Saltar ao contido

Batalla de Mari

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Mari

Tipobatalla Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónTrapessac (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Coordenadas36°31′53″N 36°21′51″L / 36.531389, 36.364167
Wikidata ]

A batalla de Mari, coñecida tamén como o Desastre de Mari (en armenio, Մարիի աղետ - Desastre de Mari), tivo lugar o 24 de agosto de 1266, e enfrontou ao Sultanato mameluco de Exipto contra os armenios do Reino Armenio de Cilicia.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

O conflito comezou cando o sultán mameluco Baybars, que buscaba aproveitar a debilitada dominación mongol, enviou un exército de 30.000 homes a Cilicia e esixiu que abandonase a súa lealdade aos mongois, que o aceptase a el como un soberano e que lles entregase aos mamelucos os territorios e fortalezas que Hetum adquirira durante a súa alianza cos mongois. Nese momento, porén, Hetum I estaba en Tabriz, despois de acudir á corte mongol de Il-Khan en Persia para obter apoio militar. Durante a súa ausencia, os mamelucos marcharon cara a Armenia de Cilicia, liderados por Al-Mansur Ali e o comandante mameluco Qalawun.

Os dous fillos de Hetum I, Toros e León (o futuro rei León I), lideraron a defensa reforzando as fortalezas da entrada do territorio de Cilicia cun exército de 15.000 soldados. O enfrontamento tivo lugar en Mari, preto de Darbsakon o 24 de agosto de 1266, onde os armenios, moi superados en número, non puideron resistir ás forzas mamelucas moito maiores. Toros morreu na batalla, e León foi capturado e encarcerado.[1] O fillo armeno-mongol do condestable Sempad, chamado Vasil Tártaro, tamén foi feito prisioneiro polos mamelucos e foi levado en catividade con León, e foron ben tratados.[2]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Trala súa vitoria, os mamelucos invadiron Cilicia, arrasando as tres grandes cidades da chaira de Cilicia: Mamistra, Adana e Tarso, así como o porto de Ayas. Outro grupo de mamelucos baixo Mansur tomou a capital de Sis. O saqueo durou 20 días, durante os cales miles de armenios foron masacrados e 40.000 foron feitos cativos.[1]

Cando Hetum I chegou coas tropas mongolas, o país xa estaba devastado. Hetum I tivo que negociar o regreso do seu fillo León cedendo o control das fortalezas fronteirizas de Armenia aos mamelucos. En 1269, Hetum I abdicou en favor do seu fillo e fíxose monxe, entrando na orde franciscana, e morreu un ano despois.[3] León quedou na incómoda situación de manter a Cilicia como súbdito do Imperio mongol, mentres que ao mesmo tempo rendía tributo aos mamelucos.[4]

  1. 1,0 1,1 Chahin (2001), p. 253
  2. Stewart (2001), p.49
  3. Mutafian (1993), p. 60
  4. Bournoutian (2003), p. 101

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]