Saltar ao contido

Búnker (política)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denominouse búnker o posicionamento político de ultradereita que se manifestou en España durante o tardofranquismo e a Transición. Designaba as personalidades do franquismo que se opuñan radicalmente a introducir cambios no réxime franquista. Tras a morte de Franco rexeitaron de forma absoluta a reforma do réxime e defenderon no seu lugar a continuidade do Movimiento Nacional. O xornal máis importante do búnker era El Alcázar. O termo fai referencia á resistencia sen concesións que mantivo Hitler até o último momento no búnker de Berlín.

Segundo o historiador José Luís Rodríguez Jiménez, o concepto de "búnker" fai referencia a un conxunto de persoas afíns a posicionamentos inmobilistas e asentadas nas institucións do Estado franquista. É dicir, tratábase dun conglomerado político, económico e eclesiástico, en ocasións non moi ben sincronizado. Os seus piares estaban no Consello Nacional, as Cortes, o Consello do Reino e a Organización Sindical, así como na prensa e na oficialidade do Exército. Por tanto o termo "búnker" vai alén da ideoloxía ou dun programa determinado. Alude a un xeito de defender uns intereses políticos e económicos, así como unha mentalidade ligada ao esquema de valores impostos polo bando vencedor na guerra civil. Os tres principais representantes foron os neofranquistas José Antonio Girón de Velasco, Raimundo Fernández Cuesta e Blas Piñar.[1]

Membros[editar | editar a fonte]

Á cabeza do movemento situouse quen fora ministro de Traballo, o falanxista José Antonio Girón de Velasco.[2] Xunto a el situábanse correntes tanto no exército (Carlos Iniesta Cano, Milans del Bosch, Fernando de Santiago, Alfonso Pérez-Viñeta) como na Igrexa (Irmandade Sacerdotal Española[3] e homes como Fernando Quiroga Palacios ou José Guerra Campos).[4] Na política, o búnker estaba encarnado en Falanxe Española (José Luis Arrese, Raimundo Fernández-Cuesta, Tomás García Rebull, Juan García Carrés, Luís Valero Bermejo...) e pola organización Fuerza Nueva de Blas Piñar.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

O termo foi utilizado por primeira vez en 1968 nun artigo publicado no diario ABC polo seu director, Torcuato Luca de Tena, para referirse a quen se opuñan á evolución do réxime franquista e á apertura a Europa.[6] Con todo, o vocábulo búnker para referirse ao colectivo de extremistas de dereita popularizouno Santiago Carrillo,[7] quen o empregou no artigo O la libertad o el búnker.[8] Deste xeito, daba a entender que a negativa a iniciar a senda democrática suporía para os defensores da ditadura un final análogo ao de Adolf Hitler no búnker de Berlín, que ao cabo terminou sendo a súa tumba.[9]

O búnker comezou a constituírse en 1974,[10] ano previo á morte do ditador Francisco Franco. Porén, algunhas fontes remontan a súa xénese a 1970, coincidindo cos primeiros signos de esgotamento do réxime e as voces que pedían a súa renovación.[11] Esas fontes identifican o movemento coa figura de quen durante uns meses foi presidente do Goberno, Luís Carrero Blanco.[9][12]

Actuacións[editar | editar a fonte]

Como corrente de pensamento inmobilista, o búnker opúxose sistematicamente, e mediante distintas vías, a todos e cada un dos pasos que se foron dando para o desenvolvemento da chamada Transición Española cara á democracia. Mostraban unha radical oposición ao denominado Espírito do 12 de febreiro e o seu corolario, a Lei de Asociacións Políticas, mediante artigos de opinión en medios de comunicación afíns. O máis destacado foi o asinado por Girón de Velasco no diario Arriba, o 28 de abril de 1974, coñecido popularmente como o Gironazo.[13] Botou abaixo así todo intento de reforma e precipitou a destitución do Ministro de Información e Turismo aperturista, Pío Cabanillas.[14]

O mesmo día en que nas páxinas de Arriba aparecía o gironazo, Nuevo Diario publicaba unha entrevista co tenente xeneral Tomás García Rebull, destacado membro do búnker. Nela dicía que «como falanxista non admito asociacións de ningunha clase» porque «as asociacións derivan inevitablemente en partidos políticos e os partidos, para min, son o opio do pobo, e os políticos os seus vampiros». Ademais afirmaba que detrás do asasinato de Carrero Blanco estivera a masonaría. Preguntado en que se baseaba respondeu: «Pois... nas cousas que vexo. Moitas veces pregúntome: pero de onde vén isto? E sempre digo: nada, masonaría. Eu creo que mesmo exportamos masóns».[15]

Antes da morte de Franco aínda houbo presións para que a Coroa no recaese no designado Juan Carlos, senón no seu curmán, Alfonso de Borbón e Dampierre,[5] naquel momento casado coa neta do ditador, Carmen Martínez-Bordiú. A operación contaba co apoio do seu pai, Cristóbal Martínez-Bordiú, e a súa avoa, Carmen Polo.[16]

Con posterioridade á morte do ditador, o búnker tentou impedir cada un dos cambios que se ían sucedendo na vía da democratización.

Sinaláronse as conexións do búnker cos sucesivos intentos de acabar co sistema democrático que comezaba a xestarse na España da década de 1970. Identificáronse os sucesos de 1978, 1979, 1980 e 23 de febreiro de 1981.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez Jiménez 1997, p. 423.
  2. Paul Preston, ed. (2004). "Juan Carlos: a people's king - Página 302" (en inglés). 
  3. Botti, A.; Guderzo, M. (2009). "Le resistenze cattoliche alla modernizzazione del sistema politico spagnolo (1969-1975): il búnker ecclesiastico.". L’ultimo franchismo tra repressione e premesse della transizione (1968-75) (en italiano). Rubbettino. pp. 89–115. ISBN 9788849824025. 
  4. de la Torre Gómez, Hipólito; Pedro Vicente, António (1998). España-Portugal: estudios de historia contemporánea (en castelán). Complutense. p. 104. ISBN 9788489784321. 
  5. 5,0 5,1 Suárez Fernández, Luis, ed. (1984-1992). Historia general de España y América (en castelán). Madrid: Rialp. ISBN 8432121193. 
  6. Suárez Fernández 2007, p. 518"La palabra hizo fortuna, por lo que tenía de hiriente, y comenzó a aplicarse a quienes, añorando un "pasado mejor", desconfiaban de la apertura política y de sus consecuencias éticas y sociales"
  7. Payne, Stanley G. (2011). The Franco Regime, 1936–1975 (en inglés). University of Wisconsin Press. p. 579. ISBN 9780299110734. 
  8. Sempere, Pedro (2007). MEMORIAS OLVIDADAS (1993-1996) Del Último Felipe al primer Aznar (en castelán). Lulu.com. p. 144. ISBN 9781409213499. 
  9. 9,0 9,1 Preston, Paul (2004). The Triumph of Democracy in Spain (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 9780203392966. 
  10. Sergio Millares Cantero, ed. (1998). "España en el siglo XX". 
  11. Smith, Angel (2009). Historical Dictionary of Spain (en inglés) (2ª ed.). Scarecrow Press. p. 114. ISBN 9780810862678. 
  12. McAdam, Doug; Tarrow, Sidney; Tilly, Charles (2001). Dynamics of Contention (en inglés). Cambridge University Press. p. 160. ISBN 9780521011877. 
  13. Clemente, Josep Carles (1994). Historias de la transición: el fin del apagón, 1973-1981 (en castelán). Fundamentos. p. 32. ISBN 9788424506643. 
  14. Magone, José María (2003). The Politics of Southern Europe: Integration Into the European Union (en inglés). Bloomsbury Academic. ISBN 9780275977870. 
  15. Rodríguez Jiménez 1997, p. 424.
  16. Bennassar, Bartolomé (1996). ""Es duro morir" (1966-1975)". Franco (en castelán). EDAF. p. 223. ISBN 9788441400610. 
  17. Alazraki, Jaime (1990). La Voluntad de humanismo: homenaje a Juan Marichal (en castelán). Anthropos. ISBN 9788476582244. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rodríguez Jiménez, José Luis (1997). La extrema derecha española en el siglo XX (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2887-5. 
  • Suárez Fernández, Luis (2007). Franco. Crónica de un tiempo. VI. Los caminos de la instauración. Desde 1967 a 1975 (en castelán). Madrid: Actas. ISBN 9788497390637.