Saltar ao contido

Estación de Pontevedra

Pontevedra
Estación de ferrocarril de Pontevedra
SituaciónAvenida da Estación s/n
36003 Pontevedra
ServizosAseosServizos adaptadosAparcadoiroCafeteríaCarros portavultosAlugamento de cochesVenda de Billetes
Liñas
Longa DistanciaAlvia, Trenhotel
Media distanciaMD Rexional
Intermodalidade
Bus
Estación de Autobuses
OutrosTaxi
Bus urbano (liña 1)

A estación de Pontevedra é unha estación de ferrocarril de Adif da cidade de Pontevedra. Ten servizos de longa e media distancia, incluíndo os do eixe atlántico de alta velocidade. Ten tamén funcións loxísticas.[1]

Tivo 1 024 500 pasaxeiros en 2022.[2] En 2021, Pontevedra foi unha das quince estaciones españolas con acceso gratuíto a Internet Wi-fi.[3].

Situación ferroviaria

[editar | editar a fonte]

A estación está a 31 metros de altura e forma parte da seguintes liña férreas de ancho ibérico:

Área de plataformas

En 1863 creouse a sociedade do Ferrocarril Compostelán da Infanta Dona Isabel co propósito de unir Santiago de Compostela co Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa.[6] Esta sociedade foi vendida en 1866 a The West Galicia Railway Company Limited, compañía británica que foi quen puxo en marcha o mencionado tramo o 15 de setembro de 1873 tras once anos de traballo. En 1889 púxose en marcha o tramo de 42 quilómetros que permitiu prolongar a liña ata Pontevedra.[6]

O 16 de maio de 1884, o primeiro tren chegou a Pontevedra, nun percorrido de proba desde Redondela. Esta foi a etapa previa á viaxe inaugural da liña Pontevedra-Redondela o 30 de xuño do mesmo ano. En 1886, a Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo (xeralmente abreviada como MZOV) concluíra o trazado da liña férrea que unía Monforte de Lemos con Vigo e que se pretendía prolongar a Portugal.[7] Esta liña contou cunha ligazón de 18,95 quilómetros desde Redondela que alcanzaba a recentemente creada estación de Pontevedra, inaugurada o 30 de xuño de 1884 no barrio de Campolongo, nun terreo correspondente a unha parte da actual praza de Galicia.

O 9 de setembro de 1928, MZOV fíxose co control de The West Galicia Railway Company Limited.[7] Con todo esta situación só durou un ano tras ser absorbida a primeira pola Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste. En 1941, Oeste foi nacionalizada e integrada na recentemente creada Renfe quen xestionou a estación ata a súa separación en Adif e Renfe Operadora o 31 de decembro de 2004.

A actual estación foi inaugurada o 8 de agosto de 1966[8], substituíndo a vella do barrio de Campolongo.

Centro Comercial Vialia Pontevedra.

O 30 de novembro de 2000 inaugurouse o centro comercial Vialia, anexo á estación de ferrocarril, onde hai 8 salas de cinema con 1.488 butacas. Trátase do primeiro centro comercial Vialia de Galicia.[9][3]. Está explotado por ADIF en nel hai tendas de agasallos, servizos, lecer e restauración.

En setembro de 2000 iniciáronse as obras do ramal de Pontevedra ao porto de Marín-Pontevedra. O 10 de xullo de 2002 inaugurouse esta liña de mercadorías de 6,487 km.[10][11].

En 2007 e 2008 adxudicáronse as obras dos tramos que unen a cidade co chamado eixe atlántico de alta velocidade que facilitarán as conexións de alta velocidade con Pontevedra.

Entre 2013 e 2015 a estación de Pontevedra recibiu unha profunda remodelación total das instalacións ferroviarias. Demoléronse todas as plataformas e vías, construíronse 3 novas plataformas e unha nova praia de vías con dúas vías centrais pasantes e 5 vías con plataforma. Realizouse un enorme paso inferior que substitúe ao antigo paso inferior, actualmente transformado en galería de servizos. Instaláronse ascensores nas tres plataformas e fíxose a preinstalación para 6 escaleiras mecánicas, instalando finalmente só dúas, de subida nas 2 plataformas máis usadas.

A estación

[editar | editar a fonte]

O edificio de viaxeiros da estación de Pontevedra é unha estrutura de dous pisos de planta alongada e rectangular revestida de pedra e adornada no seu acceso principal por un amplo arco nun frontón triangular. Unha marquesiña en beiril en formigón armado cobre as plataformas da estación. O edificio foi proxectado en abril de 1943 polos enxeñeiros de camiños José Luis Tovar Bisbal e Eugenio de la Sal Crespo. Sitúase na Avenida da Estación, na zona sueste da cidade, no lugar da Parda. Está a carón do río dos Gafos e da estación de autobuses, e por diante dela pasa a vía portuguesa do camiño de Santiago e atópase o monumento Dorna.

O edificio de pasaxeiros está equipado con máquinas expendedoras de billetes e unha sala de espera. Conta con tres plataformas, a principal pegada ao edificio e dúas laterais cinco vías. Entre a plataforma principal e as dúas laterais hai dúas vías centrais pasantes. Os cambios de plataforma realízanse grazas a un paso subterráneo. Dispón de venda de billetes, atención ao cliente, aseos e cafetería. Todo o recinto está equipado con servizos adaptados para as persoas con minusvalía. No exterior existen varias zonas de aparcadoiro e unha parada de taxi.

Servizos ferroviarios

[editar | editar a fonte]
Acceso á estación de Pontevedra
Vista xeral.

Longa Distancia

[editar | editar a fonte]

Actualizados a 12 de xuño de 2022.

Tren Orixe Paradas intermedias Destino Observacións
Alvia Madrid-Chamartín Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Santiago de Compostela - Vilagarcía de Arousa - Pontevedra · Vigo Pontevedra / Vigo 3/4 trens diarios por sentido - Alta Velocidade Madrid Chamartín-Ourense Cambio de ancho de vía en Taboadela (Ourense)
Alvia Alacant-Terminal Villena AV · Albacete-Los Llanos · Cuenca-Fernando Zóbel · Madrid-Puerta de Atocha · Madrid-Chamartín · Segovia-Guiomar · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Guillarei · Redondela · Vigo-Guixar Pontevedra 1 tren semanal por sentido
Trenhotel Rías Galegas Madrid-Chamartín Ávila · Medina del Campo · Zamora · Pobra de Seabra · A Gudiña · Ourense-Empalme · Ribadavia · Guillarei · O Porriño · Redondela · Vigo-Guixar Pontevedra 1 tren diario por sentido

Media distancia

[editar | editar a fonte]

Actualizados a 12 de xuño de 2016.

Liña Trens Orixe/Destino <> Destino/Orixe
  Avant (MD) A Coruña
Santiago de Compostela
Pontevedra
<> Vigo-Urzáiz
1 MD A Coruña
Santiago de Compostela
Pontevedra
<> Vigo-Guixar

Intermodalidade

[editar | editar a fonte]

A estación de autobuses atópase xunto á estación de ferrocarril de Pontevedra. A conexión entre ambas as estacións realízase a través dun itinerario peonil directo e unha marquesiña cuberta, complementados por unha praza de acceso peonil fronte á estación de autobuses.[12].

Nas inmediacións hai un aparcadoiro de superficie e outro subterráneo. Á estación chegan os autobuses urbanos da cidade (liñas 1 e 2); a parada atópase fronte á estación.

Servizo de mercadorías

[editar | editar a fonte]

Esta estación está aberta para o servizo de mercadorías, especialmente para as procedentes ou con destino ao porto de Marín-Pontevedra.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • López Torre, Rafael (2015): "La nueva estación de ferrocarril", pp. 226–235, en Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), Concello de Pontevedra e Faro, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]