Saltar ao contido

Amargas han sido las horas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Amargas han sido las horas
Autor/aAlberto Fortes
CubertaSergio Portela
OrixeGaliza
Linguagalego
Coleccióncolección Ficciones, nº 1
Xénero(s)Novela
EditorialEditorial Novo Século
Data de pub.Novembro de 1992
Formatorústica con lapelas
Páxinas174
ISBNISBN 978-84-87777-17-1
editar datos en Wikidata ]

Amargas han sido las horas. Las aventuras del pirata Edgar Allan Poe é unha novela de aventuras en lingua castelá, escrita por Alberto Fortes e publicada en 1992 por Editorial Novo Século.

A obra preséntase coma un relato escrito en primeira persoa polo propio Edgar Allan Poe en Fordham en 1846. O texto élle deixado a un tal Allan Fitzgerald o 26 de setembro de 1849, pouco antes da morte do escritor. Este pídelle a Fitzgerald que o dea a coñecer no Messenger (un periódico que dirixira) un ano despois da súa morte. Finalmente é publicado co título de The disaster of Topaz and others unparalleled adventures en Richmond (Virxinia) en 1864, durante a Guerra Civil Estadounidense. Esta edición foi traducida ao castelán por Carlos Werten Paz, quen extraviou o orixinal en lingua inglesa en Guadalupe, e publicado por Alberto Fortes.

Antes do relato de Allan Poe, hai tres textos introdutorios: un prólogo de Carlos Werten (o tradutor), un prefacio de Allan Fitzgerald (quen o publicara) e unha carta do propio Poe. O título de Amargas han sido las horas débese á primeira frase do texto de Poe.

El desastre del Topaz y otras incomparables aventuras

[editar | editar a fonte]

Xuño de 1827: Edgar Allan Poe, afogado polas débedas e por asuntos de honra, embarca nun buque en Boston con destino a Calcuta, co nome falso de William Wilson. No Topaz, a bricbarca na que viaxan, hai unhas esfera moi grande que serve de aparello astronómico de navegación. Chegan a Calcuta, e alí collen outros materiais, abandonando o peirao o 15 de decembro. O 13 de xaneiro de 1828, preto de Madagascar, enfróntanse a un tornado.

O 27 de xaneiro, xa preto de Cape Town, crúzanse cun bergantín pintado de negro coa bandeira de Francia. Este buque comeza a perseguilos, e muda a súa bandeira polo do pavillón de Buenos Aires. Trala abordaxe, boa parte da tripulación do Topaz é asasinada, mais Allan Poe é levado xunto co capitán ao bergantín polos seus coñecementos de lingua castelá. O escritor decide dicirlle aos piratas onde están as riquezas do buque e estes sálvanlle a vida.

Así, sabe que o buque é O Defensor de Pedro, un barco dos usados para o transporte de escravos do que a tripulación se rebelou preto do golfo de Guinea, e que agora se dedica á pirataría capitaneado por Benito Soto, co novo nome de A Burla Negra. O capitán quere dirixirse a Pontevedra para descargar a mercadoría, e o buque toma ritmo norte. Os mariñeiros portugueses pensan en amotinarse, pero un deles é morto e a idea vén abaixo. Na rota abordan dous barcos antes do arquipélago dos Azores, e pasadas estas, o propio escritor vese obrigado a participar nun asalto a un buque, para que non poida delatar os compañeiros ao ser el tamén culpable. Logo dun temporal tras pasar as illas Canarias, atacan outra nave para repoñer os apeiros danados.

O barco chega á ría de Pontevedra o xoves 10 de abril, e fai parada en Beluso. Nunha lancha van cara a Pontevedra, onde Benito Soto ten previsto introducir legalmente as mercadorías coa axuda dun comerciante inglés, polo que leva a Poe para que negocie con este. Aportan na lancha xunto á ponte do Burgo, e van camiñando até a Casa das Campás, a carón da igrexa de San Bartolomeu o Vello, á que está unida a través dun arco. Alí vive o tío de Benito Soto, e escondido, Poe descobre que queren matalo. Asustado, escribe o seu relato nun libro de salmos de Bieito XIV, que atopa nun baúl canda a outras obras de Virxilio ou O Cura de Fruíme.

Ao día seguinte vai ao claustro do convento de San Bartolomeu, convertido nunha fábrica de panos, onde fala co comerciante inglés. Este dille que deben desembarcar na Coruña. Marchan andando cara á Moureira, xunto a desembocadura do río dos Gafos, e paran na casa de Benito Soto. e regresan á Burla Negra para fondear, pois non deben chegar á Coruña até o 26 dese mes.

Na noite do xoves 17 volve escoitar que o queren matar, pois é o único supervivente do Topaz. Ao día seguinte parten bordeando polo sur as illas Ons, e á noite prepara a súa fuga: libera uns barrís medio baleiros coa intención de tirarse a auga e ir nun deles, pero é descuberto e dispáranlle. O libro que collera en Pontevedra sálvalle a vida, e tírase á auga in extremis. Recólleo un bergantín inglés que o leva á Habana. Alí colle outro buque cara a Charleston (Carolina do Sur), pero no traxecto colle a peste negra. Os doentes son desembarcados na illa de Sullivan, onde atopa o seu compañeiro Perry.

La investigación

[editar | editar a fonte]

Werten dá conta das súas investigacións, levadas a cabo en Pontevedra en 1991, logo de traducir o manuscrito. Chega á estación de Pontevedra e por casualidade dá cun antigo compañeiro da facultade da Universidade de Santiago de Compostela, que o acolle en Bueu. Xuntos investigan a veracidade do texto atopado. Van mirar a Casa das Campás, que por entón estaba en estado semiruinoso, e consultan os arquivos do Museo de Pontevedra, da Deputación e do Colexio de Notarios da Coruña, amais de consultar a novela El milano de los mares (Alejandro Benisia y Fernández de la Somera, 1855), o ensaio Los piratas del Defensor de Pedro. Extracto de las causas y proceso formados contra los piratas del Bergantín brasileño El Defensor de Pedro, que fueron ahorcados en Cádiz en los días 11 y 12 de enero de 1830 (Joaquín Lazaga y Garay, 1892) e La Burla Negra (Xosé María Castroviejo, 1955).

Inclúense finalmente un retrato de Benito Soto, un rueiro da Pontevedra do século XIX deseñado por Agustín Portela Paz, e un deseño do mesmo autor.

Narración

[editar | editar a fonte]

A narración intenta imitar o estilo do propio Allan Poe, e mesmo ten trazos máis propios do castelán do século XIX ca do falado a finais do século XX. Hai notas do tradutor a pé de páxina, con comentarios sobre a obra de Poe e sobre os termos orixinais en inglés.

Edicións

[editar | editar a fonte]

Foi publicada por vez primeira en 1992 e reeditada en xullo de 1998 por Ediciones Península.