Burga de Xermeade
A burga de Xermeade é un antigo manancial situado en Xermeade (Reis, Teo) á beira do río Ulla. Ten augas sulfuradas, cloruradas e sódicas, que xorden a unha temperatura constante de 15 °C. A fonte dun só cano, verte a un estanque circular duns 3 m de diámetro de pedra labrada, onde poden entrar a tomar o baño ata 24 persoas á vez. Non se sabe con certeza a época do seu descubrimento, pero polo menos hai máis de dous séculos que as augas medicinais se utilizan. Nesa época a fonte era de uso público, pero aló polos anos trinta do século XX unha familia tentou privatizar a fonte, pero os veciños de Pontevea presentaron un preito pola propiedade do manancial. Nos anos cincuenta dese mesmo século as autoridades permitiron a construción dunha pequena casa de baños mentres o xulgado non emitía sentenza sobre a titularidade das terras. Finalmente os veciños gañaron o preito e a casa de baños quedou en desuso, arestora está en ruínas reconvertida en merendeiro a carón da bañeira.
O manancial, de gran sona en toda a bisbarra, acolleu visitantes chegados de toda Galicia. As últimas décadas do século XIX e primeiras do século XX foron as de maior relevancia, chegando a computarse ata 300 bañistas diarios que repousaban nas diferentes fondas e "casas de baño de Pontevea", chegando a funcionar ata 5 casas de baño.
O manancial da burga de Xermeade figuraba nas principais publicacións sobre augas mineiro-medicinais dende mediados do século XIX, como o número 22 da Revista Médica publicado o 15 de xaneiro de 1849, aparecía recollido un artigo do ilustre químico galego Antonio Casares no que se mencionaban as sulfurosas augas da burga.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
A burga de Xermeade
-
Canos da burga de Xermeade
-
A burga de Xermeade (vista superior co río Ulla de fondo)
-
Panel informativo da Burga de Xermeade
-
A burga de Xermeade (contorna e antiga casa de baños)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Burga de Xermeade na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.