Biblioteca Popular de la Dona
A Biblioteca Popular de la Dona foi a primeira biblioteca pública feminina de Europa. Creada en 1909 en Barcelona, adiantouse case vinte anos a outros proxectos similares, como a Fawcett Library de Londres. O éxito da iniciativa foi tal que un ano despois converteuse en instituto e mudouse do claustro de Santa Anna, a súa primeira localización, á Casa da Misericordia, na rúa d'Elisabets, en Barcelona.[1] É antecesora do actual Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison.
Obxectivo e servizos
[editar | editar a fonte]O obxectivo do Institut de Cultura i Biblioteca Popular per a la Dona era promover a ilustración e a cultura feminina. Tiña a vontade de mesturar «o útil co agradábel» e de ofrecer coñecementos científicos, artísticos e manuais. A combinación dos tres tipos de ensino foi o que fixo do Institut un centro excepcional no referido á oferta cultural dirixida ás mulleres na Cataluña das primeiras décadas do século XX.
Optouse por adaptar e axustar a proposta formativa do Institut ao «movemento progresivo do comercio e da industria». Así, o centro ofreceu unha formación especializada para que as mulleres puidesen incorporarse ao mercado laboral dotadas de todo un conxunto de coñecementos e competencias necesarias para as novas profesións. Tempo despois, o Institut creou a sección de Industrias Artísticas e puxo en marcha distintos obradoiros inspirados no movemento británico Arts and Crafts. Este movemento xa se estendera por varios países europeos, e os obradoiros contaron cunha alta participación de mulleres.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O Institut, a través de Francesca Bonnemaison, estivo vinculado dende o inicio a diferentes entidades destinadas ao fomento dos oficios artísticos. Entre elas estaba o Foment de les Arts Decoratives, institución creada en 1903 e coñecida actualmente como Foment de les Arts i del Disseny.[3]
Desde 1914-1915, o Instituto implantou un novo currículo que ofrecía un título preparatorio de cultura xeral e bacharelato. A súa directora pedagóxica, Rosa Sensat, marcou como obxectivo «dotar as mulleres dunha base de cultura científica e artística que fose garantía de perfección no seu traballo e que lles permitise loitar con éxito no exercicio da súa carreira profesional en condicións de superioridade».[4]
O número de alumnas do Instituto crecía a medida que se ía ampliando a oferta académica con cursos totalmente innovadores para a época. Un deles foi o de Delineación, impartido a partir de 1918 por Leonor Ferrer, a primeira muller delineante de España e xefa da oficina de plans da Sociedade Xeral de Teléfonos.[5] Outros cursos non tan innovadores, como os de cociña, contaron cunha asistencia masiva, a cal fixo ao equipo directivo considerar a necesidade de contar cun espazo de seu. Tamén ampliaron os seus servizos, como as bolsas de traballo ou o aumento dos fondos da biblioteca.[6]
O 8 de outubro de 1922, coincidindo coa apertura formal do curso 1922-23, inaugurouse a nova sede no número 7 da rúa de Sant Pere més Baix. O edificio permitiu acoller a máis de 30 000 mulleres e o crecemento do Institut era imparábel. Porén, a partir de 1930, o progresivo endebedamento económico e o posterior estalido da guerra dificultaron o funcionamento da institución. Rematada a Guerra Civil, o consello de administración do Institut cedeulle á Deputación de Barcelona «todo o haber do Instituto de Cultura e Biblioteca Popular de la Muller, facéndose cargo a mesma de todo o activo e pasivo da institución para que continúe a obra social do Instituto».[7]
Durante o franquismo e a Transición española, o instituto foi ocupado por varias institucións. En 2003, grazas á presión de varios colectivos de mulleres, a sede do instituto volveu ao que fora na orixe, un espazo de mulleres. Ese ano fundouse o Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison, un fito na topografía feminina da cidade.[8]
O Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona custodia un importante fondo documental pertencente á institución, que abarca de 1909 a 1935.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
- ↑ Flecha García, Consuelo (2005). Treinta retratos de maestras "De la Segunda República hasta nuestros días. Cuadernos de pedagogía especial 30 años" (en castelán) (1ª ed.). Madrid: Ciss Edición Fiscal. ISBN 9788471978318. OCLC 639071052.
- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
- ↑ "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Segura, Isabel (2007). Memòria d'un espai. Institut de Cultura i Biblioteca Popular de la Dona, 1909-2003 (1ª ed.). Publicacions de l'Abadia de Montserrat. ISBN 9788484159292.
- Segura, Isabel; Cabó, Anna (2005). "Francesca Bonnemaison i Farriols: constructora de un espacio cultural de mujeres". Treinta retratos de maestras "De la Segunda República hasta nuestros días. Cuadernos de pedagogía especial 30 años". Madrid: Ciss Edición Fiscal. ISBN 9788471978318.