A Parda, Pontevedra
A Parda | |
---|---|
![]() Avenida Virxinia Pereira Renda | |
Concello | Pontevedra |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′33″N 8°37′50″O / 42.42575, -8.6304444444444 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Parda é un barrio da cidade de Pontevedra na súa zona leste. Ten unha función sobre todo residencial e ten tamén importantes instalacións xudiciais, educativas e sanitarias.
Localización
[editar | editar a fonte]O barrio da Parda está situado ao leste da cidade de Pontevedra. Limita ao norte coa rúa Estrada e a PO-532, ao sur coa PO-542 e O Marco, ao leste coa Rolda Leste[1] e ao oeste coas vías férreas e a estación do ferrocarril. Ao leste do barrio atópase o cemiterio municipal de Santo Amaro, proxectado en 1879 polo arquitecto Alejandro Sesmero e inaugurado en setembro de 1882.
Historia
[editar | editar a fonte]O topónimo Parda vén de "parta" que significa terreo cheo de auga, pantano ou zona húmida[2] e fai referencia á zona húmida ou Xunqueira da Parda que está situada no barrio ao leste da estación de Pontevedra, do outro lado das vías do ferrocarril e que ten 8.000 metros cadrados.[3]
O pazo da Parda, situado ao sur do barrio, preto da estrada PO-542, procede da liñaxe dos Acuña. Data de 1620 e foi fundado polos irmáns Malvar, deáns da catedral de Santiago de Compostela. O pazo foi construído principalmente nos séculos XVIII e XIX.[4] O pazo acolleu importantes reunións políticas a principios do século XX, cando o seu propietario, Gabino Bugallal Araújo, II Conde de Bugallal e varias veces Ministro da Coroa e Presidente das Cortes Españolas, converteuno na súa residencia de verán.[5][6]
O inicio do desenvolvemento do barrio da Parda produciuse coa demolición do antigo cárcere provincial da Parda grazas a un convenio conseguido polo alcalde Juan Luis Pedrosa en 1995 e á construción no seu soar do primeiro dos edificios xudiciais da Cidade da Xustiza de Pontevedra, cuxas obras empezaron a principios de 1996 e que se inaugurou en 1998.[7][8][9][10]
En 1999 acabáronse de urbanizar os terreos e construíuse a avenida transversal de 22 metros de ancho Xoán Carlos I[11] (actual avenida Virxinia Pereira Renda) de catro carrís de circulación, entre as rúas da Estrada e Pintor Laxeiro.
En xullo de 2001 aprobouse a construción na avenida Xoán Carlos I do novo edificio do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, que foi inaugurado en setembro de 2004.[12][13][14][15] A partir de 2002, a expansión do barrio acelerouse.[16]
En 2006 comezaron as obras de construción do novo Centro de Saúde da Parda na rúa Gaiteiro Ricardo Portela.[17] O centro de saúde, incluíndo nos seus servizos un Punto de Atención Continuada (PAC), foi inaugurado en outubro de 2009.[18]
En 2008 empezouse a construír o complexo deportivo da Parda. Os traballos quedaron a medio facer ao entrar a concesionaria en quebra en 2009.[19]
O 9 de setembro de 2009 inaugurouse no barrio da Parda o parque das Camelias, con entrada pola rúa Gaiteiro Ricardo Portela.[20]
En 2010 finalizou a reurbanización da rúa Pintor Laxeiro, que pasou a contar con catro carrís de circulación.[11][21] En 2011 completouse a urbanización das rúas perimetrais e ampliáronse as zonas verdes en 4220 metros cadrados.[22]
En xaneiro de 2011 entrou en funcionamento a escola infantil da Parda na rúa Diego Sarmiento de Acuña, que pasou a formar parte da rede de garderías da Xunta de Galicia A galiña azul.[23] Foi proxectada polo arquitecto José Ramón Garitaonaindía de Vera.[24]
O 1 de agosto de 2016 empezou a construción do segundo edificio dos Xulgados.[25] O novo edificio foi inaugurado o 3 de setembro de 2019. A partir deste intre Pontevedra contou cunha Cidade da Xustiza conformada por estes dous edificios xudiciais no barrio da Parda.[26]
En outubro de 2019 entrou en servizo a Rolda Leste de case un quilómetro que circunvala o barrio polo leste e que mellorou o acceso ao Hospital Montecelo.[1]
Urbanismo
[editar | editar a fonte]A Parda é o principal barrio da zona leste de Pontevedra e articúlase a partir dunha avenida principal de catro carrís, a avenida Virxinia Pereira Renda e dunha rúa de catro carrís que a cruza, a rúa Pintor Laxeiro. As rúas Estrada e Hortas comunican o barrio polo oeste co centro da cidade e a rúa Hortas tamén o comunica coas estacións de ferrocarril e autobuses.
O barrio ten como parques principais o parque das Camelias e o parque Martín Balea. O parque das Camelias ten 8.000 metros cadrados e conta cunha área de xogos infantís. Ten unha fonte ornamental formando bancada en semicírculo e especies arbóreas como camelias e magnolios.[20] O parque Martín Balea entre as rúas Pintor Laxeiro e Bacelar contará en 2023 cun parque infantil de preto de 1000 metros cadrados de superficie[27] e que será o maior do barrio da Parda.[28] O barrio ten ademais o parque da rúa dos Soutos, que dispón tamén dun parque infantil.[29]
Existe o proxecto de construír no barrio un gran parque urbano, cunha superficie de 34.000 metros cadrados (3,4 hectáreas). O parque terá varias zonas. Un parque infantil chamado "parque da natureza" con tobogáns e tirolesas na zona máis próxima á Cidade da Xustiza; un pequeno leito de auga canalizada, a partir dun fito convertido en fonte, que cruzará toda a parcela ata desembocar no río Gafos; un paseo lineal en paralelo ás vías do tren que incluirá dous miradoiros de 36 metros cadrados; ou un grande espazo verde no extremo sur do parque. Todo o ámbito contará con mobiliario urbano, zonas de estancia e plantacións de especies arbóreas autóctonas, que incluirán arbustos, gramíneas, fentos e árbores de distintos tamaños como carballos e tilos, e tamén bidueiros, amieiros, freixos, estripeiros, cerdeiras silvestres, pereiras atlánticas e maceiras europeas.[30][31][32]
Na rúa do Marco, á dereita da avenida conde de Bugallal atópase o Pazo da Parda.
Instalacións
[editar | editar a fonte]Centros escolares
[editar | editar a fonte]O barrio da Parda conta con distintos centros escolares:
- O Conservatorio profesional de música Manuel Quiroga da Xunta de Galicia, na avenida Virxinia Pereira Renda. Esta nova sede do conservatorio pontevedrés foi inaugurada en 2004.
- A Escola Infantil da Parda, da Xunta de Galicia, que forma parte da rede de garderías A galiña azul. Foi inaugurada en 2011.
- O colexio plurilingüe privado Sagrado Corazón de Xesús.
Organismos gobernamentais
[editar | editar a fonte]No barrio atópase a Cidade da Xustiza de Pontevedra, composta por dous edificios de oito e seis andares, que foron inaugurados respectivamente en 1998 e 2019.
Centros sanitarios
[editar | editar a fonte]No barrio atópase o Centro de Saúde A Parda, que dispón dun Punto de Atención Continuada (PAC).
Deportes e lecer
[editar | editar a fonte]- O futuro complexo deportivo da Parda situarase ao oeste da rúa Francisco Tomás y Valiente, en fronte ao edificio dos Xulgados de 1998. Será licitado en 2023 e construiranse dous pavillóns, un polideportivo e outro para ximnasia rítmica[19] así como un rocódromo.[33]
Galería
[editar | editar a fonte]-
A Parda
-
Avenida Virxinia Pereira Renda
-
Avenida Virxinia Pereira Renda
-
Centro de saúde A Parda
-
Avenida Virxinia Pereira Renda
-
Parque Martín Balea
-
Rua Pintor Laxeiro
-
Rua da Estrada
-
Avenida Virxinia Pereira Renda
-
Conservatorio Profesional de Música]
-
Edificio xudicial de 1998 e praza Fermín Bouza Brey
-
Rúa Francisco Tomás y Valiente
-
Entrada ao Conservatorio Profesional de Música
-
Novo edificio dos Xulgados de 2019
-
Edificio xudicial de 1998
-
Os dous edificios xudiciais da cidade da xustiza da Parda
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "La Ronda Leste entra en servicio y prevé absorber 5.000 vehículos". Diario de Pontevedra (en castelán). 11 de outubro de 2019.
- ↑ Mateo Sanz 2020, p. 10
- ↑ "Un grupo de vecinos pide que se preserve el humedal de A Parda por su interés biológico". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de xuño de 2010.
- ↑ "A Parda, un pazo con aires sevillanos". Pontevedra Viva (en castelán). 27 de maio de 2020.
- ↑ "El pazo de A Parda se pone en venta tras cuatro siglos con la familia Bugallal". Faro (en castelán). 3 de novembro de 2017.
- ↑ "Una casa señorial con jardín y capilla: así es el Pazo da Parda, a la venta en Pontevedra". El Español (en castelán). 10 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Un complejo de 2,2 millones sitúa A Parda como barrio de expansión". El Correo Gallego (en castelán). 5 de setembro de 2008.
- ↑ "A Parda, ciudad judicial". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de abril de 2010.
- ↑ "A Parda deja de ser cárcel para convertirse en juzgado". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xaneiro de 2016.
- ↑ "¿Quién abre la puerta de los juzgados de A Parda?". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de marzo de 2016.
- ↑ 11,0 11,1 "La calle Pintor Laxeiro contará con cuatro carriles tras su reapertura, a final de mes". Faro (en castelán). 2 de febreiro de 2010.
- ↑ "Luz verde a la construcción del nuevo conservatorio de música en A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xullo de 2001.
- ↑ "El nuevo conservatorio estará disponible a finales del 2002". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de novembro de 2001.
- ↑ "El Concello cede a la Xunta la parcela del nuevo Conservatorio de Música". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xullo de 2002.
- ↑ "Lores se interesa por el estado de las obras del nuevo Conservatorio". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de marzo de 2004.
- ↑ "El Concello impulsa la segunda fase del polígono de A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de marzo de 2002.
- ↑ "El Sergas saca a contratación las obras del centro de salud de A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de febreiro de 2006.
- ↑ "El nuevo centro de salud de A Parda ya atenderá pacientes en octubre". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de setembro de 2009.
- ↑ 19,0 19,1 "La licitación del complejo deportivo de A Parda se lanzará a principios de 2023". Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de novembro de 2022.
- ↑ 20,0 20,1 "El barrio de Parda estrena hoy un nuevo parque". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de setembro de 2009.
- ↑ "La reapertura de Pintor Laxeiro ayuda a mejorar el tráfico en la zona Este". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de abril de 2010.
- ↑ "Pontevedra se expande hacia el barrio de A Parda". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de febreiro de 2011.
- ↑ "La escuela infantil «de diseño» de A Parda está acabada, pero su apertura se demorará hasta enero". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de setembro de 2010.
- ↑ "O Concello adxudica o mobiliario da gardería da Parda para entrar en funcionamento neste curso". Faro. 17 de agosto de 2010.
- ↑ ""Día uno" de las obras del nuevo edificio judicial de A Parda". Pontevedra Viva (en castelán). 1 de agosto de 2016.
- ↑ "Pontevedra inaugura su ciudad de la justicia". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de setembro de 2019.
- ↑ "A licitación el proyecto del parque infantil "tematizado" de Pintor Laxeiro". Pontevedra Viva (en castelán). 1 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Pontevedra pone en marcha la licitación del macro parque infantil de A Parda". El Español (en castelán). 2 de xaneiro de 2023.
- ↑ "El parque infantil de la Rúa dos Soutos estrena su renovada imagen". Pontevedra Viva (en castelán). 25 de abril de 2020.
- ↑ "El complejo deportivo de A Parda se integrará en el mayor parque urbano de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de febreiro de 2023.
- ↑ "A Parda tendrá el mayor parque de la ciudad". Diario de Pontevedra (en castelán). 21 de febreiro de 2023.
- ↑ "El nuevo parque natural de A Parda superará los 35.000 metros cuadrados y costará más de 4 millones de euros". Pontevedra Viva (en castelán). 21 de febreiro de 2023.
- ↑ "Así será el complejo deportivo de A Parda". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de febreiro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Parda, Pontevedra ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mateo Sanz, Gonzalo (2020). "La naturaleza en la toponimia española VII". Flora Montibérica (Valencia: FloraMontiberica.org) (77): 3–12. ISSN 1138-5952.