Saltar ao contido

Miocito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Célula muscular»)
Estrutura da célula muscular e da unión neuromuscular:
1. Axón
2. Unión neuromuscular
3. Fibra muscular (miocito)
4. Miofibrila.
Estrutura dun sarcómero:
S = sarcómero, unidade funcional do músculo
A = banda A, rexión da miosina con solapamento parcial coa actina
I = banda I, rexión da actina
H = zona H, rexión de só miosina
Z = liña Z, límite do sarcómero
M = liña M, centro do sarcómero.

O miocito, tamén chamado fibra muscular ou célula muscular é o tipo de célula que forma o tecido muscular. Son células longas e tubulares que se orixinan a partir de mioblastos.[1] Hai varias clases de miocitos, especializados segundo o tipo de músculo no que se atopen, polo que se distinguen os seguintes tipos:

  • Fibra muscular estriada esquelética. Forman os músculos esqueléticos, é dicir, os músculos unidos aos ósos do esqueleto formando o aparato locomotor, que causan os movementos do corpo controlados voluntariamente. Están cheas de miofilamentos de proteínas contráctiles (actina e miosina principalmente) moi ordenados formando uns paquetes chamados miofibrilas, que presentan lonxitudinalmente unha sucesión de unidades contráctiles chamadas sarcómeros. A superposición regular destes filamentos dá lugar a unhas estriacións na fibra perfectamente visibles ao microscopio, tanto na miofibrila como na célula muscular completa. Estes miocitos son cilíndricos, moi longos e estreitos e afiados nos extremos, polo que son fusiformes, e teñen varios núcleos en posición superficial.[2]
  • Fibra muscular estriada cardíaca. Non son cilíndricos e fusiformes senón que se bifurcan e conectan con outros adxacentes por uns extremos especializados chamados discos intercalares. Tamén forman sarcómeros e estriacións, pero teñen un só núcleo situado en posición profunda e son de contracción involuntaria.
Os miocitos cardíacos, ademais de seren responsables da contracción do corazón, son tamén responsables de xerar os impulsos eléctricos que controlan a frecuencia cardíaca. Esta función exércena miocitos cardíacos especializados situados no nodo sinoauricular, nodo auriculoventricular e feixe de His do corazón (ver fibra de Purkinje).[2]
  • Fibra muscular lisa. Forman os músculos das paredes de órganos e condutos e orixinan a contracción e peristaltismo involuntario de ditas paredes. Son fusiformes e agrúpanse en láminas ou feixes. Presentan un núcleo único e carecen de sarcómeros e estriacións, xa que as súas miofibrilas están bastante desordenadas.[2]
Artigos principais: Miofibrila e Sarcómero.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

A microestrutura infrecuente das células musculares fixo que se lle deran denominación especiais ás súas partes. Na táboa indícanse eses termos e a súa equivalencia cos termos citolóxicos xerais:

Célula muscular Outras células
sarcoplasma citoplasma
retículo sarcoplásmico retículo endoplasmático liso
sarcosoma mitocondria
sarcolema membrana plasmática

Control funcional

[editar | editar a fonte]

Kindlin-2 xoga un papel na elongación.[3]

GATA4 e GATA6 xogan un papel na diferenciación.[4]

  1. MeshName - Myocytes
  2. 2,0 2,1 2,2 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 267, 275, 296. ISBN 84-7605-361-4
  3. Dowling JJ, Vreede AP, Kim S, Golden J, Feldman EL (2008). "Kindlin-2 is required for myocyte elongation and is essential for myogenesis". BMC Cell Biol. 9: 36. PMC 2478659. PMID 18611274. doi:10.1186/1471-2121-9-36. 
  4. Zhao R, Watt AJ, Battle MA, Li J, Bondow BJ, Duncan SA (2008). "Loss of both GATA4 and GATA6 blocks cardiac myocyte differentiation and results in acardia in mice". Dev. Biol. 317 (2): 614–9. PMC 2423416. PMID 18400219. doi:10.1016/j.ydbio.2008.03.013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]