Bergen-Belsen
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Alemaña | ||||
Estado federado | Baixa Saxonia | ||||
District of Lower Saxony (en) | Celle (pt) | ||||
Sitio web | bergen-belsen.stiftung-ng.de… |
Bergen-Belsen foi un campo de concentración nazi, tamén chamado Stalag 311, situado preto de Celle (Hannover), no estado da Baixa Saxonia en Alemaña. O nome de Bergen-Belsen deuselle pola próxima vila de Belsen, que logo da segunda guerra mundial mudou o seu nome polo de Hohne.
Historia
[editar | editar a fonte]Posto en funcionamento no ano 1940, ao comezo Bergen-Belsen foi un campo de prisioneiros belgas e franceses baixo o mando da Wehrmacht. En 1941 levaron alí 20000 prisioneiros rusos. En 1943 por decisión de Heinrich Himmler foi requisado polas SS e transformado nun campo de exterminio ao levar alí 10 000 xudeus coa intención de seren cambiados por prisioneiros de guerra alemáns.[Cómpre referencia]
Dende 1944 ata a súa liberación en 1945, as condicións de vida no campo empeoraron terriblemente, a decisión de levar alí prisioneiros enfermos doutros campos marcou o destino dos prisioneiros de Bergen-Belsen, durante ese período de tempo sucedéronse varias epidemias que acabaron coa vida de milleiros de prisioneiros. O nomeamento de Josef Kramer (procedente de Auschwitz) como comandante do campo o 2 de setembro de 1944 empeorou aínda máis as cousas. Kramer introduciu novas medidas para aumenta-lo sufrimento dos prisioneiros: eliminou os vestixios de autoadministración xudía, privou os prisioneiros de comida durante varios días e retirou aos prisioneiros de intercambio dos seus últimos privilexios. A ración de comida foi reducida a unha cunca de sopa e a unha rabada de pan. A terrible fame deu lugar a varios casos de canibalismo.
Liberación
[editar | editar a fonte]O 15 de abril de 1945 tropas británicas liberaron o campo tras un alto o fogo acordado polas dúas partes que non desexaban que as enfermidades se espallaran. As SS tentaron borra-las probas dos seus crimes, obrigando aos prisioneiros a enterra-los cadáveres nas fosas comúns antes de que chegaran os aliados. Pero aínda así, cando os británicos entraron atoparon uns 10 000 cadáveres aínda sen enterrar. As SS foron obrigadas a enterralos. Foron necesarios bulldozers para arrastrar os corpos ata as fosas e impedir máis epidemias.
A xente que vivía preto afirmou non saber nada do que se facía no campo e foi levada dentro para que foran testemuñas do que os nazis chamaban a Solución final.
A evacuación do campo comezou o 24 de abril pero ata mediados de maio non foi posible terminala. Trala evacuación Bergen-Belsen foi incendiado.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bergen-Belsen |