Benito Soto
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de marzo de 1805 Pontevedra, España |
Morte | 25 de xaneiro de 1830 (24 anos) Xibraltar, Reino Unido |
Causa da morte | pena de morte, enforcamento |
Actividade | |
Ocupación | pirata |
Benito Soto Aboal, nado en Pontevedra[1] o 22 de marzo de 1805 e finado en Cádiz ou en Xibraltar o 25 de xaneiro de 1830[2], foi un pirata galego con sona de acadar grandes cotas de crueldade. Moitos datos da súa biografía son confusos e existen fontes contraditorias sobre eles. Segundo Philip Henry George Gosse, que lle concede unha epígrafe en The Pirates' Who's Who[3] e aborda a súa figura en The History of Piracy[4]:
[Benito Soto é] o nome máis notable, asociado á ruta oriental ás Indias, pertence ó século XIX e o nome é Benito de Soto...natural da Coruña.[5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O comezo da vida de pirata
[editar | editar a fonte]Fillo dun mariñeiro pontevedrés do barrio da Moureira, fíxose ao mar moi novo, e suponse que cruzou o Atlántico xa sendo un neno. O 22 de novembro de 1827 sae do porto brasileiro do Río de Xaneiro como tripulante do bergantín escravista O Defensor de Pedro. Ás poucas xornadas de viaxe estourou un motín a bordo e a tripulación, dirixida por Benito Soto, asasinou o capitán. Outras fontes apuntan que non o asasinou, senón que o deixou en porto na costa de Guinea, e outras, que o motín tivo lugar en xaneiro de 1828[6], despois de deixar o capitán na colonia portuguesa de São Jorge de Mina (hoxe Elmina, en Ghana). O buque pasou a ser chamado A Burla Negra. O seu segundo no mando chamábase Víctor Barbazán.
As súas accións
[editar | editar a fonte]Os datos sobre a súa vida dedicada á pirataría son confusos. As fontes coinciden en que o barco máis importante de todos os asaltados por Soto foi o británico Morning Star, que viña cargado de ouro e riquezas cubrindo a rota entre Sri Lanka e Inglaterra, pero as versións difiren sobre se foi co que iniciou a carreira de ouro e sangue ou se foi co que a rematou.
O 13 de febreiro de 1828 avistou ao Morning Star que volvia a Inglaterra procedente de Ceilán.[7]
Segundo as fontes que sitúan o asalto o 21 de febreiro de 1832 nas costas do occidente africano, ese sería probabelmente o derradeiro. Outros estudosos entenden que o asalto se produciu ao norte de Fisterra, o 13 de febreiro de 1828[8]. Outros porén, sitúano ao comezo da súa traxectoria, contra 1824. Nesta segunda e terceira hipótese continuarían abordando a fragata norteamericana Topaz que proviña de Calcuta, onde saquearon, mataron a parte da pasaxe e incendiaron a nave. Daquela poría proa ás illas de Cabo Verde, onde abordaron un segundo bergantín inglés, que tamén afundiron e oito días despois, preto das Canarias asaltaron a fragata inglesa Sumbury, que viaxaba a Saint Thomas, e aniquilaron a tripulación. Nos Azores Soto abordou de maneira sanguenta un buque portugués procedente do Río de Xaneiro e despois o tamén portugués Cessnok e o bergantín inglés New Prospect.[9]. Tamén se refire o ataque ao portugués Ermelinda o 23 de marzo.[10]
En todo caso, parece claro que a súa zona de operación foi o espazo de océano Atlántico comprendido entre o golfo de Guinea, as costas do Brasil e a fachada atlántica da Península Ibérica. Esta era unha área cun importante tráfico económico, en parte debido ao transporte e comercialización de escravos negros, dos que se beneficiaban Portugal, España e Francia, pero que o Reino Unido abandonara en 1807, e en parte debido ao comercio de ouro, especias e outros materiais máis ou menos de luxo coa India e os países do sueste asiático.
Apresamento e morte
[editar | editar a fonte]Independentemente de se viñan de asaltar o Morning Star ou outro barco, e independentemente de se atracaron na Coruña para vender mercadorías, se baixaron navegando pola costa galega e portuguesa ou se procedían das Canarias, a finais de 1829 ou en marzo de 1832 achegouse á entrada do mar Mediterráneo.
Alí confundiron o faro de Tarifa co faro do Castelo de San Sebastián ou co da Illa de León e comezaron a manobra de viraxe demasiado cedo. A Burla Negra naufragou así a dúas millas da baía de Cádiz,[11] e perdeu a carga no accidente. A xustiza española prendeu entón gran parte da tripulación e condenouna á forca, pero Benito Soto escapou e refuxiouse en Xibraltar.
Aí, ben porque algún supervivente da tripulación do Morning Star o descubrise (bastante improbábel), ou por calquera outra razón, foi apreixado polas autoridades británicas. Unhas fontes apuntan a que foi xulgado e condenado en Xibraltar polos delitos de 10 asaltos e 75 asasinatos comprobados. Desta forma, sería axustizado na forca o 25 de xaneiro de 1830. Outras, porén, sinalan que o gobernador do penedo, sir George Don, o entregou ás autoridades españolas, e que foi xulgado e condenado á forca en Cádiz, e executado no porto, no que hoxe é a praza de San Juan de Dios.
O seu berro de despedida sería Adeus todos! Cortaronnlle posteriormente a cabeza e puxérona nun espeto para advertencia dos demais.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]A Colección Benito Soto de poesía, fundada en Pontevedra no ano 1948 por Emilio Álvarez Negreira, Manuel Cuña Novás e Sabino Torres, bautizouse na súa honra.
Tamén leva o seu nome unha rúa do centro histórico de Pontevedra, onde se conserva a casa na que se cre que naceu.
Mencións e transcendencia na literatura
[editar | editar a fonte]- Alejandro Benisia y Fernández de la Somera publicou en 1855 El milano de los mares,[12] unha novela rosa na que se narraban parte dos feitos.
- O Capitán de Navío Joaquín Lazaga y Garay publicou en 1892 o ensaio Los piratas del Defensor de Pedro. Extracto de las causas y proceso formados contra los piratas del Bergantín brasileño El Defensor de Pedro, que fueron ahorcados en Cádiz en los días 11 y 12 de enero de 1830.
- José María Castroviejo publicou en 1955 La Burla Negra, máis fidedigna cás anteriores, pero que non trata a Soto como protagonista da trama, senón a Victor Saint Cyr Barbazán, outro dos piratas.
- Ramón Solís en 1971 publicou a novela El dueño del miedo, onde fala de parte dos acontecementos.
- Alberto Fortes publicou en 1992 Amargas han sido las horas, unha novela de ficción onde se xunta a vida de Edgar Allan Poe coa de Benito Soto.
- Jorge Parada Mejuto publicou en 1994 O pirata da Moureira (Ed. Xerais).
- Xosé Miranda publicou en 1998 Morning Star (premio Xerais), onde se tratan os feitos de Benito Soto.
- Gerardo González de la Vega publicou en 1999 o ensaio Mar Brava, onde detalla e sintetiza as desventuras de Benito Soto entre outras historias de piratas.
- Francisco Javier Castro Miranda e Enrique García Luque publicaron en 2008 a novela Los Diablos del Mar. La odisea de la Burla Negra, unha ficción histórica fiel aos datos reais.
- Dise que a vida de Benito Soto puido servir de inspiración a José de Espronceda para escribir o poema "Canción del pirata", publicado en 1840, non moito despois da execución do pirata.
- Pepy G. Clavijo, na monografía Pontevedra, de los nombres de las calles, apunta que Benito Soto foi tamén poeta.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Benito Soto, being a native of Pontevedra, in Galicia, A Narrative of the Atrocities Committed by the Crew of the Piratical Brig "El Defensor De Pedro"; https://web.archive.org/web/20071216194730/http://www.history.unimelb.edu.au/tajir/pirateresources/documents/defensor/narrative.htm
- ↑ At nine o'clock on the morning of January 25th, five days after his trial, Benito Soto was brought from the Moorish Castle, escorted by the Provost-Marshal and a small guard, to the place of execution, A Narrative of the Atrocities Committed by the Crew of the Piratical Brig "El Defensor De Pedro"; https://web.archive.org/web/20071216194730/http://www.history.unimelb.edu.au/tajir/pirateresources/documents/defensor/narrative.htm
- ↑ Obra, proxecto Gutenberg
- ↑ Escaneamento da obra, hathitrust.org.
- ↑ Tradución suxerida a partir da versión en castelán Los piratas del oeste, los piratas de oriente, 1958, Editorial Austral, páxina 114. Tradución do orixinal: "el nombre más notable, asociado a la ruta oriental a las Indias, pertenece al siglo XIX y el nombre es Benito de Soto...natural de La Coruña.".
- ↑ Histoire de la piraterie, Robert de La Croix, Ancre de Marine Editions, 1995, páx. 358
- ↑ Philip Henry George Gosse, Los piratas del oeste, los piratas de oriente, Editorial Austral, 1958, páxina 115
- ↑ Histoire de la piraterie, Robert de La Croix, Ancre de Marine Editions, 1995, páx. 357-63
- ↑ {14} According to the confession of these men, they plundered several other ships: viz. the Cessnock, Sunbury, New Prospect, and a Portuguese vessel; but, full of booty, their murderous propensities seem to have abated, and they contented themselves with the plunder and ill-treatment of the officers and crews., A Narrative of the Atrocities Committed by the Crew of the Piratical Brig "El Defensor De Pedro"; https://web.archive.org/web/20071216194730/http://www.history.unimelb.edu.au/tajir/pirateresources/documents/defensor/narrative.htm
- ↑ On the 23d of March, the Portuguese ship, Ermelinda, was boarded and robbed of forty-two bags of coffee, eight chests of tea, and two cases of printed cotton., A Narrative of the Atrocities Committed by the Crew of the Piratical Brig "El Defensor De Pedro"; https://web.archive.org/web/20071216194730/http://www.history.unimelb.edu.au/tajir/pirateresources/documents/defensor/narrative.htm
- ↑ the piratical brig "El Defensor de Pedro." Which was stranded, on or about the 9th of May 1828 at the Cortadura, (1) four or five miles to the eastward of St Sebastian's light-house, Cadiz. A Narrative of the Atrocities Committed by the Crew of the Piratical Brig "El Defensor De Pedro"; https://web.archive.org/web/20071216194730/http://www.history.unimelb.edu.au/tajir/pirateresources/documents/defensor/narrative.htm
- ↑ El milano de los mares
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Benito Soto |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Percorrido vital e xeográfico do pirata
- "Un pirata de verdad" Artigo de Arturo Pérez-Reverte (en castelán).
- "Benito Soto, pirata: Línea de sangre para un sanguinario" Artigo de Alfonso F. Pousada (en castelán).