Asa (esgrima)
A asa no deporte da esgrima é o conxunto de pezas que conforman a empuñadura de florete, espada e sabre.
Características
[editar | editar a fonte]A asa está composta do mango, da empuñadura, do pomo e da garda e é distinta para destros e para manichos.
O mango é a vara que continúa a liña da folla e que constitúe o punto de agarre principal. Na asa francesa, de feito, é o único elemento.
A empuñadura constitúena unha serie de enfeites e elementos de apoio que permiten un mellor manexo da arma. É na empuñadura onde os distintos tipos de asa teñen evoluído máis.
O pomo non existe na maioría dos modelos comúns de asa, e só nalgunhas asas de estilo francés: consiste nunha pequena bóla situada no cabo do mango que fai de contrapeso para que sexa máis sinxelo manter o equilibrio da arma.
A garda é a lámina, normalmente metálica, que serve para protexer a man que manexa a arma. A garda do sabre é en forma de U e difire a de destros da de manichos. A parte interior da garda está cuberta por un tecido acolchado, para protexer os dedos.
Tipos
[editar | editar a fonte]Existen distintos tipos de asa en espada e florete, conforme as distintas escolas de esgrima, mentres que en sabre todas as asas son iguais, agás porque a garda dependa da man que use o esgrimista.
As principais modalidades son:
- asa francesa
- asa española
- asa italiana
- asa ortopédica ou de pistola, que pode presentar tamén distintas configuracións: Visconti, belga, rusa, americana, húngara, alemá, chinesa ou Zivkovic.
Aínda que todas as asas son válidas, na actualidade, en competición oficial, xa só se usan as asas de pistola, máis complexas, pero que permiten un maior dominio das armas.