Saltar ao contido

Atanasii Krupetskyi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAtanasii Krupetskyi

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1570 Editar o valor en Wikidata
Morte6 de maio de 1652 Editar o valor en Wikidata (81/82 anos)
Walawa, Polonia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Bispo diocesano
15 de setembro de 1609 – – Prokip Khmelovskyi →
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica e Igrexa católica bizantina ucraína Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbispo católico (1610–), sacerdote católico Editar o valor en Wikidata
ConsagraciónIpatii Potii Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePolish Biographical Dictionary (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Atanasii Krupetskyi, nado como Oleksandr Krupetskyi (en ucraíno: Атанасій Олександр Крупецький; en polaco: Atanazy Aleksander Krupecki) en 1570 e finado o 6 de maio de 1652, foi un eclesiástico grecocatólico ucraíno, bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok dende 1609 até o seu pasamento.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Oleksandr Krupetskyi naceu en 1570. Procedía dunha familia nobre católica do Gran Ducado de Lituania, con posesións nos condados de Lutsk e Volodymyr do voivodato de Volinia, e no voivodato de Mścisław.[1] Krupetskyi era un home piadoso, e coñecedor das Escrituras e da lingua rutena, o que fixo que fose elixido bispo de Przemyśl, contando tamén co apoio do bispo latino de Przemyśl, Stanisław Sieciński.[1]

O 20 de xuño de 1610 o metropolita de Kíiv, Galicia e toda a Rus Ipatii Potii consagrouno en Brest bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok, e Krupetskyi tomou o nome de Atanasii.[1] O seu predecesor, Mykhailo Kopystenskyi, non aceptara a Unión de Brest, polo que Krupetskyi converteuse no primeiro bispo grecocatólico de Przemyśl, Sambor e Sanok. Porén, á súa chegada a Przemyśl, Krupetskyi atopou unha forte oposición da nobreza ortodoxa local, que propuxeron a Jan Chłopecki como bispo, non permitíndolle a Krupetskyi tomar posesión da sé.[1] A situación se repetiu en Sambor, onde Krupetsyi recibiu unha malleira dos nobres e tivo que marchar da vila.[1] En 1611 Chłopecki finou, e en 1612 Krupetskyi tomou posesión da sé, mais a súa autoridade non foi recoñecida, e Sieciński enviouno a promover a unión a Hungría. A súa misión non tivo éxito, e Krupetskyi case perde a vida.[1]

Á súa volta a Przemyśl, Krupetskyi atopouse novamente con resistencia. En 1620 Isaia Kopynskyi foi ordenado bispo de Przemyśl. Krupetskyi tivo que deixar a cidade e vivir no mosteiro de Staryi Sambir. O Senado aprobou a diocese ortodoxa, e ao mesmo tempo a permanencia no cargo de Krupetskyi. En 1640 tomou a Pavlo Ovluchynskyi como coadxutor. O Tratado de Zboriv de 1649, ratificado polo Senado en 1650, deu o control da eparquía aos ortodoxos. O bispo ortodoxo Antonii Vynnytskyi tomou Strashevychi, onde residía Krupetskyi, quen foi encerrado nun mosteiro. Malia a súa idade, foi quen de fuxir, e estabeleceuse en Walawa, onde tomou como coadxutor a Prokip Khmelovskyi. A comezos de maio de 1652 Krupetskyi finou, pouco despois de ter noticia da toma da catedral de Przemyśl por Vynnytskyi e horas antes da toma de Walawa. O seu cadáver foi despoxado das vestementas episcopais e deixado nun cemiterio, onde foi enterrado pouco despois por algúns dos seus fieis.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Atanazy Krupecki, en Gajek, Jan Sergiusz; Nabywaniec, Stanisław (1998). Unia Brzeska z perspektywy czterech stuleci (en polaco). Redakcja Wydawnictw KUL. pp. 279–280. ISBN 9788322806005. 


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Mykhailo Kopystenskyi (ortodoxo)
 Bispo de Przemyśl, Sambor e Sanok 
1609 - 1652
Sucesor:
Prokip Khmelovskyi