Axis mundi
Axis mundi ou eixo do mundo é un símbolo ubicuo presente en numerosas culturas. A idea expresa un punto de conexión entre o ceo e a terra no que converxen todos os rumbos dun compás. Neste punto, as viaxes e as correspondencias son feitas entre reinos superiores e inferiores.[1] A comunicación dos reinos inferiores pode ascender ós superiores e as beizóns destes reinos superiores poden descender ós inferiores e esparexerse por todos eles.[2] Este espazo funciona como embigo e punto de partida do mundo.[3][4]
O Axis mundi aparece en moitas rexións do mundo adoptando diversas formas. A imaxe é ó tempo feminina e masculina. Pode ter a forma de algo natural (unha montaña, unha árbore, unha columna de fume ou lume, unha parra, un talo) ou dun produto de manufactura humana (unha torre, unha escaleira, un alicerce, unha cruz, un campanario, unha corda, unha agulla). A imaxe aparece tanto en contextos relixiosos como seculares.[5] O símbolo pode atoparse en culturas chamánicas ou baseadas en crenzas animistas, nas principais relixións do mundo e en civilizacións urbanas tecnoloxicamente avanzadas. En palabras de Mircea Eliade, "todo microcosmos, toda rexión inhabitada, ten un centro; isto é, un lugar que é sacro por enriba de todo".[6]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]O símbolo orixínase nunha universal e natural percepción psicolóxica: que o lugar que un ocupa sitúase "no centro do mundo". Este espazo serve de microcosmos ordenador porque é coñecido e está asentado. Fóra dos límites do microcosmos, atópanse reinos estranxeiros que, por ser descoñecidos e desordenados, representan o caos, a morte e a noite.[7] Dende o centro un pode aventurarse cara a calquera dos catro puntos cardinais, facer descubrimentos e estabelecer novos centros que pasan a ser novos reinos coñecidos e asentados. O nome da China, "Reino Intermedio", é a miúdo interpretado como unha expresión dunha antiga percepción sobre o goberno chinés ocupando o centro do mundo, con outras terras estabelecéndose en varias direccións respecto del.
Dentro do universo central coñecido, un lugar específico, a miúdo unha montaña ou outro lugar elevado, un sitio onde ceo e terra están máis achegados, ten o status de centro do centro, o axis mundi. As altas montañas son tipicamente vistas como sacras polas xentes que viven preto delas. Nos cumes ou nas bases destas montañas a miúdo foron levantados santuarios.[8] A montaña máis alta do Xapón, o Monte Fuji, dende hai tempo simbolizou o eixo do mundo na cultura xaponesa. As montañas Kunlun desempeñaron un papel semellante na China. Para os antigos hebreos, o Monte Sión representou este símbolo. As crenzas dos síux tomaron Black Hills como axis mundi. O Kailāsh é sacro para o hinduísmo e varias relixións do Tíbet. Os pitjantjatjara de Australia consideran Uluru un elemento central do seu mundo e a súa cultura. Na antiga Mesopotamia, os sumerios e os babilonios construíron montañas artificiais chamadas cigurats que foron consideradas as moradas dos deuses. As culturas precolombianas de México tamén erixiron grandes pirámides con escaleiras que conducían ó ceo; a cultura azteca por exemplo, situábao na conca de Anáhuac hoxe Cidade de México (de feito México significa: "No embigo da lúa"). Na contorna andina, o centro cerimonial de Chavin de Huantar era considerado tamén como axis mundi. A escaleira de Xacob é unha imaxe do axis mundi, tal como o é o Monte do Templo. Entre os cristiáns, este símbolo está expresado na cruz situada no Monte Calvario.[9] Mosteiros de todas as relixións tenden, como os santuarios, a ser situados en puntos elevados.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mircea Eliade (tr. Philip Mairet). 'Symbolism of the Centre' in Images and Symbols." Princeton, 1991. p.48-51
- ↑ Mircea Eliade (tr. Philip Mairet). 'Symbolism of the Centre' in Images and Symbols." Princeton, 1991. p.40
- ↑ J. C. Cooper. An Illustrated Encyclopedia of Traditional Symbols. Thames and Hudson: New York, 1978.
- ↑ Mircea Eliade (tr. Willard Trask). 'Archetypes and Repetition' in The Myth of the Eternal Return." Princeton, 1971. p.16
- ↑ Jean Chevalier and Alain Gheerbrandt. The Penguin Dictionary of Symbols. Editions Robert Lafont S. A. et Editions Jupiter: Paris, 1982. Penguin Books: London, 1996. pp.61-63, 173-175
- ↑ Mircea Eliade (tr. Philip Mairet). 'Symbolism of the Centre' in Images and Symbols." Princeton, 1991. p.39
- ↑ Mircea Eliade (tr. Philip Mairet). 'Symbolism of the Centre' in Images and Symbols." Princeton, 1991. p.37-39
- ↑ Mircea Eliade (tr. Philip Mairet). 'Symbolism of the Centre' in Images and Symbols." Princeton, 1991. p.41-43
- ↑ Jean Chevalier and Alain Gheerbrandt. The Penguin Dictionary of Symbols. Editions Robert Lafont S. A. et Editions Jupiter: Paris, 1982. Penguin Books: London, 1996. pp.680-685