Casa de Correos e Telégrafos de Pontevedra
Pazo de Correos e Comunicacións de Pontevedra | |
---|---|
Edificio | |
Tipo | Edificio de correos |
Estilo | modernista |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′48″N 8°38′42″O / 42.43, -8.6449 |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Construción | |
Inicio | 1915 |
Remate | 1929 |
Dimensións | |
Plantas | 5 (planta baixa + 2 andares + semisoto + faio) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Carlos Gato Soldevilla |
Contratista | Cándido Casalderrey |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Pazo de Correos e Telecomunicacións é un edificio histórico da cidade de Pontevedra, situado entre as céntricas rúas da Oliva e García Camba, en pleno corazón comercial e financeiro da cidade. Dende a súa construción foi sede principal da compañía estatal de Correos e Telégrafos e alberga a Xefatura Provincial de Correos de Pontevedra. Diante da súa fachada principal atópase unha oliveira, árbore da que tomou o seu nome nas súas orixes á rúa da Oliva pontevedresa.
Historia
[editar | editar a fonte]No século XIX Pontevedra necesitaba unha sede central de correos acorde coa súa condición de capital de provincia. En 1908, o ministro da Gobernación, Juan de la Cierva Peñafiel, anunciou a construción dun novo edificio de correos na cidade. En 1910 iniciáronse as xestións para a procura de terreos para o edificio. En 1911, o Consello de Ministros aprobou a construción e elixiuse un terreo entre as rúas Oliva e García Camba proposto polo Marqués de Riestra, un polígono irregular de seis lados cunha superficie de 800 metros cadrados.[1]
No ano 1912 o concello de Pontevedra comprou os terreos ao Marqués de Riestra por 115 000 pesetas e cedeunos ao estado. As bases do concurso para a construción do edificio fixéronse públicas en 1913 e elixiuse o proxecto modernista do arquitecto madrileño Carlos Gato Soldevilla (autor de edificios art nouveau como o pavillón do Ministerio de Fomento de Madrid). A construción do edificio adxudicouse en 1915 ao contratista Cándido Casalderrey por 348 967 pesetas. As obras comezaron ese mesmo ano.[1]
As obras duraron varios anos e interrompéronse en varias ocasións debido á falta de pago por parte do Estado e á débeda acumulada co contratista. En 1926 destináronse 200 000 pesetas para terminar a construción, que estaba paralizada desde 1923. O Pazo de Correos e Telecomunicacións de Pontevedra inaugurouse en 1929,[2] ano no que se colocaron os emblemáticos leóns na fachada sur do edificio como caixas de correos para o estranxeiro e España.[3] En maio de 1930 amoblouse o edificio.[1]
Por mor do seu valor histórico, a comezos do século XXI encargouse ao arquitecto tamén madrileño Enrique Solana de Quesada a redacción do proxecto de rehabilitación do inmoble.[4] Tras a súa rehabilitación reabriuse ao público en xullo de 2003.[5]
Construción e estilo
[editar | editar a fonte]O edificio pertence ao estilo modernista que imperaba nos primeiros anos do século XX. O arquitecto expúxoo inspirándose nos edificios do Norte de Europa. Arelaba expresamente unha descrición coa Renacenza flamenga, coa distinción galega da construción en pedra.
A construción, do mesmo xeito que a maioría dos edificios de Correos españois está artellada ao redor dun atrio central de operacións sobre un vestíbulo público. Existe outro atrio máis pequeno e do redor destes atrios articúlanse todas as dependencias. O último dos tres andares dos que consta fica baixo unha cuberta crebada con lucernarios.[4]
O edificio está realizado en granito e ten semisoto, planta terrea, dous andares e faio con lucarnas no aproveitamento baixo cuberta. Os vans do primeiro andar levan saínte nos linteis e os do último teñen linteis en arco de cortina con arco de círculo duplo. Hai un gran friso á altura do teito da planta baixa.
A entrada principal preséntase no canto a xeito de chafrán con arcos repousando en columnas clásicas e escaleiras de pedra que dan acceso a un ástrago de entrada elevado. Consta de decoración de figuras xeométricas de pedra na fachada especialmente no nivel do faio, e xanelas xeométricas en cada un dos niveis. Coroando o nivel superior por riba da entrada principal atópase o escudo en pedra da cidade.[6]
Na fachada sur hai dous leóns de bronce (os únicos orixinais en Galicia) cuxas bocas serven de caixas para a introdución do correo para o estranxeiro e para España e representan a garda e a seguridade tanto do edificio como da correspondencia.[3]
O interior, dunha gran luminosidade, combina o uso de materiais como o vidro, a madeira e a escaiola, salientando a magnífica bóveda acristalada en cores,[4] que conta como elemento central o escudo de Pontevedra coa súa ponte, cruceiro, antigo castelo e torre ameada. Na cuberta da sala grande na que se desenvolve a vida pública do edificio atópase unha fermosa vidreira que recolle mediante a técnica da grisalla o escudo da cidade. Son 2452 pezas de vidro que chegan a formar unha superficie de 98 m².
O escudo heráldico da cidade mide 4 metros de alto por 2,52 metros de largo e vese arrodeado por un riberete con vinte rosetóns. Rehabilitado no ano 2003, recuperou grazas ao labor da firma coruñesa Azpilcueta, todo o seu esplendor. A técnica empregada para debuxar o escudo sobre o vidro é a grisalla, na que se actúa por extirpación do pigmento, xa que a cor achégaa ao propio vidro. Ademais esta técnica procura deter a luz que atravesa o vidro creando novas sensacións no espazo.
Na decoración do vestíbulo central empregouse a pintura ao óleo en xeral e en imitacións ao bronce, o dourado, o mosaico, a cerámica e a vidreira artística.
En 1916, o arquitecto da sede central de correos de Pontevedra, Carlos Gato Soldevilla, deseñou tamén o edificio da sede central de correos de Burgos.[7]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escudo da cidade, presente no remate das dúas fachadas.
-
Fachada da rúa García Camba.
-
Boca das caixas de correos en forma de león.
-
Detalle da entrada lateral.
-
Boca da caixa de correos de España.
-
Boca da caixa de correos do Estranxeiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "La Casa de Correos, la obra interminable". Diario de Pontevedra (en castelán). 25 de agosto de 2019.
- ↑ "A Correos sí, pero sin bebé". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2013.
- ↑ 3,0 3,1 "Guardias de la correspondencia". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xuño de 2003.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "El edificio de Correos volvió a la luz". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de maio de 2013.
- ↑ "Correos trasladaba su sede de A Oliva para su reforma". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xullo de 2019.
- ↑ Fontoira Surís, Rafael, 2009, Pontevedra Monumental, Pontevedra, Deputación de Pontevedra, p. 431
- ↑ "75 aniversario ETSAM" (PDF). ETSAM (en castelán). 15 de maio de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa de Correos e Telégrafos de Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fontoira Surís, Rafael (2009): Pontevedra monumental, páx. 431. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-327-2