Botriocefalíase
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A botriocefalíase é unha enfermidade parasitaria humana producida por un cestodo, Diphyllobothrium latum, a tenia do home de maior tamaño: 4-10 metros, e que se adquire por consumo de peixe pouco cociñado.
Etioloxía
[editar | editar a fonte]O verme responsable da enfermidade é un cestodo, un verme plano, que vive parasito no intestino delgado humano aínda que tamén pode afectar cans, gatos, porcos e mamíferos mariños. Mide entre 4 e 10 metros [1] e pode ter 3.000-4.000 segmentos ou proglotes, moito máis anchos que largos a diferenza das outras tenias humanas [2]. Na cabeza, escólex, hai dúas fendas chamadas botridios, coas que se fixa á parede abdominal.
Existen outras especies que provocan un cadro semellante, pero son moito menos frecuentes: Diphyllobothrium pacificum, D. cordatum, D. ursi, D. dendriticum, D. lanceolatum, D. dalliae e D. yonagoensis.
Ciclo biolóxico
[editar | editar a fonte]As proglotes maduras liberan os ovos no seo do intestino en número moi elevado (ata un millón de ovos ó día), que se eliminan coas feces [3]. Os ovos necesitan acceder á auga para evolucionar: na auga, no ovo fórmase un embrión hexacanto [4] que se transforma ós 18-20 días nun coracidio, ciliado, que nada libre nas augas.
Son necesarios dous hóspedes intermediarios. O primeiro é un crustáceo copépodo, que inxire eses coracidios. No seu interior, estes transfórmanse en larvas procercoides. O segundo hóspede son pequenos peixes que inxiren eses crustáceos coas larvas nos seus tecidos: nos peixes, aquelas larvas mudan a larvas plerocercoides, que se localizan nas vísceras e músculos. Esta larva, xa infestante para o home, pode verse facilmente pois mide 1–2 cm de lonxitude por 2–3 mm de ancho. Se se dá o caso de que outro peixe maior preda nun peixe infestado, a larva non evoluciona senón que se mantén latente en estado larvario á espera do hóspede definitivo. Este fenómeno facilita a infestación, xa que concentra as larvas e, de por parte, aqueles pequenos peixes non serían obxecto de consumo humano.
O home contáxiase por comer peixe cru ou pouco cociñado: salmón, troita, perca etc. Tamén transmiten a enfermidade os afumados, salgados ou encurtidos. A larva evoluciona a estado adulto e comeza a poñer ovos ó cabo de 5-6 semanas, pechándose así o ciclo.
Patoxenia
[editar | editar a fonte]Como noutras teníases, a botriocefalíase é asintomática ou presenta unha sintomatoloxía leve, que consiste en molestias intestinais, diarrea, vómitos, avitaminoses, anemia. Poden presentarse complicacións como obstrución intestinal ou do conduto biliar.
Tratamento e prevención
[editar | editar a fonte]O tratamento con praziquantel ou niclosamida, os antihelmínticos máis frecuentes, é eficaz.
A medida preventiva máis segura é absterse de comer peixe cru ou pouco cociñado. As larvas inactívanse por cociñado a temperaturas superiores a 63 °C ou tras conxelación a -20 °C durante 7 días; a ultraconxelación a -35 °C e conservación posterior a -20 °C é eficaz ó cabo de 24 horas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo o Centro para o Control e a Prenvención de Enfermidades (CDC), poden chegar a medir ata 30 metros.
- ↑ T. solium ou T. saginata teñen as proglotes máis longas que anchas.
- ↑ Outra diferenza respecto ás tenias máis coñecidas, nas que as proglotes maduras se expulsan coas feces e liberan os ovos no exterior.
- ↑ Con 6 espiñas no escólex.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BRUMPT, Lucien e BRUMPT, Valentín: Parasitología práctica. Toray-Masson, Barcelona1969.
- SAIZ MORENO, Laureano: Las zoonosis. Aedos, Barcelona 1976.
- VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.