Saltar ao contido

Liña xerminal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Célula xerminal»)
Watsonia meriana, un exemplo de apomixe.

En bioloxía e xenética, a liña xerminal dun organismo multicelular é a poboación de células corporais que se diferencian ou son segregadas no proceso usual de reprodución e poden transmitir o seu material xenético á proxenie.[1] As células da liña xerminal deromínanse células xerminais.[2] Por exemplo, nos animais as células xerminais son os gametos como os espermatozoides e óvulos e as células das que derivan. Por tanto, son células xerminais os gametocitos (ovocito, espermatocito), que producen os gametos, e as que producen os gametocitos, chamadas gametogonias (espermatogonia, ovogonia).[2] Nos organismos con reprodución sexual, as células que non forman parte da liña xerminal denomínanse células somáticas.

Como norma xeral o modo de transmitir o material xenético é un proceso de reprodución sexual; tipicamente é un proceso que inclúe cambios sistemáticos no material xenético, que se orixinan durante a recombinación, meiose e fecundación ou singamia por exemplo. Porén, hai moitas excepcións, como varias formas de apomixe, autogamia, automixe, clonación, ou partenoxénese.[3][4]

As mutacións, recombinacións ou outros cambios xenéticos na liña xerminal poden transmitirse á descendencia, mentres que os cambios nas células somáticas non.[5] Isto non se ten que aplicar a organismos que se reproducen somaticamente, como as esponxas[6] e moitas plantas. Por exemplo, moitas variedades de Citrus,[7] de Rosaceae e dalgunhas Asteraceae, como Taraxacum producen sementes por apomixe cando células somáticas diploides desprazan o óvulo ou o embrión en fases temperás.[8]

O termo liña xerminal pode utilizarse tamén para indicar a liñaxe de células ao longo de moitas xeracións de individuos, por exemplo, a liña xerminal que liga calquera individuo co seu hipotético último antepasado universal, do cal descenden todos.

  1. Pieter Dirk Nieuwkoop; Lien A. Sutasurya (1979). Primordial Germ Cells in the Chordates: Embryogenesis and Phylogenesis. CUP Archive. ISBN 978-0-521-22303-4. 
  2. 2,0 2,1 Nikolas Zagris; Anne Marie Duprat; Antony Durston (30 November 1995). Organization of the Early Vertebrate Embryo. Springer. pp. 2–. ISBN 978-0-306-45132-4. 
  3. Juan J. Tarin; Antonio Cano (14 September 2000). Fertilization in Protozoa and Metazoan Animals: Cellular and Molecular Aspects. Springer. ISBN 978-3-540-67093-3. 
  4. Andrew Lowe; Stephen Harris; Paul Ashton (1 April 2009). Ecological Genetics: Design, Analysis, and Application. John Wiley & Sons. pp. 108–. ISBN 978-1-4443-1121-1. 
  5. C.Michael Hogan. 2010. Mutation. ed. E.Monosson and C.J.Cleveland. Encyclopedia of Earth. National Council for Science and the Environment. Washington DC
  6. Brusca, Richard C.; Brusca, Gary J. (1990). Invertebrates. Sunderland: Sinauer Associates. ISBN 0878930981. 
  7. Akira Wakana and Shunpei Uemoto. Adventive Embryogenesis in Citrus (Rutaceae). II. Postfertilization Development. American Journal of Botany Vol. 75, No. 7 (Jul., 1988), pp. 1033-1047 Published by: Botanical Society of America Article Stable URL: http://www.jstor.org/stable/2443771
  8. K V Ed Peter (5 February 2009). Basics Of Horticulture. New India Publishing. pp. 9–. ISBN 978-81-89422-55-4.