Berebistas
Biografía | |
---|---|
Nacemento | década de 90 a. C. |
Morte | 44 a. C. (36/46 anos) |
Rei de Dacia | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Dacia |
Ocupación | rei |
Outro | |
Título | Rei |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Berebistas (tamén como Birebistas ou Burebistas) foi un rei dacio, que levantou un extenso e breve imperio nas terras do Danubio entre os anos 60 a. C. e 44 a. C., para o que contou coa axuda de Deceneo, o seu sacerdote, quen seguramente impuxo unha reforma relixiosa e moral no seu reino que o levou a arrincar os viñedos.
Unificou á poboación tracia dende o río Hercinica (o actual Morava) ao oeste, até o Bug no leste, e dende os Cárpatos setentrionais até Dionisópole, elixindo a súa capital (chamada Argedava ou Sargedava) preto de Costeşti, actualmente ao suroeste de Romanía, nos outeiros Orăştie, onde se erixiron as fortalezas dacias das montañas Orastia.
Campañas militares
[editar | editar a fonte]Polo oeste atacou os escordiscos (56 - 50 a. C.), quen se converteron nos seus mercenarios. Aniquilou aos boios e tauriscos (circa 45 a. C.), mentres que polo leste, con axuda dos bastarnos como aliados, someteu e impuxo un protectorado ás cidades gregas do Ponto Euxino, dende Apolonia (Sozopol) até Olbia, e espallou o seu poder até Tracia. Desta forma, logrou espallar o seu reino até o Danubio e o Morava.
Proba do seu poder é o feito de que Pompeio buscase a súa alianza no 48 a. C. durante a Guerra Civil contra Xulio César, quen tamén se decatou da ameaza que supuña. Por iso é polo que planease emprender unha campaña contra Berebistas no 44 a. C., aínda que non se materializou debido ao seu asasinato, así como o de Berebistas, que debeu suceder polas mesmas datas, ficando o reino dividido. Non obstante o "problema xeta/dacio" aínda pervivía na época de Augusto.