Beatus ille
Beatus ille é unha locución latina que se traduce "feliz aquel". Trátase das dúas primeiras palabras dun dos épodos máis famosos do poeta latino Horacio. O poema canta as excelencias da vida no campo ademais de amosar aprecio pola vida tranquila, fronte á axitación da vida mundana e frívola e das súas preocupacións.
Beatus ille qui procul negotiis,
ut prisca gens mortalium
solutus omni faenore...[1]
paterna rura bobus exercet suis
Que se pode traducir por Feliz aquel que, lonxe dos negocios, / como a primitiva estirpe dos mortais, / labra os campos paternos cos seus bois, / libre de toda usura...
Tópico literario
[editar | editar a fonte]O beatus ille é un tópico literario. Durante o Renacemento, frei Luis de León traduciu o poema horaciano, que logo serviu de base para a súa "Oda a la vida retirada"[2].
Na mesma época o poeta francés Joachin du Bellay, abandeirado da Pléiade, escribiu o soneto "Heureux qui, comme Ulysse, a fait un beau voyage" ("Feliz quen, coma Ulises, fixo unha boa viaxe"). No seu poema presenta unha variante do tópico do beatus ille, exaltando non a vida solitaria, senón a vida viaxeira que vén rematar na tranquilidade da patria.
O poeta galego do século XIX Xosé García Mosquera [3] recreou en verso o épodo horaciano:
¡Feliz quen vive, cal os de outro tempo,
lonxe de barafundas,
con xugada de seu, libre de usuras!...
e labra os eidos que seu pai labraba,
Posteriormente, o poeta Xosé Crecente Vega[4] tamén recorreu ao mesmo tópico:
Ben ditoso é o labrego que se poda
valer en si, sin traballar no alleu;
un peso para gastar; gado de seu.
quen ten para dar ós fillos unha coda;
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Épodos, Horacio en The Latin Library
- ↑ "Oda a la vida retirada, Fray Luis de León". Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2009. Consultado o 19 de febreiro de 2009.
- ↑ A Gaita Gallega 31.03.1886, px. 3.
- ↑ Crecente Vega, X.]] (2002). Folla bricia. Poesía galega completa. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro.