Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación
A Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación ("Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación", ANECA) é un organismo de carácter autónomo, en forma de fundación estatal que foi creada polo Consello de Ministros do Goberno de España o 19 de xullo de 2002, en cumprimento do establecido na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro de Universidades (LOU), nos seus artigos 31 e 32.
Obxectivos
[editar | editar a fonte]A misión da ANECA é a coordinación das políticas de xestión da calidade nas Universidades españolas, para proporcionar unha mellora, tanto no ámbito nacional coma internacional.
A ANECA pretende, mediante os seus informes de avaliación conducentes á certificación e acreditación, a medición do rendemento do servizo público da educación superior conforme a criterios obxectivos e procesos transparentes. O seu fin último é conseguir a promoción e garantía da calidade das Universidades e da súa integración no Espazo Europeo de Educación Superior.
Acreditación e axencias autonómicas
[editar | editar a fonte]É esta axencia a que determina a capacitación dos docentes para impartiren clase nas universidades españolas. Porén, a partir da súa creación, as Comunidades Autónomas crearon axencias rexionais con similares funcións dentro do seu ámbito competencial, como son:
- Agencia Andaluza de Evaluación (AGAE).
- Agencia de Calidad y Prospectiva Universitaria de Aragón (ACPUA).
- Agència de Qualitat Universitària de les Isles Balears (AQUIB).
- Agencia Canaria de Evaluación y Acreditación Universitaria (ACECAU).
- Agencia de Calidad Universitaria de Castilla-La Mancha (ACUCM).
- Agencia para la Calidad del Sistema Universitario de Castilla-León (ACSUCYL).
- Agència per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya (AQU).
- Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
- Agencia de Calidad, Acreditación y Prospectiva de las Universidades de Madrid (ACAP).
- Agencia de la Evaluación de la Calidad y Acreditación del Sistema Universitario Vasco (UNIQUAL).
- Comissió Valenciana d'Acreditació y Avaluació de la Qualitat (CVAEC).
O artigo 32 da Lei Orgánica de Universidades trala reforma operada pola Lei 4/2007, de 12 de abril autoriza a creación da ANECA consonte coas previsións da Lei de Axencias Estatais para a mellora dos servizos públicos, o que supón modificar o seu réxime xurídico, proceso no que a ANECA está na actualidade.