Saltar ao contido

Avelino Chaves

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAvelino Chaves
Nome orixinalAvelino Chaves Couto
Biografía
Nacemento26 de xaneiro de 1931 Editar o valor en Wikidata
Verín, España Editar o valor en Wikidata
Morte10 de xaneiro de 2021 Editar o valor en Wikidata (89 anos)
Zaragoza, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, director deportivo Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro

Avelino Chaves Couto, nado en Verín o 2 de febreiro de 1931 e finado en Zaragoza o 10 de xaneiro de 2021, foi un futbolista e director deportivo galego.[1] Debutou na Primeira División con só 17 anos, nas filas do Real Valladolid, e tras pasar polo Granada recalou no Real Zaragoza, onde se convertería nunha das maiores figuras da historia do club. Marcou 54 goles ata que unha lesión aos 25 anos o obrigou a retirarse, pero volveu ao club en 1963, entrando na secretaría técnica, e foi o artífice da confección do equipo durante os seguintes 33 anos, nos que gañou catro Copas do Rei, unha Copa de Feiras e unha Recopa de Europa.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo dun transportista verinés, foi o terceiro de catro irmáns e comezou a xogar ao fútbol nas leiras de Ábedes xunto aos seus irmáns maiores Emilio e Pepe.[2][3] Estudou no colexio de La Salle, onde compaxinou o fútbol co atletismo, pois corría os 100 e 200 metros lisos, chegando a proclamarse campión provincial e rexional en categorías inferiores.[4] Máis tarde xogou no Támega de Verín, sen estar federado, e participaba habitualmente en partidos doutros equipos que o chamaban para que os reforzase, debido á súa calidade, chegando a coincidir con Carriega en Allariz.[3]

Aos 17 anos e a través dun amigo, realizou unha proba co Real Valladolid, equipo que acababa de ascender á Primeira División. O adestrador do conxunto castelán, o histórico Helenio Herrera, ordenou que o incorporasen inmediatamente ao club, polo que comezou a adestrar e viaxar habitualmente co primeiro equipo.[3] Aínda que pola súa idade non podía aínda xogar, falsificaron os seus documentos, e o 10 de outubro de 1948 debutou co Valladolid en Primeira, nun partido ante o Oviedo en Zorrilla.[5] Marcou o seu primeiro gol dous meses despois, ante o Athletic Club, e completou as súas dúas campañas en Valladolid cun total de 12 partidos oficiais e 5 goles.

Para a tempada 1950/51 fichou polo Granada CF, da Segunda División, onde militou durante dous anos, contabilizando 31 partidos e 18 goles. A continuación regresou á Primeira División, asinando contrato co Zaragoza. Marcou cinco goles na súa primeira campaña en Aragón, na que o equipo acabou descendendo, pero xa na seguinte aumentou a conta goleadora ata 13. Na tempada 1954/55 foi o máximo goleador do grupo Norte de Segunda, con 21 dianas, e sumou dúas máis na promoción de ascenso. O equipo fracasou no seu intento de volver á máxima categoría, pero conseguiuno na seguinte campaña, nunha fase de promoción na que Avelino marcou catro goles. Na última xornada desa promoción, o 29 de xuño de 1956 ante o Alavés en Mendizorrotza, disputou con 25 anos o seu derradeiro partido como futbolista, ascendendo a Primeira. Xogou ese encontro xa afectado por unha lesión de xeonllo, e aínda continuou no club un tempo, pero nunca puido volver xogar.

Trala súa retirada regresou a Verín para xestionar o negocio de transportes de seu pai. Durante ese tempo realizou algúns informes de xogadores para o Zaragoza, como o do dianteiro do Deportivo da Coruña Jorge Mendonça, e en 1963 o presidente do club, Waldo Marco, ofreceulle un posto de observador de xogadores.[3] A primeira fichaxe que recomendou foi a de Irusquieta e foi o artífice da gran maioría de fichaxes dos seguintes 33 anos, entre eles Manolo González, García Castany, Pichi Alonso, Valdano, Amarilla, Rubén Sosa, Cafu, ou o considerado por moitos como mellor xogador da historia da entidade, Saturnino Arrúa.[4] Levou a Carriega ao banco do Zaragoza e foi o "pai deportivo" de Víctor Fernández, ao que aconsellaba directamente dende a banda dos estadios.[6]

Durante a súa longa etapa na secrataría técnica do Zaragoza, o club gañou catro Copas do Rei, unha Copa de Feiras e unha Recopa de Europa.[4]

  1. "Fallece Avelino Chaves, artífice de las mejores plantillas del Real Zaragoza". Mundo Deportivo (en castelán). 10 de xaneiro de 2021. Consultado o 22 de xaneiro de 2024. 
  2. "Jugadores míticos verinenses" (en castelán). 29 de maio de 2013. Consultado o 22 de xaneiro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Velasco, Santiago (15 de xaneiro de 1984). "Avelino Chaves, descubridor de futbolistas" (PDF). Semanal Heraldo de Aragón (en castelán): 23–27. Consultado o 22 de xaneiro de 2024. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Ferrer, Pedro Luis (10 de xaneiro de 2021). "Fallece Avelino Chaves, un sabio del fútbol". As (en castelán). Consultado o 22 de xaneiro de 2024. 
  5. "Valladolid 2-1 Oviedo 1948". BDFutbol (en castelán). Consultado o 22 de xaneiro de 2024. 
  6. Giménez, Paco (11 de xaneiro de 2021). "Fallece Avelino Chaves, personaje clave en la historia del Real Zaragoza". Heraldo de Aragón (en castelán). Consultado o 22 de xaneiro de 2024.