción Xeral de Arquivos, dentro de Secretaría Xeral de Cultura.

Ten a súa sede no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Para desenvolver as súas funcións, o arquivo dispón na actualidade, polo que respecta aos espazos e locais, de 70 m² de oficina e tres locais nos sotos, que contan cun total de 3 700 m de estantes.

Os usuarios principais deste arquivo son as oficinas produtoras que poden consultar os seus documentos dende o mesmo momento da transferencia.

Os antecedentes deste arquivo atópanse na reunión, nun único edificio administrativo, da maioría das delegacións provinciais da Xunta de Galicia en Lugo, a finais dos anos 90. O Arquivo Histórico Provincial e a Delegación Provincial da Consellería de Cultura expoñen a necesidade da creación dun arquivo administrativo para a custodia dos documentos das delegacións provinciais. A comisión xestora do edificio recolle a proposta e comeza a traballar para dotar de espazo de oficinas e de depósitos óo futuro do Arquivo Territorial.

Respecto do espazo, a comisión xestora destina uns 100 m² para oficinas e 3 locais para depósitos nos sotos do edificio, un deles xa dotado inicialmente con armarios de andeis de tipo compacto, con capacidade total para recoller aproximadamente 3,5 km de documentos.

Este proceso desemboca na creación do Arquivo Xeral Territorial, mediante a Resolución do 11 de setembro de 1998 pola que se publica o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998 que aproba o Plan de racionalización de efectivos do novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. Nesta resolución créase o arquivo como un dos servizos xerais do edificio administrativo e aparece na Relación de postos de traballo adscrito á Delegación Provincial de Cultura.

No momento actual, o Arquivo Xeral Territorial de Lugo segue a consolidar a súa traxectoria como arquivo de titularidade autonómica que xestiona os documentos xerados pola Administración periférica da Xunta de Galicia. A continuidade dos traballos fai que se consigan uns resultados que melloran ano tras ano.

Contexto cultural e xeográfico

[editar | editar a fonte]

Este arquivo ten como funcións principais definir, implantar e manter o sistema de xestión documental do seu ámbito administrativo e, concretamente, recibir, identificar, avaliar, custodiar e servir os documentos producidos pola administración periférica da Xunta de Galicia en Lugo. É tamén función principal transferirlle ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo os documentos que sexan de conservación permanente, unha vez cumpridos os prazos establecidos.

O arquivo responde á tipoloxía de arquivo central e intermedio das delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

Atribucións / Fontes legais

[editar | editar a fonte]
  • Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia (DOG núm. 191, do 7 de outubro).[1]
  • Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 214, do 8 de novembro). DEROGADA.[2]
  • Resolución do 11 de setembro de 1998, pola que se publica o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998 que aproba o Plan de racionalización de efectivos do novo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (DOG núm. 177, do 11 de setembro).[3]
  • Orde do 30 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a realización de transferencias documentais con destino aos arquivos dependentes da Xunta de Galicia (DOG núm. 174, do 9 de setembro).[4]
  • Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e a reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia (DOG núm. 175, do 10 de setembro).[5]
  • Orde do 1 de setembro de 2010, pola que se establecen as normas para a realización de préstamos de documentos entre os arquivos propios e os xestionados pola comunidade autónoma de as oficinas da Xunta de Galicia (DOG núm. 174, do 9 de setembro).[6]
  • Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia (DOG núm. 229, do 30 de novembro).[7]

Xestión de documentos e política de ingresos

[editar | editar a fonte]

Polo seu carácter de arquivo central e intermedio, recibe as transferencias documentais das xefaturas territoriais das consellerías en Lugo sitas no edificio administrativo común a todas elas: Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Facenda, Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Traballo e Benestar, Medio Rural e do Mar. O arquivo transfire documentos ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo, unha vez que cumpren os prazos de conservación correspondentes.

O arquivo está situado no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, construído en 1997. Este edificio dispón de tres andares sobre a rasante e dous debaixo. As oficinas do arquivo sitúanse no segundo andar e os depósitos nos sotos do edificio.

Metros de oficinas: 70 m²
Metros lineais de andeis: 3 700 m
Metros lineais de documentos: 3 598 m
Unidades de instalación: 26 652

Arquivo Xeral Territorial da Xunta de Galicia en Lugo
Edificio
LocalizaciónRonda da Muralla, 70
Lugo (España)
Coordenadas43°00′50″N 7°33′38″O / 43.013944444444, -7.5605555555556
PropietarioXunta de Galicia
Uso(s)Arquivo central e intermedio
editar datos en Wikidata ]

A finalidade do Arquivo baséase en tres preceptos recollidos na Constitución Española de 1978:

  • Principio de eficacia das Administracións Públicas (art. 103.1). O papel dos arquivos na xestión administrativa é imprescindible para dotar ás administracións públicas dun instrumento que facilite as decisións dos seus órganos e, desta forma, mellorar os servizo que prestan. Os arquivos xustifican as actuacións e actividades dos organismos, testemuñan os dereitos e deberes das institucións e da cidadanía, garanten a transparencia e legalidade das actuacións das administracóns públicas no exercicio das súas competencias e apoian as medidas necesarias para a simplificación e racionalización dos procedementos administrativos.
  • Dereito de acceso das persoas aos arquivos e rexistros administrativos (art. 105.b). O dereito de acceso á información trata do recoñecemento expreso pola administración pública de que todas as persoas teñen dereito a coñecer, de maneira clara e fiábel, as actuacións que directamente os atinxen ou interesan. Directamente relacionado co principio de transparencia do sector público, o acceso á información xerada polas institucións no exercicio das súas competencias considérase un dereito fundamental nunha sociedade democrática, pois o seu exercicio favorece a participación cidadá e fortalece os principios de seguridade xurídica e publicidade na xestión dos asuntos públicos.
  • Conservación do patrimonio documental público (art. 46). Os arquivos teñen a obriga de conservar e custodiar o patrimonio documental público para uso e gozo polas xeracións actuais e futuras.

Fondos documentais

[editar | editar a fonte]

Fondos públicos: Da administración periférica autonómica en Lugo: As delegacións provinciais da Xunta de Galicia en Lugo ingresan neste arquivo os documentos xa tramitados mediante transferencia periódica, o que supón un cambio na custodia dos expedientes desde as oficinas produtoras ao servizo de arquivo, como unha unidade máis integrada na xestión administrativa.

Actualmente, recibe os documentos das xefaturas territoriais da Delegación Territorial de Lugo, con sede no edificio administrativo da Ronda da Muralla. Recíbense anualmente uns 800 m de documentos. Dende a súa creación, este arquivo recolleu 11 242 m de documentos. Este centro tamén realiza transferencias ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo (AHPLU). O volume de documentos transferidos ao AHPLU ascende a 8 085 m, unhas 59 888 caixas. Cada ano e medio ou dous anos, realízase unha transferencia ao AHPLU dunhas 10 000 caixas, aproximadamente 1 350 m de documentos; a última realizouse en 2011.

Instrumentos de descrición, guías e publicacións

[editar | editar a fonte]

Bases de datos que xestiona a totalidade dos fondos de arquivo. Ofrécense resultados de consultas aos usuarios.

Condicións e requisitos para o uso e acceso:

[editar | editar a fonte]

Consulta en sala. Libre acceso. Identificación con DNI ou pasaporte. Acceso aos fondos suxeito á normativa legal vixente en materia de protección de datos e consulta de documentos.

Servizos de atención ao usuario

  • Servizo de atención ás administracións e á cidadanía, suxeito á normativa vixente.
  • Instrumentos de descrición realizados sobre a base de datos dos fondos do arquivo.
  • Servizo de asesoramento para a busca e a localización de documentos.
  • Consulta non presencial a través do correo postal, correo electrónico e fax.

Servizos de reprodución

  • Realízanse copias en papel e dixitais. Formatos en papel: A4, A3.
  • As reproducións están suxeitas ás tarifas establecidas pola normativa vixente.
  1. "Lei do DOG nº 191 do 2014/10/7 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  2. "Lei do DOG nº 214 do 08/11/1995 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  3. "Resolución do DOG nº 177 do 11/09/1998 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  4. "Disposición do Diario Oficial de Galicia- Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  5. "Disposición do Diario Oficial de Galicia- Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  6. "Disposición do Diario Oficial de Galicia- Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  7. "Decreto do DOG nº 229 do 2011/11/30 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.