Muralla de Pontevedra

A muralla de Pontevedra foi unha fortificación da cidade de Pontevedra, que desapareceu na súa maior parte cara a finais do século XIX, aínda que no século XXI se conservan algúns restos, sendo o maior o pano con ameas na rúa Arcebispo Malvar. Este pano completo ten aproximadamente 40 metros de lonxitude e pódese acceder a el desde os xardíns dos dous edificios do lado oeste da avenida de Santa María.
Existen, así mesmo, algunhas partes que forman parte de edificacións posteriores e que saíron á luz no decurso de traballos de rehabilitación dos inmobles, como o pano á beira da antiga porta de Trabancas, incorporado na rehabilitación do café Savoy.[1]
Orixe
[editar | editar a fonte]A primeira muralla da cidade foi construída no século XII. A construción da muralla definitiva de Pontevedra iniciouse no século XIII coa finalidade de servir de fortificación defensiva da cidade. A súa construción prolongouse durante o século XIV para se rematar finalmente no século XV. Non cambiou a súa forma e fisionomía até a súa demolición, catro séculos despois. Segundo o historiador Juega Puig, a muralla de Pontevedra sufriu tres ampliacións, a primeira entre os anos 1300 e 1325 e a última efectuada nos anos 1450-1480.

O primeiro recinto amurallado acollería os arredores da parroquia de Santa María. A segunda formulación da muralla daríase coa súa primeira ampliación, que podería ter que ver cunha xeneralizada fase de crecemento dos núcleos urbanos ligados ao mundo pesqueiro, xa que a Pontevedra se lle concedeu en 1229 o privilexio de secar pescadas e vendelas por mar e terra en todo o reino e fóra del e tamén en 1238 outorgóuselle á cidade a exclusividade da fabricación de aceite de peixe. Xurdirá unha nova parroquia, a de San Bertomeu, acollendo máis poboación e incrementando o territorio amurallado, transformándose o trazado inicial en forma de améndoa nunha planta case circular.
A segunda ampliación darase entre os anos 1300 e 1325. A cidade crecía, e esa puxanza levaba consigo, entre outras situacións, o asentamento de ordes relixiosas que fundaron os conventos de San Domingos, San Francisco e Santa Clara, e que aínda que estaban situadas extramuros, respondían o aumento de ánimas ás que espallar a fe.
A terceira ampliación darase a mediados do século XV, crecemento que xa englobaría o convento de San Francisco e que respondería a tres causas: a belicosidade do momento, que expuña maiores reforzos defensivos; o crecemento económico e de poboación, e a necesidade de novos espazos ante a concesión da Feira Franca por Henrique IV de Castela.
Características
[editar | editar a fonte]O recinto amurallado organizábase ao redor de dúas lombas, cuíñas ou castrelos: os ocupados pola Basílica de Santa María A Maior no oeste da cidade antiga e polo convento de San Francisco no leste. A muralla de cachotaría tiña unha altura de 7 metros e estaba rematada por unha fileira de ameas e un camiño de rolda ou adarve en todo o seu percorrido. Este adarve tiña dous metros de largo. A muralla estaba balizada por numerosas torres e defensas e o seu perímetro alcanzaba os 2.170 metros de lonxitude. A torre probabelmente máis coñecida fose a Torre da Bastida, situada no soar que ocupa hoxe o edificio do século XIX da Casa do Concello.[2] Na parte exterior atopábase un foso.
Portas
[editar | editar a fonte]
A muralla tiña 4 grandes portas e 7 poxigos xunto as portas. As catro portas principais da cidade foron:
- Porta de Santa María: situábase á beira da Basílica de Santa María.
- Porta de San Domingos: estaba moi preto do convento dos dominicos, no século XXI, ruínas de San Domingos. Comunicaba co barrio de pescadores da Moureira.
- Porta de Trabancas: unía a praza da Ferrería coa actual praza da Peregrina.
- Porta de Rocheforte: abríase á rúa de Santa Clara na que se atopa o convento gótico das clarisas. Comunicaba co camiño de Castela.
A estas engadiríanse outras dúas portas (a porta Galera e porta do Ribeiro), a da ponte, á beira da ponte do Burgo e a do Barón, preto do actual parador de Turismo.
Este complexo defensivo completábase con torres fortificadas ao longo do seu perímetro. Estas eran:
- As Torres Arcebispais: estaban achegadas á Basílica de Santa María A Maior.
- A Torre do Ouro: na parte norte da muralla, na confluencia do que hoxe son as rúas Serra e Padre Amoedo. O seu nome deriva do feito de que ao parecer estaba feita á semellanza da Torre do Ouro de Sevilla.
- A Torre Bastida: unha torre defensiva que estaba no soar da actual Casa Consistorial de Pontevedra.
- Dúas torres máis entre as portas de Trabancas e Rocheforte.
- Outras dúas torres máis na beira do río Lérez.
A situación das portas principais da muralla de Pontevedra recréase durante a Feira Franca, festa medieval que se celebra todos os anos na primeira fin de semana de setembro e que conmemora a venda libre de impostos durante unha Feira Franca outorgada á cidade polo rei Henrique IV no século XV.
Influencia no urbanismo
[editar | editar a fonte]Tras a construción da muralla, o tecido urbano fica cinguido dentro da estrema da mesma, o cal marca o tamaño dos edificios e mesmo a súa altura, xa que os de máis de tres andares víanse como unha ameaza para o sistema defensivo. As principais portas da muralla marcan os eixos de comunicación da cidade cos catro puntos cardinais.
Funcións da muralla
[editar | editar a fonte]As funcións da muralla eran diversas: protección fronte aos inimigos, pero tamén fronte ás epidemias non permitindo traspasar as portas aos infectados. Tamén posuía unha función moral, como a de dispor que as mulleres de partido exercesen a súa actividade fóra do recinto intramuros: en Pontevedra localizábase no soar que, andando o tempo, empregarase para levantar o santuario da Peregrina.
Con todo, a función máis importante da muralla era a de protexer o tránsito de mercadorías, base da fiscalidade: os dous produtos básicos da economía pontevedresa, o viño do Ribeiro de Avia e a sardiña outoniza apañada polos cercos, debía suxeitarse a uns itinerarios inamovíbeis.
En Pontevedra o viño só podía introducirse pola porta de Santa Clara, que ligaba co Camiño Vello de Castela, por onde introducían os arrieros ao lombo das mulas e en pelellos adubados os caldos de Avia; a porta de Trabancas, que abría a praza da Ferrería ao camiño de Santiago Portugués, comunicaba cos viñedos do Baixo Miño; aproveitando as facilidades que ofrecía a Depresión Galega, os seus transportistas empregaban carros de dous bois e outras tantas rodas, que transportaban cada un unha pipa de viño.
Os tratantes de peixe tamén tiñan sinaladas estas dúas portas e a da Ponte do Burgo; eran arrieiros que transportaban na viaxe de retorno cargas de peixe curado ao interior do país, envasado en banastras ou canastras, nunca pipas ou botas. Este medio de control sobre o tránsito por terra dos dous principais produtos comerciais posuía a efectividade de abondo para que os arrendadores das rendas reais, en 1594, demandasen ao concello que mantivese vixente este antigo costume.[3]

Deterioración e abandono
[editar | editar a fonte]Coa diminución das ameazas de ataques á cidade a muralla vai perdendo a súa función e utilidade, o que contribúe en gran medida a que vaia sufrindo un abandono progresivo. Co transcurso do tempo e os avances militares, a muralla ficou anticuada e pouco útil para a defensa da cidade. O ataque inglés de Homobod en 1719 contribuíu en gran medida á súa degradación.
Desaparición da muralla
[editar | editar a fonte]A mediados do século XIX e por mor das circunstancias anteriormente citadas, por acordo do concello decídese o seu derrubamento para permitir a expansión da cidade e seguir o exemplo doutras cidades europeas, xa que a muralla se consideraba como algo anacrónico e as novas tendencias de demolición de murallas medievais daban un ar de modernidade á concepción do urbanismo do momento. As tarefas de demolición efectuáronse entre os anos 1848 e 1886. O abatemento da muralla empezou pola porta de Trabancas (paso entre a praza da Peregrina e da Ferrería), seguida pola porta de Santa María en 1852 e pola porta Galera. Posteriormente desmantelouse a porta de San Domingos en 1854, que se vendeu á Facenda Pública e colocouse na portada do antigo convento de San Francisco.[4] Tamén se demoleu a Torre Bastida, a Torre do Ouro e as fortificaciones da ponte do Burgo, así como as Torres Arcebispais, que estaban en ruínas desde o ataque inglés de Homobod en 1719 e que foron finalmente derrubadas en 1873.
Da muralla só se salvou pois, e en parte, a porta de San Domingos que foi trasladada ao desamortizado convento de San Francisco, servindo de portada á súa entrada principal.
No século XXI só se conservan unhas pequenas mostras do que foron estes muros de defensa no seu tempo: un pano ameado na rúa Arcebispo Malvar e diversos restos arqueolóxicos e vestixios no seu antigo perímetro, como diante da Basílica de Santa María a Maior (tamén na rúa Arcebispo Malvar) ou na rúa da Serra integrada no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Actuacións
[editar | editar a fonte]No século XXI durante diversas obras de reforma urbana na cidade antiga localizáronse durante as escavacións diversos restos da muralla medieval de Pontevedra. Estes foron estudados, catalogados, e conservados e restaurados na maioría dos casos para pasar a integrar o patrimonio arquitectónico da cidade. Os máis importantes localízanse na rúa do Arcebispo Malvar diante do campiño de Santa María; procedeuse a integralos na paisaxe urbana facendo un paseo ao redor e zonas de céspede. Así mesmo integráronse restos da muralla no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, podéndose ver desde o exterior, xa na parte norte da cidade, moi preto do río Lérez. Outros restos aparecidos integran distintas construcións do perímetro do casco antigo e tamén foron restaurados e poden ser vistos no caso de edificacións cun uso público como o pano no Café Savoy e a casa modernista que pertenceu á confraría da Peregrina.[5] Tamén na rúa Michelena 20, o restaurante tapería A Muralla, conservou integrado no soto outro pano da muralla medieval, convertida nun reclamo e un elemento máis da decoración interior.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "El Savoy llevará integrada y a la vista la muralla medieval". La Voz de Galicia. Consultado o 7 de febreiro de 2011.
- ↑ Messia de la Cerda y Pita, Luis F. (1989). Heráldica, escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona de Pontevedra (Primera ed.). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 848684522X.
- ↑ "Las murallas, sus diversas funciones". Faro de Vigo. Consultado o 5 de novembro de 2012.
- ↑ Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental (Primera ed.). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 387. ISBN 978-84-8457-327-2.
- ↑ "Descubren una muralla medieval en Pontevedra". El País. Consultado o 14 de novembro de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Muralla de Pontevedra ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigra Trea. ISBN 84-95364-40-9.
- Fortes Bouzán, Xosé (1993). Historia de la ciudad de Pontevedra (1ª edición). A Coruña: Gaesa.
- García Sainz, Eduardo (2005). Unha ollada á muralla medieval de Pontevedra (1ª edición). Gallaecia, nº24.
- Messia da Porca e Pita, Luís F. (189). Heráldica, escudos de armas labradas en pedra existentes na zona de Pontevedra (1ª edición). Pontevedra: Deputación de Pontevedra.