Papagaio Ravachol
Papagaio Ravachol | |
---|---|
![]() Escultura do Papagaio Ravachol na praza da Peregrina. | |
Especie | Papagaio |
Nacemento | cara 1891 |
Falecemento | 25 de xaneiro de 1913 Pontevedra |
Enterramento | Mourente, Pontevedra |
Dono | Perfecto Feijoo |
Anos activo | 23 |
Coñecido por | Conversación intelixente e sarcástica |
Pais | España |
Ravachol, nado cara a 1891 e finado o 24 ou 25 de xaneiro de 1913, foi un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo que vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra.
Converteuse nun dos símbolos da cidade. O enterro do Papagaio Ravachol conmemórase cada ano durante o entroido de Pontevedra.
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]Recibiu o seu nome do anarquista francés François Claudius Koënigstein, máis coñecido como Ravachol, condenado a morte en 1892.
Non hai constancia de que o papagaio tivese un nome concreto durante os seus primeiros meses en Pontevedra, pero antes de que transcorrese un ano desde a súa chegada á cidade, todos os veciños coñecíano polo nome do famoso revolucionario francés François Ravachol,[1] anarquista que, ademais de alborotador, era coñecido polos seus atentados terroristas con dinamita.
Foi o seu propio dono, Don Perfecto Feijoo, quen bautizou ao papagaio co nome de Ravachol, polo seu carácter revoltoso e indomable.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O propietario
[editar | editar a fonte]O farmacéutico pontevedrés Perfecto Feijoo (1858-1935) licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela. A partir de 1880 rexentou a botica situada na praza da Peregrina xunto á Igrexa da Virxe Peregrina na esquina coa rúa Oliva (hoxe desaparecida). Tiña un carácter agradable e afable e reunía na súa farmacia á flor e nata da sociedade pontevedresa. Destacadas personalidades da política, as artes e a ciencia acudían á súa botica para participar nas reunións máis animadas.[3] Foi, sen dúbida, unha das personalidades máis carismáticas da Galicia da época.
Orixe do papagaio
[editar | editar a fonte]En 1702, a frota española, xunto coa francesa, tentou desembarcar mercadorías traídas de América. Os barcos foron atacados pola frota anglo-holandesa, o que conduciu á batalla de Rande. Entre as mercadorías procedentes do novo continente había un cargamento de aves exóticas. Tras o afundimento dos barcos, un gran número de papagaios conseguiu sobrevivir. Esparexéronse e foron capturados polos aldeáns.

Descoñécese a data de nacemento do papagaio Ravachol, pero foi en 1891 cando Martín Fayes, profesor de música e director da banda militar de Tui, amigo de D. Perfecto, regaloullo. O novo papagaio permanecería en Pontevedra durante 22 anos.[4]
Chegada a Pontevedra do papagaio Ravachol
[editar | editar a fonte]O papagaio tardou algún tempo en adaptarse ao seu novo fogar, pero pronto mostrou o seu carácter axitado e irreverente.[5] A súa facilidade de palabra mesturábase cun vocabulario vulgar, procedente dos soldados do cuartel onde traballaba o seu antigo propietario, Martín Fayes. Dependendo da época do ano e da hora do día, a gaiola do papagaio estaba situada na farmacia, na parte traseira da farmacia ou fóra da farmacia xunto a un banco de pedra. Era neste último lugar onde o papagaio atopábase máis cómodo gozando da animación dos transeúntes. En 1900 participou nunha representación dun texto de Enrique Labarta Pose no Teatro Principal de Pontevedra.
Morte e enterro
[editar | editar a fonte]Trala súa morte, acontecida o venres 24 ou o sábado 25 de xaneiro de 1913,[6][7] o Diario de Pontevedra fíxose eco da nova.[8] Dise que a causa da súa morte foi o consumo excesivo de galletas empapadas en viño ou un envelenamento.[9] A sociedade pontevedresa sumiuse nun triste loito e organizouse para despedir ao referente máis emblemático da cidade. O cadáver foi embalsamado e exposto na farmacia.
A Sociedade de Artesáns organizou o funeral e instalou un tanatorio na farmacia. O boticario axiña empezou a recibir mostras de condolencias. Animado polo ambiente de loito, decidiu esaxerar o feito aproveitando a proximidade do entroido. Así, o mércores 29 celebrouse o enterro de Ravachol, tras unha capela ardente no Salón do Recreo de Artesáns desde o día anterior. Ás sete do serán unha gran comitiva dirixiuse ó Circo Teatro, onde se celebrou "...una criminal velada que correrá a cargo de unos cuantos conocidos atropelladores del arte cómico-lírico-rapsódico-romántico-sentimental". Nela actuaron Víctor Cervera-Mercadillo vestido de clown, Antonio Blanco Porto recitando un poema, o barítono Torres, o coro "La paella", a banda de música e un discurso necrolóxico a cargo de José Fernández Tafall. Famosos pontevedreses participaron no funeral, que serviu de despedida ao entrañable papagaio Ravachol.[10] Os restos mortais do papagaio foron soterrados nunha leira que D. Perfecto posuía en Mourente.[11]
Descrición
[editar | editar a fonte]Personalidade
[editar | editar a fonte]O temperamento do papagaio era moi peculiar, a súa verborrea e facilidade de expresión convertíano nunha atracción singular. Moitos clientes daban caramelos ao papagaio, e os que non o facían recibían unha boa reprimenda de Ravachol. Era moi apreciado polas xentes da cidade a pesar de ser moi mal falado e de que os seus diálogos e frases non eran sempre correctos.
Frases
[editar | editar a fonte]A vida do papagaio estivo marcada por un gran número de anécdotas relacionadas coa súa facilidade de expresión e o seu particular sarcasmo. O máis sorprendente é que o seu dominio do idioma ía acompañado dunha intelixencia que lle permitía manter pequenas conversacións. Tamén identificaba determinadas situacións para aplicar as súas frases e expresións, case sempre en galego, que pronto se popularizaron e máis tarde utilizáronse na linguaxe cotiá dos pontevedreses. Por exemplo, Ravachol podía dicir a frase ameazadora "se collo a vara..." para dirixirse aos que lle molestaban. Se non había ninguén atendendo aos clientes e entraba un cliente na farmacia, gritaba "Don Perfecto" (hai xente na tenda). Se o cliente tiña mal aspecto, gritaba: "Aquí non se fía". En cambio, cando chegaba un cura, imitaba a un corvo.[12] Ao presidente do Goberno español, Eugenio Montero Ríos, e á escritora Emilia Pardo Bazán dedicoulles insultos que serían condenados na época. Outro exemplo da súa intelixencia é que ás veces gritaba "Don Perfecto a despachar" e cando se lle achegaba o farmacéutico dicíalle "Engañeiche!". Outra frase famosa súa era "arre, arre".
O papagaio Ravachol na cultura popular
[editar | editar a fonte]Enterro moderno
[editar | editar a fonte]En 1985, un grupo de pontevedreses, en colaboración coa comisión municipal de festas, decidiu recrear o velorio e enterro do Papagaio Ravachol durante o entroido da cidade.[13] O éxito desta primeira recreación foi tal que en poucos anos o enterro do Papagaio Ravachol converteuse nun dos actos máis populares do entroido galego. A celebración pecha a semana de entroido en Pontevedra (celébrase no canto do enterro da sardiña). É costume que Ravachol apareza o luns de Entroido cun disfrace que cambia cada ano en función da actualidade. Inicialmente, o funeral celebrábase o venres, pero trasladouse ao sábado, despois do Mércores de Cinza, para facilitar a participación de miles de persoas no cortexo fúnebre.

Relevancia
[editar | editar a fonte]Existen innumerables exemplos de recoñecemento desta figura do entroido de Pontevedra. Foi obxecto de reportaxes televisivas, columnas xornalísticas,[14] estudos históricos e inspiración literaria.[15] Tamén ten a súa propia saeta, rumba, tanguillos e coplas murgueras,[16] a súa insignia e diversos artigos de merchandising. O papagaio ten un monumento desde o 23 de febreiro de 2006 no mesmo lugar da cidade onde tiveron lugar as súas pintorescas fazañas.[17] Precisamente alí reconstrúese cada ano a farmacia de don Perfecto Feijoo, derrubada en 1947 para alargar a rúa Michelena, e recréanse os famosos faladoiros.
O papagaio tamén ten unha figura dedicada na famosa cerámica galega de Sargadelos.[18] Os doces chamados Ravacholitos tamén están dedicados ao papagaio Ravachol.[19]
Homenaxes
[editar | editar a fonte]A iniciativa de 1985 para recuperar a memoria de Ravachol cristalizou na organización dunha incineración da súa efixie para o venres da semana de Entroido. A iniciativa tivo éxito desde o primeiro ano, non así outra proposta que suxería aproveitar as cinzas da cremación para servir de fertilizante a árbores plantadas cada ano para dar lugar a un "paseo de Ravachol". En 1992 e, ininterrompidamente, desde o 2003, durante a semana de Entroido recreouse a botica de Perfecto Feijoo no lugar que antigamente ocupaba. Nese mesmo lugar, na praza da Peregrina, instalouse unha estatua de ferro do papagaio o 22 de febreiro de 2006 realizada polo escultor José Luis Penado.[20]
Disfraces desde 1985 durante o Carnaval pontevedrés
[editar | editar a fonte]Entre 1985 e 1988 o Ravachol apareceu espido, pero desde 1989 aparece disfrazado.

- En 1989 apareceu cun elegante chaqué, mofándose dunha asignación de fondos da Xunta de Galicia ós conselleiros.
- En 1991 apareceu vestido de cacique do século XIX.
- En 1992, co gallo das Olimpíadas de Barcelona, apareceu vestido de deportista coa lapa olímpica.
- En 1993, co gallo do Ano Xacobeo, apareceu vestido de Peregrino.
- En 1994 apareceu vestido de Reitor Universitario como crítica ás instalacións da universidade na cidade.
- En 1995 apareceu vestido de toureiro.
- En 1996 apareceu vestido de obreiro, polos atrasos en obras públicas acontecidos no momento na cidade.
- En 1997, dado que o sepelio coincidiu co día dos namorados, apareceu vestido de Romeo galán.
- En 1998 apareceu vestido de bailarín de ballet cun cisne nun brazo, por unha solta de cisnes na Illa das Esculturas.
- En 1999 compaxinou indumentaria (metade e metade) de pobre e maxistrado, polos problemas da Audiencia Provincial de Pontevedra.
- No 2000 solicitaba a gratuituidade da Ponte de Rande, cunha representación da ponte nunha man e un maletín con cartos na outra.
- En 2001 ía vestido de xefe de estación de Renfe para reclamar a chegada da alta velocidade a Pontevedra.[21]
- En 2002 apareceu de bombeiro, queixándose pola dificultade de acceso ás rúas peonalizadas.[22]
- En 2003 apareceu vestido de voluntario limpador de chapapote, logo do desastre do Prestige.
- En 2004 apareceu vestido de militar namorado, como homenaxe á BRILAT e ó enlace do Príncipe Felipe con Letizia Ortiz.
- En 2005 apareceu como futbolista para refrotar o Pontevedra CF para a súa permanencia na segunda división. Foi disfrazado de xogador do Pontevedra Club de Fútbol co número 44.[23]
- En 2006 apareceu vestido de bañista do "Puro Lérez" en referencia ao saneamento do río.[24]


- En 2007 apareceu vestido de médico para acabar coas listas de espera.[25]
- En 2008 apareceu vestido de enfermo por sobredose de viagra.
- En 2009 foi vestido de millonario repartindo billetes, dada a situación de crise económica do momento.
- En 2010 foi disfrazado de policía local, debido á medida tomada na zona urbana de Pontevedra de reducir a velocidade dos vehículos a 30 km/h.
- En 2011 foi disfrazado de obreiro, por mor da decisión do goberno de España de aumentar a idade de xubilación até os 67 anos.
- En 2012 apareceu como xastre, cunhas tesoiras por mor dos recortes feitos polas administracións públicas debido á crise económica.
- En 2013 vestiuse coa camisola laranxa que identifica os afectados polas participacións preferentes e sobre un pedestal coa lenda "Loba Caixa Galicia".[26]
- En 2014 apareceu como Ollomóbil, vestido de policía municipal para controlar as prazas de estacionamento.[27]
- En 2015 vestiuse como Cremamóbil, crematorio ambulante, pola polémica dos crematorios na cidade.[28]
- En 2016 apareceu como negociador da fábrica ENCE.[29]
- En 2017 criticou o tarifazo das eléctricas.[30]
- En 2018 apareceu acompañado dunha instalación eléctrica e criticou o alumeado excesivo de Nadal.[31]
- En 2019 defendeu a loita feminista e criticou o maltrato machista.[32]
- En 2020 apareceu coa Ponte do Burgo con motivo da peonalización da ponte.[33]
- En 2022 Ravachol apareceu vacinado e con máscara, pola actualidade da pandemia da COVID-19.[34]
- En 2023 foi disfrazado dunha persoa enferma que non consegue ser atendida polo Sergas, en defensa da sanidade pública.[35]
- En 2024 vestiuse de ecoloxista para loitar contra a instalación de parques eólicos no concello de Pontevedra. Apareceu cunha camiseta coa inscrición "Acibal sen eólicos" e tres aeroxeradores.[36]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Escultura do Papagaio Ravachol na praza da Peregrina
-
Ravachol no Carnaval de 2012
-
Cabeza do papagaio
-
Ravachol en 2015 na Praza da Verdura
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ravachol viste del puente de O Burgo". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de febreiro de 2020.
- ↑ "Ravachol aterriza en el entroido pontevedrés para sumarse a la lucha feminista". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de marzo de 2019.
- ↑ "Ravachol quema el carnaval". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de marzo de 2020.
- ↑ "Ravachol aterriza en el entroido pontevedrés para sumarse a la lucha feminista". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de marzo de 2019.
- ↑ "Ravachol aterriza en el entroido pontevedrés para sumarse a la lucha feminista". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de marzo de 2019.
- ↑ "El loro de D. Perfecto". La Correspondencia Gallega (en castelán). 27 de xaneiro de 1913.
- ↑ "Cuando la muerte de Ravachol dio paso al mito". Faro (en castelán). 27 de xaneiro de 2013.
- ↑ "¡Pobre Ravachol!". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de xaneiro de 1913.
- ↑ "Las mil caras de Ravachol". Diario de Pontevedra (en castelán). 6 de febreiro de 2021.
- ↑ "Cuando la muerte de Ravachol dio paso al mito". Faro (en castelán). 27 de xaneiro de 2013.
- ↑ "La historia del loro Ravachol, el animal más insolente y querido del carnaval pontevedrés". El Español (en castelán). 20 de febreiro de 2022.
- ↑ "Las mil caras de Ravachol". Diario de Pontevedra (en castelán). 6 de febreiro de 2021.
- ↑ ""Este ano Ravachol queda na casa"". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xaneiro de 2021.
- ↑ "Las curiosidades del carnaval de Galicia: el loro Ravachol, los merdeiros y los choqueiros". Cadena COPE (en castelán). 25 de febreiro de 2020.
- ↑ "Ravachol lo larga todo". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xaneiro de 2007.
- ↑ "Ravachol promocionará el carnaval pegado a la pared con cinta americana". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de febreiro de 2020.
- ↑ "Rompen la escultura del loro Ravachol en A Peregrina". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de decembro de 2018.
- ↑ ""Ravachol ya forma parte de la «fauna» de Sargadelos". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de febreiro de 2020.
- ↑ "Los ravacholitos estrenan cajas que cuentan la historia del popular loro". Pontevedra Viva (en castelán). 9 de febreiro de 2022.
- ↑ "Ravachol regresa a la Praza da Peregrina". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de febreiro de 2019.
- ↑ "Ravachol reclama la llegada de la alta velocidad a Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de febreiro de 2001.
- ↑ "El Ravachol bombero se queja de los problemas de la peatonalización". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de febreiro de 2002.
- ↑ "El entierro de Ravachol pone fin esta noche a las actividades del carnaval en Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de febreiro de 2005.
- ↑ "El luto por el Ravachol más polémico despide el carnaval". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de marzo de 2006.
- ↑ "El doctor Ravachol, al rescate del Sergas". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de febreiro de 2007.
- ↑ "El loro Ravachol se viste en su centenario de afectado por las preferentes para su entierro en Pontevedra el sábado". 20 minutos (en castelán). 16 de febreiro de 2013.
- ↑ "Coidado onde aparcades! Xa está aquí Ravachol, o 'ollomóbil' de Pontevedra". Pontevedra Viva. 3 de marzo de 2014.
- ↑ "Ravachol vístese de 'Cremamóbil: incineracións a domicilio' para festexar o Entroido 2015". Pontevedra Viva. 16 de febreiro de 2015.
- ↑ "Ravachol, el negociador de Ence, cierra el carnaval". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de febreiro de 2016.
- ↑ "Pontevedra despide el entroido con el multitudinario entierro de Ravachol". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de marzo de 2017.
- ↑ "O loro Ravachol morreu. Viva Ravachol!!!". Pontevedra Viva. 18 de febreiro de 2018.
- ↑ "Ravachol aterriza en el entroido pontevedrés para sumarse a la lucha feminista". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de marzo de 2019.
- ↑ "Ravachol viste del puente de O Burgo". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de febreiro de 2020.
- ↑ "Ravachol, la vacuna del carnaval en tiempos de coronavirus". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de marzo de 2022.
- ↑ "Ravachol reivindica a sanidade pública". Diario de Pontevedra. 20 de febreiro de 2023.
- ↑ "Ravachol se viste de ecologista para luchar contra los eólicos en Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de febreiro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Papagaio Ravachol ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fortes López, Alberto: Memorias de Ravachol (2006). Bueu: Ed. Paredela 10. ISBN 978-84-611-4421-1