Saltar ao contido

Bustrófedon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cualifícase de bustrófedon (do grego βουστροφηδόν bustrophêdón, de βοῦς bũs «boi» e στροφή strophế «acción de xirar»; en grego a palabra é un adverbio, pero en galego adáptase como substantivo) o trazado dun sistema de escritura que muda alternativamente de sentido de liña en liña, ao xeito dun boi ao arar os sulcos no campo, de dereita a esquerda e logo de esquerda a dereita. Moitas veces, o ductus das letras invértese ao cambiar de sentido; por exemplo, a letra Є trazada de esquerda a dereita volveríase Э de dereita a esquerda.

Escribíronse en bustrófedon principalmente estadios antigos de escritura que despois se fixaron nun sentido preciso: o grego, por exemplo, ao principio escribiuse de dereita a esquerda, como o fenicio de onde xurdiu, logo en bustrófedon e finalmente de esquerda a dereita. O paso polo bustrófedon marca, pois, unha dúbida. O alfabeto etrusco funciona ás veces así. As taboíñas rongo-rongo da Illa de Pascua están escritas en bustrófedon inverso: lese a primeira liña da esquerda cara á dereita, logo faise virar a taboíña 180°, lese igualmente a segunda liña da esquerda cara á dereita, e así sempre.

Exemplo de texto grego arcaico en bustrófedon

[editar | editar a fonte]

Inscrición de Sigeion, circa 550-540 antes da nosa era (British Museum, número de inventario BM GR 1816.6-10.107) :

Inscrición en bustrófedon Texto normalizado Interpretación
ΦΑΝΟΔΙΚΟ

ΕΜΙΤΟΡΜΟΚ
ΡΑΤΕΟΣΤΟ
ΠΡΟΚΟΝΝΗ
ΣΙΟΚΡΗΤΗΡ
ΑΔΕ:ΚΑΙΥΠΟΚ
ΡΗΤΗΡΙΟΝ:Κ
ΑΙΗΘΜΟΝ:ΕΣΠ
ΡΥΤΑΝΗΙΟΝ
ΕΔΩΚΕΝ:ΣΥΚΕ
ΕΥΣΙΝ

Φανοδίκο

ἐμὶ τὀρμοκ-
ράτεος το͂
Προκοννη-
σίο κρητῆρ-
α δὲ καὶ ὐποκ-
ρητήριον κ-
αὶ ἠθμὸν ἐς π-
ρυτανήιον
ἔδωκεν Συκε-
εῦσιν.

Nota bene: a inscrición preséntase en dous alfabetos e dialectos: xónico e despois ático (co alfabeto epicórico local); o exemplo dado so recolle o texto escrito en xónico (de onde o emprego de η onde o ático tería ᾱ), coas letras actuais e non as do documento orixinal. En efecto, ao datar este de antes da reforma de -403 (adopción dun alfabeto oficial lixeiramente diferente dos usos locais), non segue tampouco a ortografía clásica: ο, por exemplo, serve para notar a vogal /ọ̄/ (longo e pechado), que despois se transcribirá ου (Φανοδίκο = Φανοδίκου etc.).

O texto epigráfico significa: «Eu son [a estela] de Fanódico, [fillo] de Hermócrates, [fillo] de Proconeso, e el deu aos Sixeenses unha vasilla para o viño co seu soporte así como un pasador, [depositados] no pritaneo».

Artigos relacionados

[editar | editar a fonte]