Saltar ao contido

Balduíno I de Xerusalén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBalduíno I de Xerusalén

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1 de xaneiro de 1058 Editar o valor en Wikidata
Baixa Lorena (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte2 de abril de 1118 Editar o valor en Wikidata (60 anos)
Al-Arish, Exipto Editar o valor en Wikidata
Causa da morteEnfermidade de orixe alimentaria Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaSanto Sepulcro Editar o valor en Wikidata
Rei de Xerusalén
1100 – 1118
← Godofredo de BouillonBalduíno II de Xerusalén →
Conde de Edesa
1098 – 1100
← Teodoro de Edessa (pt) TraducirBalduíno II de Xerusalén → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Palestina Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoPrimeira cruzada Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei de Xerusalén (1100–1118)
Conde de Edesa (1098–1110) Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Boulogne Editar o valor en Wikidata
CónxuxeGodehild
Arda de Armenia
Adelaida del Vasto Editar o valor en Wikidata
PaisEustaquio II de Boulogne Editar o valor en Wikidata  e Ida de Lorena Editar o valor en Wikidata
IrmánsIda
Godofredo de Bouillon
Eustaquio III de Boulogne Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteSvensk uppslagsbok
Nordisk familjebok
The Nuttall Encyclopædia >>>:Baldwin I. Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Boulogne-96

Balduíno I de Xerusalén, tamén coñecido como Balduíno de Bourcq, Balduíno I de Boulogne e Balduíno I de Edesa, nado contra 1058 e finado o 2 de abril de 1118 en Al-Arish, cidade na costa da península do Sinaí, no Califato fatimí, foi un dos líderes da Primeira Cruzada que chegou a ser conde de Edesa e despois o segundo monarca e o primeiro en usar el título de rei de Xerusalén.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Xuventude

[editar | editar a fonte]

Balduíno era fillo de Eustaquio II de Boulogne e de Ida de Boulogne, e irmán máis novo de Eustaquio (máis tarde Eustaquio III de Boulogne) e de Godofredo de Bouillon, que chegaría a ser o primeiro gobernante cristián de Xerusalén despois do fin do control do Imperio bizantino.[1][2]

Aínda que nun principio, Balduíno, como fillo máis novo, estaba destinado a unha carreira eclesiástica, contra 1080 xa abandonara esa idea.[1] Segundo o historiador Guillerme de Tiro, que viviu avanzado o século XII e non coñeceu a Balduíno, «na súa xuventude, Balduíno recibiu unha boa formación nas artes liberais. Chegou a ser clérigo, segundo se di e, a causa da súa ilustre liñaxe, obtivo beneficios, comunmente chamados prebendas, nas igrexas de Reims, Cambrai e Liexa». Despois viviu en Normandía, onde casou con Godehilda (ou Godvera), dunha nobre familia inglesa, pero volveu ao ducado de Lorena para tomar posesión do condado de Verdún (gobernado anteriormente por Godofredo).

Primeira Cruzada

[editar | editar a fonte]

Baduíno en 1096, tras vender moitas das sús propiedades á Igrexa para poder custear os gastos, uniuse á Primeira Cruzada cos seus irmáns Godofredo e Eustaquio III de Boulogne.[1][2] A súa esposa Godehilda acompañouno. Este foi o segundo movemento cruzado, pois o primeiro, a Cruzada dos pobres, estivo formada por xente do pobo. Cando os cruzados pasaron por Hungría, o rei Colomán pediu un refén para asegurarse da boa fe da expedición: Balduíno foi entregado con este fin até que os seus compañeiros saíron do territorio húngaro.

Ao pouco de entrar en territorio bizantino, tiveron lugar algúns altercados cos gregos, que tamén sufriran o paso da Cruzada popular. Balduíno dirixiu un destacamento que se fixo cunha ponte cerca de Constantinopla. Tras alcanzar a cidade, non se puido evitar que o groso das tropas se dedicaran á pillaxe nos campos veciños, e o propio emperador bizantino Aleixo I Comneno viuse obrigado a dar un refén para asegurar a paz. Este refén, o seu fillo e futuro emperador Xoán II Comneno, foi entregado a Balduíno. Segundo Ana Comnena, Balduíno castigou a un dos seus soldados que se atrevera a sentar no trono de Aleixo.

Balduíno viaxou cos seus irmáns até Heraclea Cybistra en Asia Menor, onde se separou do corpo principal da Cruzada en 1097 e entrou nun conflito duradeiro co Tancredo de Hauteville, tamén coñecido como Tancredo de Galilea, un señor normando da baixa nobreza, que participaba na Cruzada, pola conquista e dominio da cidade de Tarso, na Cilicia. Durante a súa ausencia a súa muller enfermou e morreu en Maraş. Tancredo pretendía facerse con algún territorio para establecerse como príncipe en Oriente, e Balduíno debía de ter as mesmas intencións. Balduíno conquistou Tarso, que era de Tancredo. Os exércitos de Tancredo e Balduíno enfrontáronse brevemente en Mamistra, pero nunca chegaron á guerra aberta, e Tancredo seguiu camiño de Antioquía.

Balduíno tamén conquistou importantes fortalezas nas terras ao oeste do Éufrates coa axuda da poboación armenia local. Thoros de Edesa invitouno a ir a Edesa para loitar contra os selxúcidas, pero, aproveitando unha revolta contra Thoros, Balduíno conquistou a cidade e estableceu o primeiro estado cruzado o 10 de marzo de 1098. Para fortalecer o seu goberno, Balduíno, viúvo, casou cunha nobre armenia, Arda de Armenia.[2]

Conde de Edesa

[editar | editar a fonte]
Balduíno recibindp a unha delegación armenia

A Baldíno chegoulle unha invitación de Teodoro de Edesa, que era o gobernador armenio de Edesa durante a Primeira Cruzada, na que lle propoñía adoptalo como fillo e sucesor. Cando Teodoro morreu asasinado en marzo de 1098, Balduíno converteuse no primeiro conde de Edesa en Mesopotamia, aínda que non se sabe se chegou a ter algo que ver con dito asasinato. Rexeu o condado até 1100, tras casar con Arda de Armenia, filla de Teodoro I de Armenia, e exercer de embaixador entre cruzados e armenios.

Ao longo deses dous anos conquistou Samosata e Seruj (Sarorgia) aos musulmáns, e desmontou unha conspiración urdida por algúns dos seus súbditos armenios en 1098. Durante o asedio de Antioquía, enviou diñeiro e alimentos aos cruzados, pero non participou nel. Kerbogha, o gobernador musulmán de Mosul, foi en axuda de Antioquía, pero detívose primeiro en Edesa, á que asediou durante tres semanas, sen éxito. Kerbogha foi logo derrotado en Antioquía, e os cruzados estableceron alí o Principado de Antioquía. Ese mesmo ano, Balduíno consolidara xa a súa situación como para poder saír de Edesa e asediar Azaz, co seu irmán Godofredo, onde derrotaron as tropas de Fakhr al-Mulk Radwan de Alepo.

A finais de 1099 visitou Xerusalén xunto con Bohemundo I de Antioquía, e volveu a Edesa en xaneiro de 1100. Á súa chegada, axudou no levantamento do sitio de Melitene, no que Bohemundo fora capturado polos danisméndidas. O príncipe armenio da cidade, Gabriel, recoñeceu a Balduíno como señor da mesma.

Rei de Xerusalén

[editar | editar a fonte]

Balduíno foi convidado a ir a Xerusalén polos partidarios dunha monarquía secular. Cedeu o condado de Edesa a un primo, Balduíno de Bourcq (o futuro Balduíno II de Xerusalén), e no camiño cara á capital sufriu unha emboscada de Duqaq de Damasco, cerca de Beirut. As tropas de Duqaq foron derrotadas, e Balduíno non encontrou maiores complicacións na súa viaxe a Xerusalén, a onde chegou a comezos de novembro de 1100.

En Xerusalén, Balduíno encontrouse coa oposición do seu vello inimigo Tancredo, así como coa do patriarca latino de Xerusalén, Dagoberto de Pisa, que xa intentara establecer un sistema teocrático no reino en vida de Godofredo. Ao pouco de chegar á cidade, puxo en marcha unha expedición contra Exipto e non volveu até finais de decembro. O día de Nadal foi coroado como o primeiro rei de Xerusalén polo propio patriarca, que abandonara a sus oposición a Balduíno, aínda que rexeitou coroalo en Xerusalén: o acto tivo lugar en Belén.

A pugna entre a Igrexa e o Estado mantívose até a primavera de 1101, cando Balduíno conseguiu suspender a Dagoberto por un legado papal. Ese mesmo ano volveron a estar en desacordo sobre a contribución do patriarca á defensa da Terra Santa. A loita acabaría coa definitiva deposición de Dagoberto en 1102.

Expansión do reino

[editar | editar a fonte]

En 1101 Balduíno tomou Arsuf e Cesarea, co apoio dunha frota xenovesa. A cambio, aos xenoveses se lles concederon barrios comerciais en ditas cidades, e en Cesarea creouse un arcebispado. En setembro, Balduíno derrotou os exipcios na batalla de Ramla, aínda que nun primeiro momento creuse en Xerusalén que o exército cruzado fora derrotado, e que Balduíno morrera. Tancredo preparouse para facerse cargo da rexencia antes de que se coñecese a vitoria real de Balduíno.

En 1102 tivo lugar outra batalla en Ramla, cos restos da Cruzada de 1101, na que estaban Estevo II de Blois, Guillerme IX de Aquitania e Hugo VI de Lusignan. Desta vez os exipcios resultaron vencedores; Balduíno perdeu gran parte do seu exército, e entre eles a Estevo de Blois, pero este puido escapar a cabalo até Arsuf. Non quixo arriscarse a saír da cidade ante o temor de ser capturado polos exipcios, polo que foi levado por mar até Jaffa polo pirata inglés Godric de Finchale, e desde alí, en segredo, chegou até Xerusalén. Os exipcios dominaban aínda o campo, e Balduíno enfrontouse a eles fóra de Jaffa, vencéndoos esta vez.

En 1103 Balduíno asediou Acre sen éxito, pois a cidade foi abastecida por unha frota exipcia. Tamén ese ano, pagou o rescate de Bohemundo de Antioquía, que seguía en prisión desde a súa derrota en Melitene. Balduíno prefería a Bohemundo en lugar de Tancredo, que gobernaba Antioquía como rexente. En 1104, grazas ao apoio dunha frota xenovesa, puido finalmente tomar Acre. En 1105 librou outra batalla en Ramla, onde volveu a vencer. En 1109 exerceu como árbitro nun consello dos grandes baróns ante as murallas de Trípoli, e obrigou a Tancredo a esquecer a súa reivindicación da cidade. Pouco despois a cidade caeu en mans dos cruzados, que formaría o núcleo do Condado de Trípoli. En 1110 engadiuse Beirut ao territorio de Xerusalén, de novo grazas á axuda xenovesa. Balduíno trasladouse entón ao norte para axudar a Edesa, que estba asediada por Mawdud de Mosul.

Á súa volta conquistou Sidón co apoio de Sigurd I de Noruega. En 1111 Balduíno axudou a Tancredo no asedio de Shaizar, e logo puxo sitio tamén a Tiro sen chegar a tomar a cidade. En 1113 enfrontouse a unha grande invasión das forzas unidas de Toghtekin de Damasco e Aksunkur de Mosul, e o reino estivo a piques de desaparecer, pero Balduíno contou coa axuda de tropas de Antioquía, así como coa chegada de peregrinos de toda Europa.

En 1113 casou con Adelaida del Vasto, pois en 1108 deixara a súa esposa armenia Arda co pretexto de que mantiña relacións sexuais con musulmáns, aínda que é máis probábel que a muller lle resultase politicamente inútil en Xerusalén, onde non había poboación armenia. No acordo matrimonial, se Balduíno e Adelaida non tiñan descendencia, o herdeiro sería Roxerio II de Sicilia, fillo de Adelaida do seu primeiro marido Roxerio I de Sicilia. Tecnicamente o matrimonio era bígamo, pois Arda vivía aínda nun mosteiro de Xerusalén, e posteriormente causaría moitos problemas tanto a Balduíno como ao patriarca Arnulfo de Chocques.

En 1115 dirixiu unha expedición a Transxordania e alí edificou o castelo de Montreal. Os cristiáns sirios que vivían na zona foron invitados a asentarse en Xerusalén para repoboar a cidade, que fora masacrada en 1099. En 1117 construíu o castelo de Escandalion cerca de Tiro, que aínda permanecía en mans musulmás.

En 1117 Balduíno enfermou. Convencido de que o seu mal era debido ao seu matrimonio bígamo, enviou a Adelaida de volta a Sicilia, moi a pesar dela mesma. Balduíno recuperouse e, en 1118, dirixiuse a Exipto e saqueou Farama. Segundo Fulquerio de Chartres:

«Entón un día paseaba xunto ao río que os gregos chaman Nilo e os hebreos Gihon, cerca da cidade, divertíndose con algúns amigos. Varios dos cabaleiros usaron habilmente as súas lanzas para capturaren algúns peixes, que levaron ao campamento, onde os comeron. Entón, o rei sentiu as dores dunha antiga ferida e sufriu unha gran debilidade.»

En palabras de Thomas Fuller, un historiador do século XVII, Balduíno «capturou moitos peixes, así como a súa morte ao comelos».

Balduíno foi levado de volta a Xerusalén nunha padiola, pero morreu no camiño, na aldea de Al-Arish, o 2 de abril de 1118. Fulquerio de Chartres di: «os francos chorárono, os sirios e incluso os sarracenos que o viron tamén o lamentaron». Seu primo Balduíno de Bourcq foi elixido sucesor, aínda que o reino tamén lle foi ofrecido a Eustaquio III, que o rexeitou.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fulquerio de Chartres, A History of the Expedition to Jerusalem, 1095-1127, trans. Frances Rita Ryan, University of Tennessee Press, 1969.
  • Ana Commeno, La Alexiada, Sevilla, Universidad de Sevilla, 1989.
  • Guillerme de Tiro, A History of Deeds Done Beyond the Sea, trans. E. A. Babcock and A. C. Krey, Nova York: Columbia University Press, 1943.
  • Runciman, Steven (1978): Historia de las Cruzadas, vols. I-II, Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-2062-997-1.
  • Ferdinandi, Sergio (2017): La Contea Franca di Edessa. Fondazione e Profilo Storico del Primo Principato Crociato nel Levante (1098-1150). Roma: Pontificia Università Antonianum. ISBN 978-88-7257-103-3.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]